InicioMovementos sociaisCampaña de sinaturas en Monforte para poñerlle cuberta a un parque

Campaña de sinaturas en Monforte para poñerlle cuberta a un parque

A ANPA do CEIP da Gándara vén de facer unha petición na plataforma Change.org para buscar apoio popular e solicitarlle despois ao concello que realice esta mellora no parque que está a construír no Barrio do Hospital.

Publicado o

- Advertisement -

A iniciativa que impulsa a ANPA do CEIP da Gándara a través da plataforma Change.org, e que fixo chegar a outras asociacións de nais e pais de centros escolares do Concello de Monforte para apoiala, ten como obxectivo recoller sinaturas para conseguir que se dote dunha cuberta ao novo parque público que se está a construír no Barrio do Hospital da cidade do Cabe.

Segundo nos conta Marta Rodríguez, da Anpa deste centro escolar monfortino, a idea xurdiu despois de falar con varias nais doutros colexios e chegar á conclusión de que era unha mágoa que o novo parque infantil que se está a construír a carón do Hospital Comarcal de Monforte non tivese zonas de sombra nin protección para a choiva.

Tamén nos explica que saben, polo que transcendeu á prensa, que se supón que hai zonas verdes pero non teñen detalles de que se poñerá, e claro, as posibles árbores que se planten tardarán moito tempo en poder dar sombra.

“Tras unha serie de inconvenientes que produciron a paralización das obras do Parque do Barrio do Hospital desta cidade, o pasado mes de abril puidéronse retomar os traballos neste. Estas obras, tendo en conta as notas de prensa, avanzan segundo o planificado polo que cren que poderán estar rematadas no mes de xullo. No proxecto actual fálase de pavimento de caucho, de céspede artificial, de mobiliario, de valla perimetral, do novo estacionamento, de zonas verdes, de elementos biosaudables, de parque de xogos infantís, de paseos peonís… pero non de opcións (faltan árbores cun tamaño axeitado) que permitan desfrutar da zona de xogo en días de moito sol, de choiva… que supoñen a inmensa maioría”, sinalan textualmente na súa petición en Change.org.

Consideran, ademais, que a mellora construtiva solicitada “non suporá un gran orzamento e si moitos beneficios para o conxunto da poboación no noso concello”. Neste senso, Marta explícanos que unha nai preguntou a alguén da empresa adxudicataria que realiza as obras polo posible prezo de poñer a cuberta, e seica lle dixeron que “podía supoñer un 10% por enriba do orzamento que tiñan”.

Agora, non estando incluída esta obra no proxecto e orzamento aprobados polo Concello de Monforte, antóllase moi difícil, por non dicir imposible, que esta reforma vaia a incluírse tendo en conta que en xullo teñen que estar rematadas as obras.

A ESTRATEXIA

Segundo nos explica Marta Rodríguez, a estratexia para conseguir o obxectivo buscado é comezar recollendo sinaturas “para que se vexa que hai moita xente interesada”. E como facelo ao estilo tradicional resultaba difícil, máis agora que lles colle o tema co fin de curso, decidiron buscar unha forma de recollelas máis sinxela, a través da plataforma change.org. Segundo refire, “cando se remata a acción pódese sacar un excel coa relación dos asinantes e sería equivalente á recollida tradicional”.

O seguinte paso será levar ao Concello de Monforte esas sinaturas e solicitarlle que se teña en conta a petición da veciñanza.

Van camiño das 100 sinaturas e a esta acción inicial, “o caso era empezar”, di Marta, seguiranlle outras accións reforzando o apoio de todas as Anpas da cidade e visibilizando máis a necesidade da cuberta, pero quizais xa pensando de impulsalas pasado o verán.

MONFORTE NON CONTA CON ESPAZOS DE LECER INFANTIL CUBERTOS

Monforte non conta actualmente con ningún parque infantil cuberto, só hai unha pista deportiva no Parque Municipal-Infantil na Rúa Doutor López Suárez e o seu uso é moi limitado por cubrir unicamente unha cancha de fútbol e baloncesto.

Na petición que se fai a través de internet, a ANPA do CEIP da Gándara sinala tamén a importancia de contar “cunha zona de esparexemento tapada onde poder estar coas crianzas cando se alcanzan as elevadas ou baixas temperaturas tan típicas do noso clima ou en días de choiva”, e aproveita para referirse a varios concellos de Galicia que contan xa con este tipo de infraestruturas para o lecer infantil protexido das inclemencias meteorolóxicas. Citan, como exemplo: Culleredo, Allariz, Maside, Oleiros, Meira, Lugo, Porto do Son, Trives, Nogueira de Ramuín, Boiro, Ordes, ou Rianxo.

Pódese asinar esta petición a través desta ligazón: https://www.change.org/p/cuberta-xa-para-o-novo-parque-do-barrio-do-hospital-de-monforte-de-lemos

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...