O IES Daviña Rey únese ao reto de ‘vivir 21 días en galego’

Este instituto de Monforte de Lemos é un dos catro de Galicia que participan nun programa que ten como finalidade promover o uso do galego oral dentro e fóra dos centros de ensino.

IES Daviña Rey. Fonte: Facebook

O centro de ensino monfortino é o representante da provincia de Lugo nesta innovadora iniciativa, bautizada como “21 días co galego e +”, que nace para que o alumnado fale máis o galego, para que o perfeccione, para que reflexione sobre a relación desta lingua con outras que coñece e tamén para que valore a importancia que lle dá no día a día.

Neste programa participa alumnado da ESO, bacharelato e FP, con idades que van dos 12 aos 18 anos. Os rapaces e rapazas participantes comprométense cos seus profesores a falar só en galego as 24 horas do día durante os 21 días que durará o programa. Quérese demostrar con esta experiencia que podemos incorporar o hábito de falar galego se repetimos a acción de falalo durante 21 días consecutivos, que disque é o tempo que tarda o cerebro na formación dunha rutina.

No video de presentación do programa que fixeron os rapaces e rapazas do IES Daviña Rey incluiron un informativo no que a noticia do “21 días en galego e +” era a protagonista. Dende o estudio onde se emitía o informativo dan paso a unha reporteira que entrando no instituto vai preguntando aos alumnos e alumnas sobre esta iniciativa. Ao longo destes 21 días teñen que desenvolver, cando lles corresponda, diferentes actividades que axuden a fomentar o uso do galego e que deben plasmar nunha peza audiovisual. Os temas a tratar polos monfortinos/as están relacionados coa gastronomía, a banda deseñada, os países lusófonos e o Entroido de Salcedo. Os traballos de cada instituto irán saíndo cada día, segundo a que centro lle toque, nunha web creada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

como xorde este programa?

21 días co galego naceu como unha experiencia didáctica que botou a andar no IES da Pobra do Caramiñal no ano 2013 da man da profesora Pilar Ponte. Dende entón desenvolvéronse cinco edicións máis recibindo no 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o pasado ano un recoñecemento por parte da Real Academia Galega.

Aproveitando o éxito desta iniciativa, e o seu carácter moderno e innovador, a Secretaría Xeral de Política Lingüística apostou por ela e decidiu levala este ano a catro centros de ensino galegos, un por provincia.

Nesta edición, o programa leva como subtítulo “Vivir en galego no século XXI”, pois xorde co ánimo de compartir a ilusión por conservar, recuperar e crear falantes que vivan o galego como unha lingua a medrar chea de posibilidades.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here