InicioOpiniónCobrar por respirar

Cobrar por respirar

Sería viable e útil para a sociedade unha 'renda básica universal'?

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

Se dixeramos que toda persoa, polo feito de selo, de ter nacido -algo que ninguén escolleu-, polo feito de existir debera ter garantido un mínimo: un lugar onde vivir, un prato de comida e unha atención sanitaria digna, moita xente, mesmo estando dacordo, pensaría que é inviábel.

Isto sucede porque, con frecuencia, carecemos de información sobre moitas das iniciativas que, desde hai xa ben anos, se teñen desenvolvido neste sentido. Por exemplo: entre 1974 e 1979 -hai máis de corenta anos- o pobo de Dauphin, en Manitoba (Canadá), viviu a experiencia da renda básica universal. Tratábase de averiguar se un pago mínimo mensual melloraría a vida da cidadanía ou, como aseguraba quen estaba en contra, levaría á poboación cara á ociosidade ou á vagancia.

Esta experiencia piloto levouse a cabo co nome de “Mincome” e deu lugar a miles de páxinas que, en liñas xerais, descobren o que pasa cando as persoas cobran aínda que non traballen, é dicir, cobran só por respirar, coma se dixeramos. Foi a socióloga Evelyn Forget quen descubriu a documentación dese estudo e foi no ano 2011 cando publicou o resultado de tal experimento. Algunhas das conclusións ás que chegou foron as seguintes:

1. A motivación para buscar traballo non se reducía.
2. A sociedade avanzou cara unha menor inxustiza.
3. As persoas eran máis felices.
4. A violencia doméstica descendeu.
5. O número de accidentes de tráfico e as hospitalizacións psiquiátricas diminuíron.
6. A ocupación da mocidade e máis da infancia reduciuse, posibelmente, porque a xente nova se liberaba da necesidade de apoiar economicamente ás súas familias e estas podían dedicarse a coidar ás fillas e fillos.
7. As visitas ao médico diminuíron.
8. Un maior número de adolescentes rematou os estudos.
9. Non prexudicou o mercado laboral.

“Sabían que unha enfermidade repentina, unha incapacidade ou un evento económico imprevisto non sería economicamente devastador”, explica Evelyn Forget. O efecto máis claro foi a desaparición desa incerteza inmobilizadora que causa o medo a perdelo todo e que fai estragos nas persoas máis desfavorecidas. Como consecuencia destes resultados, en xeral positivos, os gastos/custes do Estado de Benestar podían reducirse considerabelmente, o que compensaba o investimento.

No 2017, o Concello de Barcelona puxo en marcha o proxecto piloto B-MINCOME dentro do programa Urban Innovative Action, da Unión Europea. Trátase dun proxecto piloto cuxo obxectivo é loitar contra a pobreza e a desigualdade social en zoas desfavorecidas de Barcelona. O proxecto trata de testar a eficacia e a eficiencia de combinar unha renda básica ou renda garantida con políticas ou programas activos de inserción socio laboral.
O obxectivo principal deste proxecto é analizar durante dous anos cal é a maneira máis eficaz para reducir as desigualdades e evitar a reprodución da pobreza, así como probar un futuro Salario Mínimo de Inclusión, cuxa función é garantir que todas as persoas residentes na cidade dispoñan duns ingresos mínimos que lles permitan ter unha vida digna.

É probábel que alguén poida dicir que estas propostas son un delirio, pero a realidade é que foron os conservadores, quen, en países como Estados Unidos, teñen apoiado estas medidas. Por exemplo, Richard Nixon, no ano 1969, intentou sacar adiante o Plan de Asistencia Familiar, polo cal as familias americanas recibirían 2.500 millóns de dólares. A proposta foi rexeitada no Senado polos demócratas.

Independentemente da ideoloxía de cada quen sería bo axudar a difundir estas iniciativas e sería recomendábel non actuar con ideas previas, cousa moi frecuente e que tan mal resultado dá, sobre todo, para a felicidade e a dignidade das persoas.

ÚLTIMAS

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...