InicioOpiniónCousas de Vilar e do seu castro

Cousas de Vilar e do seu castro

O noso divulgador do Courel fálanos nesta entrega de Xan, do Castro de Vilar e de lendas de mouras que habitaron e habitan o lugar.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Quen non foi a Vilar e non coñece a Xan e o seu museo nunca foi ó Courel por moito que o diga porque Xan é unha institución que representa a tradición da serra, ninguén coma el para pasar unha tarde oíndo as vellas historias da montaña e das súas xentes.

A pouco de entrar en Vilar toparemos co seu museo onde conserva unha excelente colección etnográfica, unha vez vista deixaremos algunha moeda para colaborar cos gastos de mantemento. Ultimamente os cafres chegaron a Vilar e desapareceron algunhas pezas das que alí se gardan, de pouco valor económico pero si de gran valor sentimental, mágoa non lle arderan as mans a estes elementos. Merece a pena que vos paredes a dar unha volta polas rúas de Vilar tentando imaxinar como sería cheo de xente e pequenos correndo polas rúas, agora está triste e abandonado pero conserva o encanto das vellas aldeas.

Segundo rematan as derradeiras casas chegamos ó campo da festa co seu palco. Un palco coma os de antes -onde collen os músicos- e non como os de agora que parecen deseñados pola NASA, alí vaise a tocar e a bailar, deixemos a luminarias e os decibelios para outros sitios, aquí non son benvidos.

Pasado o campo da festa veremos as indicacións que nos levan cara o castro, un paseíño sinxelo e sen complicacións que nos pon na entrada dun dos castros máis espectaculares de Galicia. Antes de entrar podemos parar ver a Capela de San Roque, de idade indeterminada e coa beleza do sinxelo, dentro un santo acompañado dunhas flores e uns vellos bancos onde dan a misa cando cadre. Antes de entrar no castro merece a pena que paremos ver os paneis informativos que nos aclararán un pouco o que imos ver; tede en conta que non está escavado  -simplemente o ano pasado tivo unha limpeza a fondo de parte del- agás unha casa que se prospectou aló polos anos oitenta. O resto está máis ou menos ben conservado a pesares dos mil cincocentos anos que non vive ninguén alí,  malia que  serviu de canteira para moitas paredes e que a localización onde se atopa fai que sen mantemento se esborralle con gran facilidade.

O Castro de Vilar é atípico polas dimensións das súas defensas, catro murallas cos seus foxos que protexían unha ducia de casas, ou moi desconfiados eran ou alí algo ben importante había que custodiar; misterio que poderá ser resolto cando se faga un traballo arqueolóxico en condicións. Maricarme de Vilar di que iso era porque alí estaba a capital do Courel naqueles tempos, quizais algún día saibamos que se gardaba alí, pero de momento toca esperar a que haxa cartos da administración para facer algo con xeito.

Entramos polo castro seguindo un carreiro que pasa por riba das murallas e podemos parar a velas tentando non saírnos da traxectoria para non provocar danos nelas. Se vos fixades ben  veredes tramos nun excelente estado e restos de lenzos e torres, apreciaredes con claridade os foxos e a estrutura defensiva do castro. Segundo imos avanzando chegaremos á zona habitada onde recoñeceremos perfectamente os muros das casas circulares, observando que nunha delas consérvase parte do chan formado por lousas cadradas. Vistas as casas, o camiño faranos cruzar a cresta ata chegar ó remate do castro onde unha xigantesca muralla, da que podemos recoñecer unha porta de entrada, levaranos a outro foxo e a unha chaira claramente artificial que todos coñecen como a “Aira dos Mouros”.

A saída cara a aira é espectacular, cunhas vistas que nos fan entender a ubicación do castro, perfectamente defendible e controlando o paso polo val do Lor xunto co seu veciño o Castro de Vilamor que aínda conserva as pedras fincadas que o defendían. Tamén no libro “Excavaciones arqueológicas en España, El Caurel de 1980” aparte dos planos fai referencia a pequenos castros nas proximidades que por desgraza son moi complicados de localizar polo monte abundante que os tapa.

Restos da muralla do Castro de Vilar. Foto: Guillermo Díaz

E como todos os castrostamén ten a súa lenda, cunha moura que alí habitaba, ou habita, pero que hai tempo que ninguén a ve. Segundo me contaron, había unha nena que se chamaba Maruxiña que andaba coas cabras ou as ovellas no recinto do castro cando viu a moura, unha muller de longa melena loira que lle dixo se lle podía axudar a quitar os piollos. Maruxiña foi despiollar a moura e esta deulle un agasallo envolto nun pano coa condición de que non podía abrilo ata chegar a casa porque se o facía podían pasarlle cousas moi malas. Pero claro, a curiosidade foi máis forte que a prudencia, e a Maruxiña abriu o pano e nunca máis se soubo dela. Durante moito tempo andaban os de Vilar berrando polo monte “Maruxiña onde estás?” e a única resposta era a moura que lles contestaba “nin Maruxiña nin Maruxón que está cocendo no meu caldeirón….”.

Esta moura tiña outra veciña que vivía moi preto de Vilar, nas beiras do río Lor, onde un pequeno afloramento calizo que forma pequenas covas; unha delas é coñecida como A Pala da Moura, polo que supoño que esta viviría alí dentro. Esta moura que eu saiba non papou a ninguén aínda que tiña a costume de ir peitearse nas beiras do Lor, nese peiteado os cabelos que lle caían ou caen ó  río, fan que este brille coma o ouro cando lle dá o sol forte no verán.

Como vedes, cada zona do Courel ten moitas cousas que contar, para a vindeira entrega falaremos dunha moura que ten un tear de ouro, dunha cova que roxe cando vai cambiar o tempo, de cráneos aparecidos en Romeor mentres facían unha gabia e moitas máis cousas que me contou un bo amigo do Courel.

ÚLTIMAS

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...