InicioOpiniónO monte tamén é cultura

O monte tamén é cultura

Cando pensamos no monte e nos seus recursos, adoitamos fixarnos case exclusivamente nos seus valores naturais e forestais que son sen dúbida de grande interese, obviando moitas veces a posible existencia doutros que reúnen tamén un interese social e produtivo que debemos ter en conta (recursos mineiros, hidrolóxicos, enerxéticos, culturais, turísticos, etc.). 1º das tres partes nas que se divide este artigo de opinión.

Publicado o

POR
Felipe Castro López
- Advertisement -

Ligado ao monte e dunha forma significativa, existe un amplo e diverso patrimonio cultural que, en moitos casos, indica xa de por si os diferentes usos que se lle deu ao monte e, polo tanto, os valores e recursos que contén, entre outros posibles.

Segundo a relación existente entre os bens culturais presentes no monte e os seus recursos, clasificámolos do seguinte xeito:

  1. Bens cuxa relación co monte reside unicamente no feito de estar presente na súa contorna, pertencendo principalmente ao patrimonio arqueolóxico e relixioso.
  2. Bens cuxa relación co monte reside en formar parte das infraestruturas de acceso ao monte e de servizo, pertencendo principalmente ao patrimonio etnográfico e arquitectónico.
  3. Bens cuxa relación co monte reside en estar vinculados directamente aos seus recursos e ás actividades desenvoltas ao redor deles, pertencendo principalmente ao patrimonio etnográfico e industrial.

Dentro dos da primeira categoría podemos destacar:

OS CASTROS

Aínda que é difícil fixar a data na que comezou  a desenvolverse a cultura castrexa, pódese dicir que coincide co momento no cal os antigos poboadores se volven sedentarios e comezan a desenvolver unha actividade principalmente agraria, podendo fixar este momento entre os séculos X e V a.C.

Para situar os poboados elixían un emprazamento característico, xeralmente en outeiros ou esporóns a media ladeira, estratexicamente situados de maneira que foran facilmente defendibles, preto das zonas de explotación e control visual sobre as mesmas.

Os lugares onde se asentaban os poboados rodeábanse de elementos defensivos como murallas, parapetos, foxos, etc., conferíndolles uns rasgos moi peculiares e identificativos. Dentro deste espazo levantábase o poboado castrexo ou castro.

Non se sabe con exactitude o número total de castros que houbo en Galicia, pero pode estimarse nun mínimo de 3000, dos cales a maior parte están ubicados en actuais zonas de monte.

AS MÁMOAS OU MEDORRAS

As mámoas ou medorras son sepulturas constituídas por un túmulo de terra en forma de casquete esférico que case sempre contén no seu interior unha cámara funeraria de pedra chamada dolmen que habitualmente acollía un enterramento colectivo. Na maioría dos casos aparecen formando grupos, constituíndo verdadeiros cemiterios compostos dun maior ou menor número de túmulos de pequeno tamaño, o cal lles confire un elemento diferenciador con respecto ás existentes  noutros territorios.

Localízanse en todo o territorio galego, preferentemente en zoas chairas como altipláns, tesos divisorios ou terreos semellantes, en moitos casos situados en zonas de monte.

Petroglifos / Colado do Vento

OS PETROGLIFOS

Os petroglifos son gravados realizados sobre as rochas, non correspondéndose con motivos decorativos ou de pasatempos, senon que responden a crenzas máxicas, relixiosas e ideolóxicas daqueles poboadores prehistóricos. Aínda que as máis coñecidas son as da época prehistórica, aparecen tamén durante as distintas etapas históricas até o presente.

A maioría dátanse entre o 2500 e o 1500 a.C., aída que as cazoletas e algunhas combinacións circulares son anteriores, ao redor do 4000 a.C.

Estas gravacións realizábanse coa axuda dunha pedra ao bater e rascar sobre unha rocha. O efecto da erosión foi pulindo os surcos e figuras que definen os motivos, presentando un aspecto actual moi diferente ao primitivo, non descartando que orixinalmente estivesen pintados.

AS CAPELAS

A arquitectura popular, que forma parte dos aspectos culturais, aporta unha gran variedade de edificacións de diferente uso, cada unha coas súas particularidades e cos aspectos e elementos que os caracterizan. Pois ben, entre eles están as que teñen que ver coa arquitectura relixiosa máis básica, que son as capelas.

Esta edificación, de arquitectura sinxela, serve como lugar de culto principalmente a aquelas aldeas que, non sendo cabeceira de parroquia, carecen de igrexa. Tamén podemos atopalas en lugares illados, mesmo en pleno monte, por lle atribuír a ese lugar algún feito especial como ter acontecido algunha aparición ou un acto milagreiro.

As capelas, aínda sendo de carácter relixioso, eran moitas veces de propiedade civil onde a titularidade recaía na comunidade veciñal ou, incluso, nun único propietario, caso de capelas pertencentes a algunha casa en particular, normalmente de certo rango social. A estas capelas, na maioría dos casos, adóitaselle dar uso soamente unha vez ao ano, o día da celebración do Santo Patrón e, no peor dos casos, están abandonadas e en ruína.

Capela en Doade / Felipe Castro

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...