Cumbia!

A comezos do pasado mes de abril, a Asociación Galega de Orquestras (AGO) iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar que a Xunta de Galicia declare os centos de festas patronais que se celebran polo país como Patrimonio Cultural Inmaterial.

Festas Patronais / stadiosport.opennemas.com

O comezo da recollida de sinaturas non puido ser máis espectacular: 48 horas seguidas de música das mellores orquestras galegas nas rúas de Mondoñedo. Dende clásicos como Os Satélites e a Compostela ata a consagradísima París de Noia ou fórmulas máis alternativas como a que propón América estiveron na cidade episcopal ofrecendo o mellor do seu repertorio. Os paladares máis exquisitos seguro que botaron de menos ó Combo Dominicano. Deus proveerá.

Alén do aspecto musical, os promotores do evento quixeron lembrar que as festas patronais conlevan moito máis que a verbena e a orquestra de turno. E non lles falta razón. Como non lles falta cando din que son un importantísimo factor económico. A Universidade de Santiago cifraba no ano 2012 -en plena crise- en 26,2 millóns de euros o movemento de cartos que xeneraban as festas patronais. E iso só nos parámetros que se poden medir xa que é xusto recoñecer que a verbena move moito diñeiro, digamos, pouco suxeito a control fiscal.

A verdade é que ata se botou de menos que os guardiáns das esencias puxeran o grito no ceo pola solicitude da AGO. A cultura “oficial” do país e os colectivos que a representan non protestaron nin sairon a queixarse porque se pretenda dar a mesma categoría patrimonial ás festas patronais que á técnica constructiva da “pedra seca”, xa recoñecida mesmo pola UNESCO. A ver se foi porque había dúas campañas electorais á vista…

Procesión San Antonio / jrcasan.com

Pero, independentemente de que reciban o recoñecemento administrativo ou non, é innegable que as festas patronais son xa parte da nosa cultura. Dende a Guarda a Ribadeo e de Ortigueira á Gudiña, todos os concellos teñen como mínimo unha parroquia na que se celebran as festas. E en todas elas, máis de mil según a AGO, atopamos características comúns: o bar da comisión, o ramista regateando co promotor cun feixe de billetes na man, a procesión do santo/virxe, o hinchable con partes remendadas, os foguetes, a banda de música na sesión vermú (no caso das máis pudentes), a señora que vende rosquillas, o espectáculo da chegada do camión-palco da orquesta…e iso é algo propio e único de Galicia (eu, particularmente, teño debilidade polo señor coa camisa desabotonada e dúas gotas de viño tinto nela. E non me refiro ó amigo Rodríguez Porto, ou polo menos no só a el). Ignoro se hai estudos etnográficos ou sociolóxicos ó respecto. De non habelos, xa están tardando.

A principal dificultade que, creo eu, van ter as festas patronais para se converter en Patrimonio Inmaterial estará na cantidade de elementos politicamente incorrectos que conteñen. Seguramente o máis notorio está na letra dalgunhas cancións que se converteron en imprescindibles. Pero refírome a clásicos e non a esa merda do reggaeton que xa debera estar prohibido e perseguido hai anos. Tamén o sorteo de animais estará no punto de mira dos fácilmente indignables. E xa moito máis lonxe aparece a falta de control fiscal que mencionabamos antes ou as condicións laborais nas verbenas. Pero xa se sabe que nesta sociedade a apariencia prima sobre o fondo das cousas.

Verbena / europapress.es

Na Ribeira Sacra temos, por suposto, numerosísimas festas dese tipo. Cada vez menos porque igual que no resto de Galicia as parroquias perden poboación. E haberá que conxugar os requisitos de sermos patrimonio da Humanidade, o turismo de calidade polo que acertadamente aposta o Consorcio ou o paso do Camiño de Inverno co que se coce nas festas patronais.

Na festa é cando a parroquia se volve encher. Cando regresan por uns días ou ata horas os que tiveron que emigrar. Cando se mata un año e a cociña e o fregadeiro non paran en todo o día. Unha especie de Nadal de verán, co mesmo sentemento fraternal e encontro familiar pero con menos frío.

O tempo e a administración pública dirán se vai para adiante ou non a solicitude da AGO e se algo tan xenuinamente galego como as festas patronais recibe a consideración de Patrimonio Cultural Inmaterial. Ser, xa é patrimonio. Outra conto será que lle dean as subvencións e condicionamentos legais que conlevaría o recoñecemento. Estaremos atentos. Pero unha cousa está clara: se se obriga a modificar as características das festas patronais, se se retiran aqueles elementos considerados politicamente incorrectos e se se introducen mensaxes ou prácticas que nada teñen que ver co que sempre foron as festas, estarase cometendo fraude.

As festas son como son. Haberá a quen lle gusten e haberá a quen non. O que non pode ser é que se recoñeza como Patrimonio algo diferente do que é o orixinal. Imaxinan unha Ribeira Sacra sendo Patrimonio da Humanidade pero sen viño ou sen Románico porque esas cousas poden molestar a algunha relixión? Ou un Camiño de Inverno desviándose das explotacións gandeiras por se ofenden a certos colectivos que mellor non citar? Pois iso. A cumbia é cumbia e non é rumba.

1 COMENTARIO

  1. Que tributen as orquestras e/ou as Axencias de Espectáculos o que lles corresponde para empezar. Despois, non entremos na burbulla de pagar animaladas por certas orquestras que nas aldeas pouco carto e riqueza xeneran, por desgraza. Festa galega si, pero non nos aproveitemos de que “para os enterros e nas festas sempre hai cartos”… toda actividade económica ten que tributar, e os que viven das festas non van ser menos. Ou que queremos, eximilas de tributar co conto de que “son patrimonio inmaterial’…? Bueno, home, bueno!!

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here