InicioOpiniónMedo a quen nos axuda

Medo a quen nos axuda

Unha reflexión sobre a importancia da inmigración, e máis aínda coñecendo a crise demográfica galega, especialmente grave en concellos do interior como Monforte.

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

Cando paseamos por Monforte, cando acudimos a un negocio de hostalería ou cando observamos quen acompaña as persoas maiores ou dependentes, observamos que, con frecuencia, se repite a imaxe onde aparecen persoas inmigrantes.

Culturas distintas, cores distintas, fisionomías distintas, falares distintos. Todo distinto. Todo resulta natural e nun entorno de concordia e mestura enriquecedora, ademais de ser unha solución para moitos problemas.

As estatísticas oficiais din que Monforte ten, no último censo, 18.800 habitantes. Esta realidade de decrecemento da poboación convértese nun problema de primeiro nivel.

Como sería o problema se non existisen inmigrantes na cidade? Pois o censo di que existen censadas 2.068 persoas inmigrantes (un 11% da poboación).

“As estatísticas oficiais din que Monforte ten, no último censo, 18.800 habitantes”

Isto quere dicir que, sen estas persoas, Monforte tería hoxe un censo de 16.732 habitantes. Teriamos un problema de despoboamento insostíbel. A isto poderiamos engadir o problema do avellentamento da poboación, que tamén contribúen a paliar. Grazas, polo tanto, a aquelas persoas doutros lugares que conviven con nós e fan posíbel que os problemas sexan menores.

Como, con estes datos, se pode admitir que representantes públicos poidan dicir que hai que fechar as fronteiras? Como se pode afirmar que a caída do censo de poboación e o avellentamento desta é un problema grave e, ao mesmo tempo, estar  trancando fronteiras e demonizando ás persoas migrantes? Esas manifestacións obedecen a intereses espurios de quen as fai e non á realidade das necesidades da xente.

“Hai máis poboación galega traballando fóra de España que africana á espera de entrar no noso país por Ceuta e Melilla”

Que facer? Pois, en primeiro lugar e como cuestión mais importante, ter a consideración de que toda esa xente son persoas, coma nós, coma a xente nosa que algún día marchou a Suiza, Cuba, Francia, Holanda ou Alemaña buscar un futuro mellor; considerar que son ou podían ser persoas da nosa familia e que, en todo caso, son a nosa veciñanza.

Hai máis poboación galega traballando fóra de España que africana á espera de entrar no noso país por Ceuta e Melilla. Que nos parecería que a nosa veciñanza, amizades ou familia fosen tratadas nos países onde traballan como inimigas e como unha ameaza? Porque é así como aquí, algunha xente, se empeña en definir ás persoas inmigrantes.

A inmigración representa unha oportunidade para a economía e a demografía de lugares envellecidos como Galicia e o Estado español, por moito que se empeñen desde moitas tribunas en presentala como unha ameaza asociada a fenómenos negativos.

Quen non o crea que dea un paseo por Monforte e así, ademais de gozar dos encantos da cidade, poderá sentir a gratificación de observar como as diversidades encaixan con total harmonía.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...