Unha volta por Visuña

O fermoso Val de Visuña, a súa paisaxe, o patrimonio xeolóxico e curiosidades de interesantes covas que hai na contorna, incluída a "Buraca das Choias", dende o punto de vista do noso divulgador do Courel, Guillermo Díaz.

Taras de Visuña. Foto: Guillermo Díaz

O val e Visuña é posiblemente un dos máis fermosos de Galicia, contemplalo xusto cando se baixa pola estrada do alto do Couto adoita sorprender a quen vén ó Courel por primeira vez. Unha maxistral lección de xeoloxía na que as rochas calcarias crean unha paisaxe que nos supera, algo que non agardamos atopar en Galicia senón que a moita xente venlle á mente calquera zona da Cordilleira Cantábrica.

Destacan nesta paisaxe tan pouco frecuente en Galicia as Taras de Visuña, unha formación calcaria que domina todo o val formando bandas case desprovistas de vexetación que son o fogar das aciñeiras, as orquídeas,  a maioría das grandes covas do Courel e relevantes xacementos de fósiles de máis de cincocentos millóns de anos de idade.

Aproveitando que a xeoloxía está de moda e esta formación rochosa é un elemento destacadísimo do territorio do Xeoparque das Montañas do Courel, á xente que vén comigo sempre lle conto o longo camiño que seguiron estas pedras. Estas ‘calías’ teñen a súa orixe nos sedimentos mariños dun antigo mar que se localizaba onde agora está o sur de África e que grazas a tectónica de placas e o paso do tempo podemos contemplalas agora na Serra do Courel. Segundo imos baixando cara as primeiras casas de Visuña, á nosa dereita está o acceso a Céramo, para min a aldea máis fermosa do Courel, que está a piques de quedar sen xente ó igual que o resto do territorio. Merece a pena pararse a ver Céramo, as súas casiñas de ‘pedra calía branca’, as pequenas rúas e tentar imaxinar como sería aquilo nos bos momentos onde a xente enchía as casas; agora só son un recordo.

Dende Céramo está o acceso a gran Cova de Arcoia, a máis fermosa de Galicia, a que se sube por un estreito val e logo de camiñar unha hora aproximadamente a súa entrada está ben marcada por un gran sabugueiro. Na cova repleta de espeleotemas tamén se atoparon restos de fauna fosilizada e os esqueletos de dúas persoas, un home e unha rapaza, vilmente asasinados e tirados nunha poza a entrada da cova parece ser na época das guerras carlistas. A poucos metros tamén se atopa outra gran cova, moito menos coñecida, que leva de nome de Tara; unha entrada técnica cunha rampla inclinada que obriga a usar arnés e corda con un desnivel aproximado de 30 metros déixanos ver unha galería alta como unha catedral chea de formacións e tamén con restos fósiles tan curiosos como as vacas suevas, unhas vacas que viviron na época dos suevos das que se fixo un estudo que podedes descargar de maneira gratuíta se lle preguntades por elas o señor Google.

Cova de Tara. Foto: Guillermo Díaz

Volvemos de Céramo cara a estrada principal e á nosa esquerda están as casas que forman os distintos barrios de Visuña. Merece a pena parar e sacar a cámara para facer unhas fotos, falar coa xente e contemplar algún dos escasos rabaños de vacas que quedan polo Courel; mención especial merece o campo da festa que teñen, a ver se o localizades… A aldea sofre o mesmo que todas as do concello, a falta de xente nova que a coide así que se a cousa non cambia en poucos anos Visuña tamén será un recordo.

Retomamos á estrada principal dirección Ferramulín e á nosa esquerda veremos un pico coñecido como Cereixido no que destacan uns grandes vertedoiros pertencentes ás minas da Morteira, unhas minas de chumbo nas que parece ser que tamén hai algo de uranio; se estamos áxiles podemos rubir a elas e percorrer as dúas galerías xa que están talladas na ‘rocha calía’ e non teñen perigo de virse embaixo. A poucos metros da galería superior está a cova de Reibarba, unha cova pequena pero tamén moi fermosa cunhas coladas xigantescas e de cor chocolate que dan ganas de papalas sen contemplacións. Á nosa dereita, xusto enfronte das minas, está a Buraca das Choias que polo que se está vendo estase a converter non xa na gran cova do Courel, senón na gran cova de Galicia.

Ata hai uns 5 anos  coñecíase una pequena parte dela pola limitación dun sifón estreito, escuro, cabrón e repleto de auga que impedía progresar ata que un rapaz, a quen todos coñecen como “Blas”, superou por primeira vez esa restrición e abriu un mundo nunca visto polo home. Agora mesmo hai dous grupos avanzando no estudo e topografiado da cova da que van xa polos 2000 metros de ‘calerías’ inundadas, sifóns que son trampas mortais e galerías secas que incluso albergan restos de fauna que alí quedou atrapada e que entrou por bocas que agora mesmo están colapsadas. A mediados do mes de xullo Rafa Jurado chegou ó remate buceable da cova no sifón número dez e deu con novas galerías secas que se continúan explorando por diversos grupos.

A Buraca das Choias dará para moitos momentos gloriosos na Serra do Courel, mágoa que os que non buceamos só poderemos coñecela por fotos. Moi preto da  Buraca está un gran xacemento de fósiles do cámbrico que me gusta chamarlle a “marisquería do Courel“, pero que é mellor que non sexa coñecido por todos non vaia ser que se estrague ou desaparezan pezas.

2º sifón da ‘Buraca das Choias’. Foto: Guillermo Díaz

Volvemos ó coche e seguimos avanzando ata toparnos coa única zona de escalada equipada no concello, moi cómoda de aparcar con trinta e oito vías xustiño ó lado da estrada e algunhas pequenas covas para ir practicando a ‘espeleo’ -non hai que esquecer que todas estas actividades precisan de permiso xa que estamos en Rede Natura-. Nesta zona estaba un sumidoiro do río Visuña no que desaparecía a auga e ía aparecer preto de Ferramulín pero a nova estrada -ben, nova non é pero é menos vella que os camiños-  pasou por enriba da boca e atuouno. Contan que unha vez caeu por el un becerro e foi aparecer a uns lameiros a Ferramulín, pero esta historia debeuna inventar o mesmo tipo das campás do Pozo da Grada.

Sen mover o coche da zona camiñamos un anaco e imos ver unha ponte e un camiño á dereita que nos leva á gran Devesa das Valiñas na que non podemos nin debemos entrar, as Valiñas forman unha devesa realmente formidable, vertical, abafadora, demencial pola súa natureza salvaxe e o seu tamaño. Danos a idea do que unha vez foi Galicia antes da aparición do home nestas terras. Nas portas da devesa resisten aínda unhas poucas leiras e lameiros e os vertedoiros de dúas minas; a mina de Vilafabriz -de chumbo, das que xa colapsaron as galerías- e a mina de Supena -de cobre que aínda non din localizado as bocas pero si os vertedoiros cheos de minerais de cores como son a malaquita e a azurita-.

Volvemos ó coche e de súpeto as taras calías, tan pouco dadas a ter vexetación, enchen de aciñeiras ata crear uns aciñeirais xigantescos, verdes e espesos onde posiblemente os osos do Courel pasan bastante tempo refuxiados das molestias. Curiosamente veremos uns piñeiros á nosa dereita e pensaremos quen carallo os plantou alí, pois resulta que non foi ninguén e levan alí milleiros de anos.

Volvemos á estrada e tomamos présa por ir tomar uns “chupitos” caseiros onde a cantina da Fina en Ferramulín, se é que está. Antes está a aldea de Órreos –sen ‘H’- na que nos pararemos despois dos chupitos porque de aí tamén hai cousas que contar.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here