InicioOpiniónOPINIÓN: O 'chivatazo laboral' (Parte I / Kill Bill)

OPINIÓN: O ‘chivatazo laboral’ (Parte I / Kill Bill)

Achegamento crítico á afectación da 'Directiva comunitaria de protección ao denunciante' no ámbito laboral.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

Acaba de publicarse a DOUE Directiva (UE) 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019 (publicada no DOCE o 26/11/2019) que protexe ao denunciante no contexto das súas actividades laborais, ao coñecido coloquialmente polo barbarismo “whistleblower”.

De que vos estou falando? De que imos ter a obrigación -tendo 50 ou máis traballadores/as- de implantar un sistema para que os teus empregados/as ou exempregados/as, persoal de prácticas, voluntariado, etc, poidan denunciar as infraccións que se cometen na empresa ou pola empresa (en materias tales como o branqueo de capitais, contratación pública, seguridade no transporte, protección do medio ambiente, privacidade, etc) e das que teñan coñecemento pola contorna laboral. Fálovos dunha parte do “Cumprimento Normativo” (Compliance Legal), tan de moda estes últimos anos.

“A Directiva, que entra en vigor neste mes, vén aderezar o Ano Novo…”

Baixo a nova Directiva as persoas que revelen información obtida na contorna laboral sobre actividades ilegais ou daniñas gozarán dunha protección específica e especial. A Directiva, que entra en vigor neste mes, vén aderezar o Ano Novo… Serán os Estados membros os que poñerán en vigor as disposicións legais, regulamentarias e administrativas necesarias para dar cumprimento ao establecido na norma tendo de prazo ata o 17 de decembro de 2021, agás para as entidades xurídicas do sector privado que teñan de 50 a 249 traballadores, que terán de prazo ata o 17 de decembro de 2023.

A Directiva aplicarase aos/as denunciantes que traballen no sector privado ou público e que teñan información sobre infraccións nun contexto laboral, incluíndo ás persoas que teñan a condición de traballadores asalariados e non asalariados; aos accionistas e membros do órgano de administración, dirección ou supervisión dunha empresa, e moito ollo! aos voluntarios/as e traballadores/as en prácticas. Tamén se aplicará a calquera persoa que traballe baixo a supervisión e a dirección de contratistas, subcontratistas, provedores e, outra vez moito ollo!, tampouco se escapará da aplicación o denunciante que comunique ou revele publicamente información obtida no marco dunha relación laboral xa finalizada (como para que se vaia da empresa descontento…).

Vista a afectación, o difícil vai ser atopar algún denunciante ao que non se lle poida aplicar a especial protección que lle brinda esta Directiva ao “chivato”.

QUE DEBE ENTENDERSE POR “INFORMACIÓN SOBRE INFRACCIÓNS”? 

“Tachán, tachán…” A Unión Europea dinos que a información, incluídas as sospeitas razoables -cales son as razoables?- sobre infraccións reais ou potenciais que se produciron ou que moi probablemente poidan producirse na organización na que traballe ou traballase o denunciante. Estou a ver ao despedido encabuxado dando un chivatazo público sobre unha sospeita de infracción potencial, que se queda en sospeita e non chega á consumación. Neste caso, que repercusión ten para o chivato o dano público que se lle fixo á empresa? -Ningunha se o fai ben-. Imaxino tamén unha organización coa que o denunciante estea en contacto con motivo do seu traballo (ollo! que o encabuxado pode ademais amolar ás empresas clientes só para prexudicar a súa exempresa). Tamén se considera “información sobre infraccións” aos intentos de ocultar tales infraccións. É dicir, se estás a meter o cadáver no despacho das fotocopiadoras, mellor que non se decate ninguén.

“Tamén se considera “información sobre infraccións” aos intentos de ocultar tales infraccións”

Unha das proteccións fundamentais que outorga a directiva ao denunciante é a prohibición de represalias tanto consumadas como en grao de tentativa e ameazas. En particular en forma de: suspensión, despedimento, destitución ou medidas equivalentes (ou sexa, non poderás xa despedir ao chivato así de calquera xeito), degradación, denegación de ascensos, cambio de posto ou de lugar de traballo, redución salarial, cambio do horario, denegación de formación, avaliación negativa dos resultados, medidas disciplinarias, coaccións, intimidación, acoso, ostracismo, discriminación, non conversión dun contrato de traballo temporal nun indefinido, non renovación ou terminación anticipada dun contrato de traballo temporal, danos incluídos á súa reputación… non é unha lista pechada, serán os tribunais os que decidirán caso por caso se o feito de que se trate constitúe unha represalia ou non contra o denunciante.

“Unha das proteccións fundamentais que outorga a directiva ao denunciante é a prohibición de represalias tanto consumadas como en grao de tentativa e ameazas”

Entre as medidas de protección que asisten ao denunciante, ao meu modo de ver, destacan catro:

A primeira, que non se considerará que as persoas que comuniquen información sobre infraccións ou que fagan unha revelación pública de conformidade coa Directiva infrinxisen ningunha restrición de revelación de información, e estas non incorrerán en responsabilidade de ningún tipo en relación coa devandita denuncia ou revelación pública, sempre que tivesen motivos razoables para pensar que a comunicación ou revelación pública da devandita información era necesaria para revelar unha infracción en virtude da presente Directiva.

Segunda, que non incorrerán en responsabilidade respecto da adquisición ou o acceso á información que é comunicada ou revelada publicamente, sempre que dita adquisición ou acceso non constitúa de seu un delito.

Terceira, xa no ámbito xurisdicional, é a presunción a favor do denunciante.Do mesmo xeito que pasa coa vulneración de dereitos fundamentais, de que unha vez constatado que o “chivato soprou”, será a empresa a que terá que probar que a medida (despedimento, rebaixa salarial, etc.) non se tratou dunha represalia contra el.

E cuarta, tamén no ámbito xurisdicional, protexe ao denunciante mesmo en procesos relativos a difamación, violación de dereitos de autor, vulneración de secretos, infracción das normas de protección de datos, revelación de segredos comerciais; ou as solicitudes de indemnización baseadas no Dereito laboral privado, público ou colectivo. Nestes casos, o denunciante non incorrerá en responsabilidade de ningún tipo como consecuencia de denuncias ou de revelacións públicas en virtude da Directiva.

Como vos quedades? Nunca me gustou a ‘normativa que alenta o chivatazo’, nin o laboral, nin o fiscal, nin o de incendios nin outros; lémbrame a aquilo que contaban da Guerra Civil de que se ían chivar ao cura baixo secreto de confesión e acababan todos emparedados. Continuará…

ÚLTIMAS

O BNG pon en marcha, “Arranxo XA das nosas estradas”, campaña para mellorar as infraestruturas viarias na provincia

O Bloque Nacionalista Galego de Lugo inicia unha nova campaña para reclamar o arranxo...

8ª Andaina polo Corazón de Galicia, o 21 de abril en Chantada

O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que...

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...