InicioOpiniónOPINIÓN: Xa somos Xeoparque no Courel

OPINIÓN: Xa somos Xeoparque no Courel

Unha reflexión en positivo sobre o traballo realizado ata conseguilo e sobre o esperanzador futuro que queda por diante estes anos.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Esta primavera recibimos unha boa nova, unha desas novas das que tan necesitados estamos nestas nosas montañas. O Courel, xunto con Ribas de Sil e Quiroga obtiveron o premio do froito de anos de traballo, traballo moitas veces silencioso dun grupo de xente que co paso do tempo saíu a luz e converteuse nunha corrente imparable; momentos ás veces complicados pero  que co coñecemento das formidables  posibilidades do territorio e a implicación de cada vez máis persoas chegou a bo porto e na primavera  deste ano fomos declarados pola UNESCO o primeiro Xeoparque Mundial do noroeste da península Ibérica.

“Unha campaña exemplar, o traballo de moreas de persoas, e o apoio de case todos, fixeron posible chegar onde estamos que é ter por unha vez un raio de luz nesta zona tan necesitada de cousas positivas”

Isto veu porque a  fe deste grupo de persoas no proxecto deu un paso importante cando se sumaron as institucións e colectivos diversos  ó proxecto, a partir de aquí esta corrente de traballo converteuse nunha riada contra a  cal xa non se puido  loitar. Unha campaña exemplar, o traballo de moreas de persoas, e o apoio de case todos, fixeron posible chegar onde estamos que é ter por unha vez un raio de luz nesta zona tan necesitada de cousas positivas. Queda moito traballo por facer e non cómpre durmirse nos loureiros, cómpre traballar máis se cabe ata lograr ser un xeoparque exemplar e de referencia mundial. Un gran punto a favor será acadar en breve prazo o nomeamento de Reserva da Biosfera xuntos da man coa Ribeira sacra e previo a chegar a ser algún día o gran Parque Natural de Galicia.

Atrás quedou o pesimismo “xenético” que sofre moita xente nesta zona, atrás quedaron os tan danosos e tóxicos microlocalismos, e por unha vez todos estamos detrás dun nome, Montañas do Courel, que será co tempo o gran atractivo do turismo e o desenvolvemento tan necesario para que a nosa cultura tradicional, a paisaxe e e vida non desaparezan deste territorio. Tampouco quero nin debo esquecer a aqueles que nunca creron neste proxecto, que o menosprezaron e que á súa maneira quixeron torpedear a gran ilusión de todos; por unha vez a luz brillou sobre a escuridade e a gran riada de xente traballando logrou facer historia e vós alí seguides na caverna.

“Atrás quedou o pesimismo “xenético” que sofre moita xente nesta zona, atrás quedaron os tan danosos e tóxicos microlocalismos”

Ferrería Locay o Courel / I.M.R.

Aquí temos moito que ensinar, moito que contar e moito que vivir: minería romana, aldeas, ferrerías, biodiversidade, xeoloxía, paisaxe, fala, cultura, deporte, fotografía, viño, gastronomía, caleiros, abellas e albarizas,…. E paro de contar porque son tantas cousas xuntas que é imposible nomealas a todas sen deixar algo esquecido. Mirade que en moitos lugares do mundo chufan, presumen e viven de vender só un dos recursos dos que aquí temos; e nós, que os temos todos xuntiños, nunca fomos quen de poñernos de acordo para facer algo en común. Agora iso cambiou e en poucos anos veremos o resultado na creación de novas empresas de turismo e o crecemento das existentes, novos proxectos agrícolas en viño, aceite, mel e gandería pararán a sangría económica da nosa terra. O turismo e a agricultura son o noso futuro, que ninguén agarde que vaia vir unha gran empresa de fora crear miles de postos de traballo, que ninguén agarde grandes infraestruturas que nunca van a vir e que ninguén agarde que alguén de fora veña a quitarnos as castañas do lume pola nosa cara bonita. Tampouco precisamos pan para hoxe e fame para mañá, precisamos algo que dure no tempo e sexa un modo de vida para que os novos non teñan que marchar a outros lados. As cousas hai que gañalas co esforzo e co traballo de todos nós xuntos, sen excluír a ninguén porque un sexa de arriba e outro de abaixo, só así se fará algo por gañar o futuro.

“Tampouco precisamos pan para hoxe e fame para mañá, precisamos algo que dure no tempo e sexa un modo de vida para que os novos non teñan que marchar a outros lados”

Moitas grazas a todos aqueles que traballastes porque o xeoparque sexa hoxe unha realidade, agora aínda vos queda moito traballo por diante para consolidalo e melloralo. Implicar a máis xente, esta será a vosa herdanza para as xeracións futuras. Forza!!

Ben, xente, para a vindeira ocasión imos liala algo e falaremos dos cafres que fan ‘cafradas’. Bo Nadal a todos e coidado co viño e cos chourizos novos, se non podedes con eles avisade que vou.

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...