OPINIÓN: Paga a pena deseñar unhas vilas do futuro para uns concellos do pasado?

OPINIÓN: "Rara é a semana que non pecha un bar, un comercio ou unha explotación gandeira pola falta de clientes e, sobre todo, de relevo xeracional. Non hai xente. E non falamos só de Chantada ou Monforte senón de todos os concellos da Ribeira Sacra, tanto luguesa como ourensana," Andrés Pavón.

Vista aérea da marxe dereita do paseo fluvial ao seu paso pola zona do malecón de Monforte

Os medios de comunicación recollen estes días informacións aparentemente contraditorias. Ou, mellor dito, as informacións revelan unhas intencións que parecen ir contra a realidade. En Monforte vense de suprimir o pagamento por usar o bus urbano. Os beneficios eran, segundo o consistorio, de 7.000 euros anuais polo que resultaba máis útil facelo gratuito para aumentar o número de usuarios.

Novo autobús urbano de Monforte / XdL

Por unha vez na vida impúxose a lóxica social e non a lóxica de mercado. E é que con esa gratuidade do bus pódese reducir o uso de vehículos particulares e, por tanto, reducir os niveis de contaminación. Non é que vaia vir Greta Thunberg a darlle un premio aos monfortinos (ou monforteses, ou monfortianos,  ou a saber xa que co de “chantadés” abriuse a barra libre) pola súa loita contra o cambio climático. Pero polo menos evitamos que a sueca xa universal veña botar a bronca por un “quítame de alá eses octanos”.

Coincidindo no tempo coa inciativa no transporte público, parece que se retoma a vontade de peonalizar a ponte medieval. A deterioración da estructura, as normativas medioambientais e a necesidade de favorecer o tránsito de peóns avalan unha medida que semella espertar total consenso entre grupos políticos, veciños e comerciantes. Unanimidade que, por outra banda, é do máis habitual noutros lugares cando se trata de reducir a presenza de coches e coidar o patrimonio.

Ademais, o concello de Chantada mercou recentemente dous inmobles na zona vella da vila para habilitar novas dependencias ante a falta de espazo nos locais actualmente dispoñibles. Máis dotacións, xa que logo, para ofrecer un mellor servizo público e unha mellor atención cidadá.

Chantada / caminosantiagodeinvierno.com

Temos así tres medidas que indican unha clara vontade urbana. Tres accións que van no mesmo sentido que a maioría das cidades españolas e mesmo europeas: contribuir ao coidado do medio ambiente reducindo o tráfico rodado, coidar o patrimonio histórico polo seu valor e como fonte de recursos turísticos e ampliar os edificios dotacionais para que os inmobles do centro non caian en mans de especualdores ou sexan pasto do abandono, ao tempo que se mellora a xestión e administración municipal.

Soar, soa do máis civilizado e ata nos achega a Bruselas. Pero, máis aló do acertado das medidas, cabe preguntarse se non serán demasiado urbanas para a nosa realidade. Necesita más oficinas un concello que perde habitantes a un ritmo frenético? Hai suficientes usuarios na periferia de Monforte para que compense seguir usando buses urbanos? Vaise peonalizar a ponte antes de ter unha alternativa para dar servizo a veciños e minguantes comercios da zona vella?.

Paga a pena deseñar unhas vilas do futuro para uns concellos do pasado? Monforte abandonou hai tempo o obxectivo de chegar a 20.000 habitantes e Chantada xa nin aspira a recuperar os 10.000 que tivo non hai tanto. Só os inmigrantes de todo o mundo (e unha empresa pouco partidaria da progresividade salarial) manteñen o nivel demográfico en límites que rondan a traxedia pero sen chegar aínda a consumala. Rara é a semana que non pecha un bar, un comercio ou unha explotación gandeira pola falta de clientes e, sobre todo, de relevo xeracional. Non hai xente. E non falamos só de Chantada ou Monforte senón de todos os concellos da Ribeira Sacra, tanto luguesa como ourensana.

CCA Chantada / Mónica Cerqueira

Tampouco hai que perder a fe. Pode que as medidas que agora se adoptan e outras que virán na mesma liña sustentable poidan servir de impulso para esta comarca. Quen sabe? Un urbanismo ordenado permitiu despuntar a Allariz. E os novos edificios municipais de Chantada poden ter usos museísticos, formativos ou doutra índole que atraian visitantes e emprendedores.

O tempo dirá se estas accións teñen futuro ou non. Un bon primeiro paso sería evitar entes do estilo “Irmandade de Urbaneiros e Urbanizadores” ou similar. Máis que nada porque logo non aparecerían as facturas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here