InicioOpiniónOs birlos, un xogo moi arraigado en Pantón

Os birlos, un xogo moi arraigado en Pantón

Na parroquia de San Fiz de Cangas, Concello de Pantón, organizan dende hai 13 anos unha liga que empezou no seu día co gallo das festas. Este ano tiveron que suspendela.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Entrevista ao seu fundador, Ramón González Fontaíña, e a Eduardo Sánchez Pazo, encargado e responsable de xestionar o blog da liga que suma máis de 60.000 visitas, algunhas do outro lado do océano atlántico como Arxentina.

Cóntennos un pouco cal é a historia deste xogo en Pantón?

É un xogo moi arraigado no noso municipio, en tódalas aldeas había pedras ou lastróns para os birlos. Entre aldeas podiamos ter diferenzas pero normalmente xógase con 9 birlos, e na Torre de Vilamirón xogan con 6 birlos, pero as mesmas normas sempre. Antigamente a persoa que facía os birlos e as bolas era o seu dono polo que para xogar había que pagar. Era coma un encargado de campo que ía buscar os birlos e ocupábase de todo respecto ao xogo. Nas partidas de antes facíanse apostas con cartos. Uns dos xogadores históricos do noso concello pola forma de xogar eran o Pedro de Castillón e Arturo de Ferreiroá.

“Nas partidas de antes facíanse apostas con cartos”

Tamén é importante saber que o noso concello é único en canto a normas de xogo. Así nos últimos lugares en xogar de forma tradicional foi en San Fiz de Cangas e no Castro de Ferreira. Que nós coñezamos, só en Ribadeo xogan parecido a nós e en Asturias teñen unha modalidade parecida, denominada, “Birlos vaqueiros”.

Respecto aos detalles máis técnicos deste deporte?

A bola é de madeira de mazaira, ao estar mollada aguanta moi ben os golpes, e os birlos son de bidueiro. A bola grande pesa 2,5 quilos e a pequena 2. Antes xogábase nun lastrón e por enriba do Calvario, pero ao asfaltar o camiño quedou asfaltado tamén. Agora xógase no campo de birlos “Suso Prado”. O sorteo facémolo na penúltima fin de semana de febreiro xunto a unha comida e a liga faise de marzo a xullo, os domingos cada 15 días.

Como naceu a actual Liga de Birlos de San Fiz de Cangas e San Xulián de Serode?

Foi por iniciativa de Suso Prado, que polas festas de San Fiz de Cangas, organizou un torneo, ao facer el mesmo uns birlos e bolas para poder xogar. Logo disto, vimos que había moita xente interesada e involucrada e decidimos facer unha liga. E así levamos co noso torneo dende o 2007, este ano sería a XIV Liga pero tivemos que suspendela.

Seareiros dos birlos. Foto: Eduardo Sánchez

Sabemos que teñen un blog onde informan de todas as novas sobre a liga, que podedes dicir sobre el?

O blog comezou á par que a liga, aló polo 2007. Nel poñemos toda a información sobre a competición, os grupos dos sorteos, as clasificacións, os resultados de cada xornada, as imaxes e vídeos das competicións e das nosas comidas. É un medio moi cómodo para saber da liga, así ten moitas visitas, actualmente preto de 60.000. Xente de todo o mundo o mira, incluso temos noticias que dende Arxentina.

“A final da liga, celébrase o día do Cristo, cando celebramos o ‘Memorial Suso Prado’”

Que torneos teñen a día de hoxe?

Temos unha liga regular, campión da embirla e unha supercopa, cos 16 mellores da liga. A final desta celébrase o día do Cristo, cando celebramos o “Memorial Suso Prado”. Mesmo tivemos campionato xuvenil, un con maiores de 65 anos e organizamos un feminino.

Tivestes algún contacto con outros clubes de birlos ou mesmo coa Federación Galega de Birlos ?

A verdade, é que si. Xa fomos xogar á Pontenova, no norte de Lugo, alí xogamos coas súas normas e eles á súa vez viñeron competir aquí coas nosas directrices. Tamén iamos ir a Vigo xogar, pero finalmente por diversas circunstancias non puidemos acudir.

Tivemos contactos coa Federación Galega onde no propuxeron federarnos e xogar no seu campionato. Non aceptamos pola gran unión que temos aquí e polo feito que cando xogaramos fóra teriamos que adoptar as normas da Federación. Aínda que logo ao xogar na casa, sería coas nosas normas. Pero tamén, só podiamos competir 12, e naquel entón eramos 30. Era unha desvantaxe para o resto.

“O único apoio que tivemos foi por parte da área de deportes da Deputación de Lugo para facer o valado de madeira, ao redor do campo”

Tedes ou tivestes algún apoio por parte das institucións?

A maioría das cousas que precisamos facer argallámolas nós mesmos. Así cada participante paga 30 euros para as comidas e os custos. O único apoio que tivemos foi por parte da área de deportes da Deputación de Lugo para facer o valado de madeira, ao redor do campo. Logo temos a empresa viguesa, Distribucións Irago, que nos dá para as camisetas e os sorteos.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...