“Asociación de Veciños de Marce”, 100 anos de historia

O sábado 25 de abril cumpríronse 100 anos dende a fundación desta entidade en Bos Aires. Quizais sexa a primeira asociación creada no Concello de Pantón. Segredos de Pantón achéganos a ela grazas á documentación da Asociación Xuvenil "Os Estraloxos".

Placa da Asociación na Escola de Marce. Foto: SdP

A Asociación de Veciños de Marce foi fundada en Bos Aires o 25 de abril do ano 1920, no día do patrón de Marce,o San Marcos. Tivo como presidente a Daniel de la Fuente e creouse co propósito de unir e realizar unha vida en común dos habitantes de Marce na cidade do río da Prata. A partir de aquí tamén podían xuntar fondos e beneficiar á súa aldea.

Actuacións

Pagaron o proxecto da estrada que a une coa vía Lugo-Ourense, no lugar do Alto de Guítara, obra realizada pola Deputación de Lugo.

No ano de 1920, inauguráronse as 2 escolas, que custeadas por eles mandaran construír en Marce. Estes centros chegaron a albergar entre os dous a uns 75 cativos. En 1927 construíron a ponte do “Camiño de Atán”. E pagaron o arranxo das demais pontes. Coas súas aportacións construíronse 6 fontes: fonte da Vila, fonte do Carballal, fonte da Pedreira, fonte da Cavorca, fonte das Penas e a fonte da Caballera. A maiores tamén levaron ás cativas das dúas escolas de Marce a unha excursión polas Rías Baixas.

Fonte da Vila feita pola asociación. Foto: Galipedia

Disolución

Foi disolta en 1950. Os fondos da organización foron enviados a Marce, empregáronse para levantar a famosa “Torre do Reloxo”, no ano 1952. Recibe este nome para diferenciala da próxima e histórica “Torre de Marce”.

Torre do Reloxo. Foto: SdP
Placa da asociación na Torre do Reloxo. Foto:SdP

Para rematar este capítulo para a historia de Pantón queremos lembrar unhas palabras do crego Xosé Val e Val, quen sobre a devandita asociación dixo:

“É de admirar o entusiasmo desta xente, pois todos eles eran simples obreiros que vivían dun soldo que precisaban pra saír adiante. Son un modelo que sempre debemos ter presente”.

Unhas palabras moi acertadas. Ademais dende aquí queremos dedicarlle unhas palabras a D. Xosé Val e Val. “Sen o seu traballo, na asociación xuvenil Os Estraloxos non poderíamos gozar deste anaco de historia e doutros que nos deleitou”.

Bibliografía:

Os Estraloxos 2001, Lendas e Tradicións da Ribeira Sacra. Asociación xuvenil “Os Estraloxos”. Pantón.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here