OPINIÓN: En ‘estado de alarma’, a desobediencia sae cara

“Se queres infrinxir, vai aforrando un pouquichín. Se a cousa se agrava non esquezas o traxe de raias. E se pensas seguir rebotado, búscate un bo avogado”.

A declaración do estado de alarma incidiu directamente na limitación á liberdade de circulación de persoas e no deber de colaboración e non obstaculización ao labor dos axentes da autoridade, tendo as condutas infractoras un réxime de sancións que vai directamente ao peto e nalgúns casos bastante máis alá.

Os particulares que infrinxan unha ou algunhas das limitacións á liberdade de circulación ou non cumpran cos deberes de colaboración e de non obstaculización do labor dos axentes da autoridade no exercicio do seu cargo -segundo se deriva do artigo 7 do R.D. 463/2020, do 14 de marzo e da Orde INT/266/2020 de 15 de marzo- poderán incorrer nalgunha das infraccións da Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de Protección da Seguridade Cidadá.  Resumidamente, e no que incumbe ás condutas máis comúns que puidesen estar directamente relacionadas co estado de alarma, son:

a) Infraccións graves, sancionadas cunha multa de 601 a 30.000 € e que poden consistir en: os actos de obstrución que pretendan impedir a calquera autoridade, empregado público ou corporación oficial o exercicio lexítimo das súas funcións, o cumprimento ou a execución de acordos ou resolucións administrativas ou xudiciais, sempre que se produzan á marxe dos procedementos legalmente establecidos e non sexan constitutivos de delito; as accións e omisións que impidan ou obstaculicen o funcionamento dos servizos de emerxencia, provocando ou incrementando un risco para a vida ou integridade das persoas ou de danos nos bens, ou agravando as consecuencias do suceso que motive a actuación daqueles; a desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións, cando non sexan constitutivas de delito, así como a negativa para identificarse a requirimento da autoridade ou dos seus axentes ou a alegación de datos falsos ou inexactos nos procesos de identificación. A infracción prescribe ao ano e a sanción aos 2 anos.

b) Infraccións leves, sancionadas cunha multa de 100 a 600 € e que poden consistir en: o incumprimento das restricións de circulación peonil ou itinerario con ocasión dun acto público, reunión ou manifestación, cando provoquen alteracións menores no normal desenvolvemento dos mesmos; as faltas de respecto e consideración cuxo destinatario sexa un membro das Forzas e Corpos de Seguridade no exercicio das súas funcións de protección da seguridade, cando estas condutas non sexan constitutivas de infracción penal. A infracción prescribe aos 6 meses e a sanción ao ano.

Hai que ter en conta que a Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá declara exentos de responsabilidade aos menores de 14 anos.

Por outra banda, na Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil contémplase como infracción grave, sempre e cando haxa emerxencias declaradas, os incumprimentos das ordes, de prohibicións, instrucións ou requirimentos efectuados polos titulares ou os órganos competentes ou os membros dos servizos de intervención e asistencia. A sanción é unha multa desde os 1.501 € ata os 30.000 €.

Pero non se esgota aquí a cousa, existen infraccións administrativas coa súa correspondente sanción que veñen reguladas na Lei 33/2011, do 4 de outubro, Xeneral de Saúde Pública, que no seu artigo 57 di que son infraccións moi graves a realización de condutas ou omisións que produzan un risco ou un dano moi grave para a saúde da poboación e o incumprimento reiterado das instrucións ou dun requirimento recibidos da autoridade competente, se este comporta danos graves para a saúde. E son infraccións só graves as mesmas condutas se non se consideran moi graves e ademais a denegación de colaboración, auxilio ou apoio, e a resistencia ou a obstrución daquelas actuacións que fosen esixibles de acordo coa propia Lei Xeral de Saúde Pública. Falamos de multas desde 3.000 € (tope mínimo das infraccións graves) e ata 600.000 € (tope máximo das infraccións moi graves).

Cómpre sinalar que as sancións que se están impoñendo baséanse na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá (“Lei Mordaza”).

CO CÓDIGO PENAL NA MAN

Con todo, a acción levada a cabo polo particular podería ser constitutiva dalgún dos delitos contemplados nos artigos 550 a 556 do Código Penal: atentados contra a autoridade, os seus axentes e os funcionarios públicos, e de resistencia e desobediencia.

– Atentado: aplicable para os que agrediren ou, con intimidación grave ou violencia, opuxesen resistencia grave á autoridade, aos seus axentes ou funcionarios públicos, ou os acometesen, cando estean no exercicio das funcións, dos seus cargos ou con ocasión delas. A pena contemplada xa é de prisión (de 6 meses e ata 6 anos dependendo do suxeito pasivo entre os que se inclúen tamén os bombeiros e persoal sanitario, vixiantes de seguridade, …). Artigos 550 e ss.

– Resistencia ou desobediencia grave á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións. A pena é de prisión de 3 meses a 1 ano ou ben unha multa de 6 a 18 meses. Artigo 556. Este delito require da existencia dun mandato expreso, concreto e terminante a facer ou non facer unha específica conduta; e que esa orde lle fose notificada ao obrigado a cumprila (requirida persoalmente); e a resistencia do individuo, o dolo de desobedecer, unha acción reiterada, contumaz e rebelde de oposición a acatar o mandato. Jaime Moreno -Fiscal de Sala do Supremo- defende que non fai falta un requirimento expreso e individualizado por parte do axente, con todo, ata a data, a maioría de sentenzas si que veñen esixindo ese requisito.

 – Falta de respecto e consideración debida á autoridade no exercicio das súas funcións, que se castiga con pena de multa dun mes a 3 meses (delito leve, art. 556).

Para distinguir entre unha infracción administrativa (L.O. de Protección da Seguridade Cidadá ou Lei do Sistema Nacional de Protección Civil) e un delito (Código penal), ademais da concreta acción hai que valorar a gravidade e o dolo, elemento fundamental.

“se queres infrinxir, vai aforrando un pouquichín. Se a cousa se agrava non esquezas o traxe de raias. E se pensas seguir rebotado, búscate un bo avogado”.

Algunhas sentenzas ditadas con motivo de desobediencias:

– O Xulgado de 1ª. Instancia e Instrución de Ribeira decretou o sobresemento e arquivo das actuacións o día 30 de abril nun caso no que o cidadán se saltou ata en 3 ocasións en distintos días o confinamento. Neste caso non existiu requirimento persoal, e por tanto non existiu desobediencia do mandato, non houbo dolo.

– O Xulgado de 1ª. Instancia e Instrución da Coruña tamén en data 30 de abril absolveu ao individuo porque: cando foi sorprendido polos axentes nas inmediacións dunha igrexa díxolles que ía practicar actos de culto, actividade permitida (artigo 11 do Real Decreto do estado de alarma), despois duns minutos vírono nas inmediacións dun parque, pero díxolles que ía ao supermercado para comprar comida (actividade permitida, artigo 7 do R.D. do estado de alarma). Non houbo un desacato de forma terminante, directa ou expresa dunha orde ditada pola autoridade ou os seus axentes no exercicio das súas funcións, que impuxese ao particular unha conduta activa ou pasiva.

– O Xulgado de 1ª. Instancia e Instrución de Ceuta do 27 de abril, ditou unha sentenza absolutoria por argumentos semellantes aos das sentenzas anteriores. Con todo, outras sentenzas como a do Xulgado de Instrución de Santa Cruz de Tenerife, do 28 de abril, condenan aos procesados por feitos similares.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here