InicioOpiniónDiario da desescalada: Feiras, festas e mercados e o temor a que...

Diario da desescalada: Feiras, festas e mercados e o temor a que a ameaza volva

Pois parece que isto remata. En pouco tempo e case sen decatarnos xa deixamos atrás o confinamento e as precaucións extremas. Malia que aínda se considera que estamos en Fase 3, a sensación é a de que todo volve ser máis ou menos coma antes da pandemia. As máscaras maioritarias e algún bar que segue pechado son as reminiscencias que quedan do que nos tocou vivir nestes tres meses.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

O principal indicador de que todo regresa é a cantidade de coches. As estradas acollen infinidade de vehículos e a densidade de tráfico na vila de Chantada xa é de novo equiparable á de Madrid ou Barcelona, como era antes da COVID-19. De aparcar en determinadas zonas a determinadas horas xa nos podemos ir esquecendo. Igualiño que ata marzo.

Con tantas horas de luz, é lóxico que nos botemos á rúa. E, levados por unha emoción que xa debera ser menos, pode que nos saltemos a distancia de seguridade ou que fagamos algún corro innecesario. Algo probablemente inevitable e que será competencia das forzas de seguridade ou das forzas vivas que nos vixian sen que nos decatemos.

indisimulado temor a que a ameaza se volva presentar

O que se percibe, sobre todo entre os donos dos establecementos hostaleiros e comerciais pero tamén nas conversas da rúa, é un indisimulado temor a que a ameaza se volva presentar no verán. Que os emigrantes que pasan aquí as vacacións ou os turistas traian con eles o coronavirus é algo posible e por iso causa temor. Temor pola saúde propia e tamén temor a ter que volver pasar de novo por todo este proceso de confinamento e desescalada.

Chantada desescalada / XdL

Esperemos que non sexa así pero, como non depende de nós que regrese o virus, fagamos todo canto está na nosa man para, polo menos, evitar que se propague. Agora xa non hai escaseza de máscaras, luvas e xeles hidroalcohólicos ou outros produtos de limpeza e desinfección. E xa nos habituamos a gardar a distancia en espazos pechados e beirarrúas. Fagamos, pois, un pequeno esforzo máis nestas semanas e todo irá mellor.

Feiras, festas e mercados

O meu particular “dobramento do pico da curva” foi volver comer o polbo. Provisto do meu tupper, achegueime o día cinco ata o mercado gandeiro e levei para a casa catro racións que metín entre peito e espalda dunha sentada. As polbeiras din que hai medo e, de feito, as mesas que se permite ocupar estaban case baleiras. Tampouco se viron colas diante dos caldeiros do polbo. Sen os postos da roupa, dos animais ou dos CD a feira non é feira e así nos pareceu os que alí estivemos. Un pouco de paciencia e cada día 5 e 21 estarán as rúas outra vez cheas de postos e de compradores.

Tamén volve o fútbol. Nos bares, claro. Para os que o vivimos con paixón resulta un pouco descafeinado pero…como con calquera vicio, temos que conformarnos co que hai; que non é pouco visto como estabamos hai tres meses.

Cuestión fundamental é o que vai pasar coas festas patronais. E non só coas das vilas grandes senón, e sobre todo, coas das parroquias. Aínda non hai nada decidido pero semella difícil que se vaian ver este ano os campos das festas cheos tanto coa orquestra como coa banda ou a charanga. Igual pode suceder nas casas: o de “churrasco para cincuenta” vaise dar a contagotas.

Folión de carros / turismo.gal

Sabido así que as festas non se van celebrar tal e como as lembramos, cómpre poñer esforzo en que non se perdan de todo elementos diferenciais e valorados en toda Galicia e mesmo fóra. O Folión de Carros de Chantada, as Fachas de Vilelos e de Castelo ou a carreira de burros de Escairón teñen que buscar fórmulas para adaptarse a este novo tempo. Case desbotada a presenza masiva de público, toca moverse nas redes sociais ou deseñar actos para grupos reducidos de persoas. O importante é que os eventos se celebren dun xeito ou outro. Seguro que desta saen ideas para aplicar cando todo sexa de novo como antes.

Remato lembrando que, agora que cesaron os aplausos das oito do serán e o virus semella dominado, o persoal de hospitais e centros de saúde segue a traballar todos os días para atender esta e outras doenzas. Agora van recibir o Premio Princesa de Asturias da Concordia pero o mellor premio é que saiban que todos os usuarios da sanidade pública estaremos eternamente agradecidos polo seu labor antes durante e despois da pandemia. Porque, aínda que se fixeron máis visibles en marzo e abril, eles e elas sempre están aí para garantir o máis importante que temos: as nosas vidas.

Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE

[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’  —agora ‘Diario da nova normalidade’— que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....