Cousas Xacobeas: Igrexa de San Salvador

A igrexa de San Salvador naceu coa fundación da vila real de Vilanova de Sárria, e como San Salvador de Vilanova foi chamada ata que aparece a nova denominación de "A Pobra de Sárria" que se mantén ata o século XVI.

San Salvador / tripadvisor.com

Os que vencellan esta igrexa ao San Salvador de Sárria erran, este estaba  na medieval Terra de Sárria, correspóndese con San Salvador de Francos, na Neira de Susao, hoxe no Concello de Baralla, citada nos tempos de dona Urraca como vencellada por algún tempo á diocese mindoniense. Aquel San Salvador non estaba entre os ríos Sárria e Barbadelo, senón na bacía do río Neira.

San Salvador de Sárria, con  igrexa  parroquial que vai para os 800 anos,  formou curato con San Martiño de Requeixo e con San Salvador de Vilar de Sárria ata 1891, e estivo sempre moi vencellada ao camiño das pergrinacións xacobeas, ao que dá o seu pórtico norte. Foi lugar de enterramento dos peregrinos que faleceron dentro da súa xurisdición, primeiro no Hopsital Vello, e andando o tempo no de Santo Antón Abade.

É igrexa matriz á que, mesmo en publicacións turisticas de corte oficial,  algúns mal califican de “capela”, dándose a curiosidade de chamala “Capela de Santa Misión” (enteiramente descoñecida no santoral), porque o redator dun proxecto de encarga municipal  leu  a inscrición dunha xa retirada cruz marmórea na que se lembraba  a celebración dun deses exercizos  espirituais  multitudinarios  que ata os anos 1960 se celebraban nas parroquias. Concordemos: San Salvador de Sárria é igrexa parroquial coa súa correspondente pía para a acollida de novos bautizados, e nela  tamén recibiron as augas vivificadoras nenos e nenas de mulleres peregrinas e camiñantes de paso. Non é unha capela.

Igrexa San Salvador / tripadvisor.es

Entre as capelas dotadas nesta igrexa cos correspondentes altares estaba a de Santo Antonio, que daba lugar á celebración da festa do “Santo Antonio dos Asentos”, nos Esqueiredos. Había ademais dentro dela a Capela chamada de Vilariño vencellada ao Arcediago de Sárria da Catedral de Lugo.

San Salvador foi templo moi unido primeiro ao Rexemento da Vila e despois ao Concello por mor da celebración da festa oficial da Vila, “O Corpus Christi”, dotada coa participación dun gaiteiro, e con procesión na que seis danzantes ían diante da custodia facendo a súa ofrenda bailable, riba dun tapis de espadanas, frores e fiuncho, que por moito tempo foron gasto que lle cargaban ás contas do Hospital de Santo Antón Abade.

Vila que naceu en, por e para o Camiño de Santiago

A igrexa parroquial, que foi obxecto de atinadas obras de restauración hai poucos anos, foi alzada no século XIII, nos primeiros anos da Vilanova de Sárria, razón pola que os poucos elementos románicos iniciais deron paso a unha  obra do gótico primitivo. Conserva a ábsida abovedada e dous pórticos. No lateral norte pódese ver unha representación que uns interpretan como un Pantocrátor  imperfecto, outros como a imaxe do Rei David, e aínda hai quen considera ser a de Melquisedec, entre esquematizacións da “árbore da vida”.

A porta principal, que dá a un pequeno adro, está máis alta que o chan da igrexa, á que hai que baixar por pasos no interior. A espadana foi alzada en 1860 seguindo a traza barroca que tantas veces vemos nos templos rurais da zona. Para o servizo da sancristía o crego Xoán Díaz de Guitián fixo unha fundación dotada de recursos dabondo.

Do retablo maior consérvanse as imaxes de San Xoán (patrón da vila que tamén tiña altar e capela en Santa Mariña ) e de San Miguel, obras do entallador sarriao do século XVI Gozalvo Álvarez, que se gardan no nacente museo que  se presenta no Mosteiro da Madalena-Convento da Mercé.

Na actualidade a Diocese de Lugo ofrece información e fai o selado das credenciais dos peregrinos na sancristía de San Salvador, e desa maneira  achan un espazo aberto á meditación, á oración e á apreciación dos valores  artísticos da pequena igrexa. 

Desta maneira o vencello xacobeo do templo recupera moito do seu significado dentro dunha vila que naceu en, por e para o Camiño de Santiago.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here