OPINIÓN: Onde vas coa fortuna, Bribón?

"Cando un demócrata fuxe para refuxiarse nunha ditadura é que non é un demócrata, sobre todo, cando esa ditadura non ten convenio de extradición co país que o investiga, que non é o Reino de España senón Suíza".

O Rei Emérito Juan Carlos I. Ilustración: XMF

Ao longo dos últimos anos ten habido moitos representantes políticos que teñen dimitido por estar presuntamente relacionados coa corrupción e unha vez rematados os procedementos xudiciais teñen sido declarados inocentes, sen que, en moitos casos, a declaración de inocencia teña tido o mesmo eco mediático que a súa inculpación.

Mentres isto sucedía, os medios de comunicación, encargados de fomentar esa impresión de corrupción xeneralizada na política e do falso tópico de que “todos son iguais”, moitas veces sen contrastar a información ou baseándose en informes que despois se revelaron falsos, miraban para outro lado coas actividades presuntamente ilícitas e inmorais do daquela Rei Juan Carlos, hoxe Rei Emérito.

Podémonos preguntar por que esta dupla vara de medir, aínda que as noticias sobre presuntos regalos a certas persoas dos medios de comunicación, xunto cun pacto de silencio entre o estado e a prensa sobre esta medieval institución, pódennos dar algunhas pistas. Se hoxe se di algo aquí e porque antes o destaparon os medios de comunicación estranxeiros, a partir dunha investigación que se segue en Suíza sobre a súa actividade.

Como se pode aceptar no século XXI que haxa persoas inviolables? Que haxa persoas que fagan o que fagan nunca poden ser condenadas. Pois sinxelamente porque iso de que todos somo iguais diante da lei é un simple fraude.

“Como se pode aceptar no século XXI que haxa persoas inviolables?”

Para facer unha valoración da catadura moral de Juan Carlos I (“El Campechano”) non fai falla analizar a súa traxectoria (por outro lado sempre edulcorada polos medios de comunicación), simplemente fai falla fixarse onde decidiu marchar, nada máis e nada menos que a un dos Emiratos Árabes Unidos.

Unha persoa que, segundo os libros de historia, foi un dos principais baluartes da democracia española -así o queren facer pasar á historia, a pesar de ser nomeado por un ditador e da súa traxectoria de servizo ao seu propio peto-, se quere marchar a algún país, o lóxico é que o faga a un país democrático, que segundo os que escreben eses libros existen en cantidade, e que o faga co seu diñeiro e non a conta dos nosos impostos.

Pois non. Vai o defensor da democracia e elixe para seu retiro un país que non ten institucións elixidas democraticamente, nin partidos políticos, onde a súa cidadanía non ten dereito a mudar o goberno; claro que isto non lle resulta alleo porque a xefatura do estado que el ocupou, e agora ocupa o seu fillo, tampouco se pode cambiar votando. Pero é que ademais a libre asociación está restrinxida, a lexislación vixente convalida o maltrato das mulleres e só poden acceder a un traballo co permiso do marido. Por suposto que ademais os dereitos humanos non existen nin se respectan. Falando claro: marchou vivir a unha ditadura.

“Vai o defensor da democracia e elixe para seu retiro un país que non ten institucións elixidas democraticamente, nin partidos políticos, onde a súa cidadanía non ten dereito a mudar o goberno”

Non fan falla máis explicacións, non hai que intentar sisudas reflexións e xustificación para pretender a cuadratura do círculo.

A  cuestión é moi sinxela: cando un demócrata fuxe para refuxiarse nunha ditadura é que non é un demócrata, sobre todo, cando esa ditadura non ten convenio de extradición co país que o investiga, que non é o Reino de España senón Suíza.

O demais, tanto por parte de quen intenta xustificar o inxustificable, como por parte do que abandona o seu país, son desculpas de mal pagador, por non utilizar outros cualificativos para corroborar o indefendible.

Por último, resulta inaceptable que persoas que saen defender a El-Rei se atrevan a dicir que quen ataca o rei, está atacando a constitución e ao sistema.  Estas persoas, que tiveron responsabilidades de goberno, mostran a súa concepción da democracia como un relato ditado á marxe da cidadanía e sen que esta teña dereito a discrepar naquilo que considere. Na práctica pretenden censurar a liberdade de opinión.

É preciso dicir que a monarquía está indisolublemente vinculada ao Rei, non se pode elixir nin mudar, esa persoa, e ningunha outra, é a herdeira do trono, do posto, polo que non se pode dicir que a actividade do Rei é algo particular, que hai que distinguir á persoa da institución, porque, neste caso, persoa e institución están intimamente vinculadas, o que non sucede en calquera outra institución ocupada, de forma transitoria, por unhas ou outras persoas que se elixen de forma periódica.

Pouco futuro lle espera a unha sociedade que non sabe encaixar e asimilar as críticas a calquera das súas institucións. Resulta pouco crible aquela democracia onde o Xefe do Estado é intocable a efectos xurídicos e de control político.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here