InicioOpiniónCousas Xacobeas: De San Salvador a Santa María Madalena

Cousas Xacobeas: De San Salvador a Santa María Madalena

Instalado o cruceiro con carácter provisorio, cando se fixo a obra do Miradoiro, foi realizada a súa situación cunha balconada de ferro e foi dotada de alumeado. Os constantes actos de vandalismo de que foi obxecto o alumeado posto a ras do chan, levaron á eliminación dos focos, en aras da seguridade das persoas.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

O treito do Camiño Xacobeo entre a igrexa de San Salvador e o Mosteiro da Madalena deixaba á dereita o Hospital de Santo Antón Abade, ao que na traseira lle engadiron a finais do século XVIII a Casa da Escola de Gramática e a Casa do Mestre, e á esquerda estaban os foxos e contrafoxos da Fortaleza e a fonte de San Salvador, e pasada a Horta do Hospital e a Devesa de riba da Calexa, chegaba ao Mercado, que estaba á sombra da torre que levaba este nome, e pasando rente a Santa María de Barbadelo entraba no curral ou lonxa do Mosteiro, pasando antes entre a Chousura e os Barredos de Fora.

Este treito, de 300 metros, coincide actualmente coa Rúa da Mercé, froito de sucesivos ancheamentos, entre eles o producido coa eliminación dos alpendres da feira O camiño ao longo duns cincuenta metros estaba cuberto  é constituía un verdadeiro corredor entre os postos dos tendeiros, á altura da actual Casa do Campo da Feira e dos depósitos de auga. A esa altura a ruta xacobea recibía o ramal do Camiño Francés de Sárria a Monforte que procedente do lugar de Lama Rigueira seguía por diante do mosteiro ate a Ponte do Mazadoiro, para seguir cara Lugo pola Ponte de Neira.

O mercado celebrábase todas as semanas á sombra da Fortaleza (ata 1860) e era herdeiro do antigo mercado medieval que na Vilanova de Sárria  estivera ubicado a carón da ermida de Santiago do Mercado. Tamén se celebraban alí as feiras de ano, o día 20 de marzo, creadas polos Reis Católicos en 1487, e mercados e feiras  serían visitados polos pelengríns que ían e viñan de Compostela.

O arranxo do camiño corría a cargo da Xustiza e Rexemento da Vila aínda que fronte ao mosteiro, entre a Lonxa e o Barredo do Pombal, a compostura soían facela os criados do convento.

Entre 1928 e 1930, ocupando terreos do vello Hospital de Santo Antón, foi alzada a Prisión Preventiva que, perdida a súa condición carceraria, a partir de 1964 pasou a ser lugar onde, de xeito moi precario, se lles permitía aos poucos pelengríns que por alí pasaban durmir no chan facendo uso dos seus propios sacos. O alcalde, Euxenio Quiroga Vázquez, para ocultar un pouco a orixe do edificio, que as fortes reixas e as celas delataban, colocou un letreiro en madeira chapeada na que se lía “Albergue Nº 21“, ou algo semellante, tapando as letras cerámicas  postas no primeiro edificio que en Sárria se fixo con uso intenso de ladrillos. Na actualidade esta edificación segue a ter una función de acollida de peregrinos porque nel están instaladas oficinas informativas e ademáis ofrécense numerosas e variadas  exposicións, que poden ser visitadas libremente, entre as que destaca, cada dous anos a establecida polo artista, Xosé Díaz Fuentes, iniciada como unha promoción do Salón de Outono.

Plano Sárria

Outro espazo que tamén pertencera á Horta do Hospìtal é agora unha zona de descanso, á sombra dun soberbo freixo e dun carballo, que está embelecida cun cruceiro asentado no Miradoiro do Cárcere. Este cruceiro foi obra de Manuel Mallo e foi instalado a causa de acción promovida polo Centro Cultural Meigas e Trasgos.CIT de Sárria, razón pola que o escudo da asociación figura na base. Instalado o cruceiro con carácter provisorio, cando se fixo a obra do Miradoiro, foi realizada a súa situación cunha balconada de ferro e foi dotada de alumeado. Os constantes actos de vandalismo de que foi obxecto o alumeado posto a ras do chan, levaron á eliminación dos focos, en aras da seguridade das persoas. A imaxe en pedra do apóstolo Santiago, existente no antigo Peto de Santo Antonio, foi roubada.

Na actualidade o camiño e muros laterais del son obxecto de restauro e acaba de ser recuperada unha das cruces de pedra do antigo Viacrucis  do vello camiño do Convento.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...