InicioOpiniónCousas Xacobeas: A ermida de San Brais, xermolo do mosteiro

Cousas Xacobeas: A ermida de San Brais, xermolo do mosteiro

Antes de nacer a Vila Nova de Sárria, moi perto do espazo no que estivo situada a capela de Santa María de Barbadelo, e citada nos anos de remate do século XII, os documentos falan da ermida de San Brais, como antecesora da soberbia institución adicada á atención dos peregrinos que moitos anos despois pasaría a ser coñecida como Hospital e Mosteiro de Santa María Madalena de Sárria.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Dito doutra maneira, a ermida de San Brais foi o antecedente do Mosteiro da Madalena. Posiblemente nese eremitorio residirían ermitáns adicados a exerceren a caridade cos peregrinos antes de que baixasen  dende o Castro de Entrambasaugas (alí acabaría asentada a Fortaleza)  na percura do vao do río Barbadelo (agora río Celeiro) onde  foi alzada a Ponte da Áspera.

É cousa coñecida, grazas ao relato que o prioiro Xoán de Urbina (1596/1597) deixou escrito e referido ao seu tempo como “haberá perto de douscentos   anos, pouco máis ou menos ( – en realidade iso aconteceu 396 anos atrás –  ), que esta casa ( o Mosteiro da Madalena ) estaba  ben poboado de frades,  que se chamaban “De Poenitencia Beatorum Martyrum sub Regula S,. Agustini Episcopi”, a cal orde tivo a súa primeira fundación en Italia; e dous Relixiosos desta orde, homes graves, e de santa vida, vindo a visitaren o glorioso corpo de Santiago, acordaron facer a súa habitación neste lugar de Sárria, a carón da Fortaleza, en cuxos arredores de antigo soía estar o mellor da Vila.

Cando estes  dous Relixiosos viñeron de Italia á romaría enriba dita, acharon neste sitio, onde agora está a porta, que entra da igrexa  para o Claustro, unha ermida que se dicía de San Brais da Vila Nova de Sárria; e tendo licenza e beneplácito da vila de Sárria comezaron naquela Ermida a fundar o Mosteiro. Achegándose a eles outros relixiosos, que querían seguir aquel instituto e maneira de vivir, e vivindo en Comunidade con grande exemplo, e Santidade, as xentes da contorna tivéronlles grande amor.

Estes dous irmáns que foron os primeiros fundadores desta Casa, están enterrados onde soía ser a Capela de San Brais, baixo de dúas pedras, que están cunhas cruces xunto da porta antedita, segundo e como entramos na igrexa para o Claustro, que están  debaixo do Coro. Riba destas pedras había outra lastra moi grande que cobría as dúas pedras;  e despois se sacou e  rompeu en dous pedazos, e un deles serve agora de ceadeiro na horta. Naqueles tempos pola devoción que a xente tiña a aqueles dous relixiosos adoitaban levar dela terra das dúas sepulturas por reliquias. E así os antigos non permitían que ninguén fose enterrado baixo delas nin dende entón se fixo ali enterramento ningún. 

A data de ocupación de San Brais polos relixiosos italianos xira darredor do ano 1200, poucos anos despois da fundación da Vila Nova de Sárria.

San Brais

A capela de San Brais perviviu por moito tempo ata que se alzou a terceira igrexa conventual, nas primeiras décadas do século XVI. A devoción ao santo da primeira advocación, San Brais, perviviu e o día da súa festividade era un dos sinalados como máis destacados polas comunidades relixiosas  ao longo dos séculos. O santo  gozaba do fervor popular e a Misa de San Brais, como avogoso que era para as doenzas da gorxa, foi mantida e segue viva hoxe, sen que o abandono da Casa polos agostiños en 1835 impedise o seu mantemento. E pouco tempo hai, o que debe ser saudado como boa iniciativa, a actual comunidade mercedaria situou na igrexa unha imaxe de San Brais que vén a ser un recordatorio daquela primitiva ermida e daqueles relixiosos italianos de quen acabaría derivando unha orde relixiosa enteiramente xacobita, coa finalidade de atender peregrinos  e  enteiramente sarriá  por máis de 360 anos. E aquí se mantén viva a tradición de entrega das rosquiñas abenzoadas polo día do San Brais da Vila Nova de Sárria.

Os  dous “Corpos Santos”, como eran coñecidos os restos mortais dos fundadores, foron retirados  cando se fixeron arranxos na igrexa, despois da chegada dos mercedarios en 1896, e estiveron gardados  na fermosa porta románica do claustro, mesturados cos dos numerosos enterramentos  que acollera a igrexa mosteiral e agora acougan no Cemiterio Municipal no Panteón Mercedario e a carón dos restos dos benefactores do Convento Mercedario, don Camilo García Vaamonde e dona Concepción Ulloa Lois.

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...