InicioOpiniónLugo-Compostela, a primeira liña aérea comercial entre dúas cidades galegas

Lugo-Compostela, a primeira liña aérea comercial entre dúas cidades galegas

O 12 de xuño do 1951 aterra en Rozas o voo inaugural de Aviaco que cubriría a liña Madrid-Lugo-Santiago-Bilbo-Zaragoza-Barcelona. Este servizo, que operará os martes, xoves e sábados, convértese no primeiro transporte aéreo comercial entre dúas cidades galegas

Publicado o

POR
Xerardo Rodríguez Arias
- Advertisement -

A primeira aterraxe dunha aeronave comercial no aeródromo de Lugo acontece o día 1 de xullo de 1949, trátase dun DC-3 da compañía Ibería que facía a liña regular Madrid-Santiago, que non pode aterrar na Lavacolla polas limitacións da pista que estaba a ser asfaltada.

A decisión de utilizar Rozas tómase despois de desbotar o aeródromo de Guitiriz, destino para o que mesmo había pasaxes vendidas. A Liña Madrid-Lugo estivo operativa até finais de setembro; o cese de actividade veu condicionado polo comezo da tempada de choivas, que facía impracticabel a pista de terra, así como o remate do asfaltado da pista de Lavacolla previsto para a primavera do ano seguinte.

Rematadas as obras do aeroporto compostelán, Iberia reanuda os voos con Madrid o 3 de xullo de 1950. Trece días despois a compañía Aviaco comeza as operacións coa liña Madrid-Santiago-Bilbo-Barcelona.

Iniciado o mes de setembro, en Compostela xorden rumores sobre a suspensión dos voos de Iberia a partir do outono. Coma outras veces as “forzas vivas” inician  xestións para evitar a desaparición dos servizos, pero non han ser quen de mudar a decisión de Iberia, que despois de tres meses de operacións e máis de 3.500 pasaxeiros transportados anuncia o derradeiro voo para o sábado 30 de setembro.

O día 9 de xaneiro de 1951, após a paréntese das festas de Nadal, Aviaco retoma as operacións establecendo un voo directo entre Compostela e Madrid, e o 29 de marzo recupera a liña Madrid-Bilbo-Barcelona, a que deu en chamarse  liña do Norte. Pouco tempo ía durar a actividade de Aviaco, xa que a primeiros de Abril ten que cesar as operacións por imperativo do Ministerio do Aire,  a instancia da compañía Iberia, posuidora da exclusividade do roteiro Madrid-Santiago.

Cando a primeiros de 1948 se constitúe Aviación e Comercio, as autoridades aeronáuticas só lle permiten estabelecer servizos aéreos complementarios dos de Iberia, compañía que ten a exclusividade do transporte aéreo en territorio español, polo que á nova empresa só lle queda un oco nas liñas que Iberia non quere operar. Co tempo, e coa desculpa de que esta non pode atender os servizos pola dimensión da súa frota, as autoridades acaban por aplicar o criterio de concorrencia entre os servizos desas compañías, co evidente desgusto e protesta de Iberia, que entende pode facer perigar o seu monopolio, de aí que a aparicición de Aviaco no transporte aéreo comercial español non sexa “ben recibida”.

Só nese contexto pódese entender que abandoando por interese propio o servizo da liña Madrid-Santiago, coa pista asfaltada desapareceran os argumentos da choiva e o barro,Iberiaesixa os dereitos de exclusividade precisamente cando Aviaco cobre ese baleiro. Evidentemente, o Ministerio do Aire prohibe as operacións de Aviaco pero obriga a Iberia ao restablecemento da liña, feito que acontece o luns 16 de abril.

No mesmo intre que Iberia solicita a exclusividade que por lei lle corresponde, Aviaco ponse a traballar no xeito de buscar novas opcións para non ter que substituír a súa escala de Galiza no roteiro do Norte. O pontevedrés José Pazó, presidente do Consello de Administrración de Aviaco, que coñece os datos de explotación do roteiro Madrid-Lugo operado por Iberia no verán do 49, decide intercalar Rozas no traxecto entre Madrid e Compostela, quedando configurada por tanto a liña Madrid-Lugo-Santiago-Bilbo-Zaragoza-Barcelona, con posterior desdobramento en varios subroteiros. O novo servizo, que operará os martes, xoves e sábados, convértese, deste xeito, no primeiro transporte aéreo comercial entre dúas cidades galegas.

Ás dez da mañá do martes día 12 de xuño do 1951 aterra en Rozas o voo inaugural de Aviaco procedente de Madrid, no que veñen como invitados diversas personalidades da vida política e comercial relacionadas con Lugo. No aeródromo agardan numerosas persoas representativas da vida local e provincial, e unha chea de veciños de Lugo que quixeron contemplar a chegada do aparello. A prensa acreditada foi convidada a voar a Compostela para regresar á capital lucense ás sete e media do serán; mentres tanto, os convidados chegados pola mañá de Madrid, despois de visitar a cidade, son agasallados polo Concello cun xantar no Hotel Méndez Núñez, onde o director de Aviaco pon de manifesto a importancia que ha ter Lugo nas comunicacións aéreas de Galiza co resto de España, facendo votos para que se consolide o roteiro que se vén de inaugurar.

Esquema de roteiros de Aviaco

O singular trazado da liña inaugurada convértea no primeiro servizo aéreo non radial no desenvolvemento do transporte aéreo español, que será ratificado e ampliado dous anos despois, coa inclusión de Oviedo e Palma.

O Bristol 170 saía de Barajas ás 08h00, chegando a Rozas ás 09h50, para despegar trinta minutos despois e aterrar en Lavacolla ás 10h45; despois dunha escala de 40 minutos continuaba cara a Bilbo. O que facía o roteiro contrario despegaba de Barcelona ás 10:50 e despois das escalas en Zaragoza e Bilbo aterraba en Lavacolla ás 16h05, saíndo ás 17h40 para Lugo e Madrid.

O prezo do billete entre as dúas cidades galegas era de 106 pesetas e de 510 entre Rozas e Barajas. O traxecto Santiago-Lugo, como todas as rotas de transporte aéreo, era utilizado fundamentalmente por xente con “posíbeis”, mais tamén por unha chea de persoas relacionadas cunha morea de institucións que se beneficiaban gratis dese servizo, o que facía case que inviábel acadar unha praza. As choivas de outono, que convirten en  inoperativo o aeródromo de Rozas, poñen fin a este proxecto.

ÚLTIMAS

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...