InicioOpiniónOPINIÓN: Depende de nós

OPINIÓN: Depende de nós

"A Xeración Nós abriu o camiño e demostrou que é posíbel. Agora tócanos a nós continuar, pero para iso precisamos seguir o seu exemplo de xenerosidade e antepor o ben común a vaidades persoais".

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

No pasado ano 2020 fixéronse 100 anos desde a publicación do primeiro número da Revista Nós. Parece ser que o nome foi cousa de Castelao, quen se encargou do deseño gráfico, no pensamento de crear unha estética puramente galega. A idea da revista fora de Antón Losada Diéguez, tal como conta Vicente Risco, e a súa xestación produciuse nunha reunión en Pontevedra, no verán de 1920, en que participaron o propio Vicente Risco -que foi o seu principal impulsor e o seu director literario-, Castelao -que foi o director artístico-, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez. Inicialmente foi editada en Ourense e posteriormente pasou por Pontevedra, A Coruña e finalmente Santiago de Compostela, con Ánxel Casal como editor.

Esta publicación deu nome a toda unha xeración, que hoxe coñecemos como “Xeración Nós”, composta por persoas de singular valía (Vicente Risco, Castelao, Cabanillas, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Maside, Fermín Bouza-Brey, Ánxel Fole, Carvalho Calero, Luís Pimentel, Francisca Herrera Garrido, Francisco Fernández del Riego, Leandro Carré Alvarellos, Antón Villar Ponte, Philéas Lebesgue, Teixeira de Pascoaes, Cándido Fernández Mazas, Camilo Díaz Baliño, Carlos Maside, Margot Sponer, por dicir só algúns nomes), que puxeron a nosa lingua e cultura en relación directa co resto do mundo e que foron quen de conseguilo a través da unión e a cooperación, desde a diversidade, desde distintos puntos ideolóxicos, pero antepoñendo o común da unión ás particularidades.

A Xeración Nós puxo a nosa lingua e cultura en relación directa co resto do mundo

O seu obxectivo era cultural e literario pretendendo mellorar a cultura propia de Galiza a través da ciencia e a creación, utilizando a nosa lingua, o galego, como elemento vertebrador;  mais tamén tiña un obxectivo social e económico, a súa idea era a dunha Galiza dona de seu e aberta ao mundo, procurando unha mellora nas condicións de vida da xente que a habitaba e un progreso social e económico que as fixera posíbel.

Por iso, máis alá da efeméride ou a curiosidade histórica, é moi importante coñecer estes feitos porque o labor que iniciou esta irrepetíbel xeración -que se viu truncado polo fascismo que irrompeu a sangue e lume no ano 1936- aínda está pendente de ser continuado, porque hoxe é tan necesario coma daquela.

O labor que iniciou esta irrepetíbel xeración aínda está pendente de ser continuado”

Portada da Revista Nós

Temos a obriga de continuar esa obra, é unha obriga moral, cultural e de supervivencia porque construír a nosa identidade en positivo, non contra ninguén, e facernos donas de nós é a única vía se queremos un progreso económico que hoxe cómpre máis do que nunca.

Tal vez hoxe nos falte un referente, un Vicente Risco que nos aglutine, pero a Xeración Nós abriu o camiño e demostrou que é posíbel. Agora tócanos a nós continuar, pero para iso precisamos seguir o seu exemplo de xenerosidade e antepor o ben común a vaidades persoais. Se así o facemos teremos a recompensa dunha vida mellor, individual e colectiva, tamén no plano material.

ÚLTIMAS

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...