InicioOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: cando aos negocios locais non...

Así viviamos hai un ano a pandemia: cando aos negocios locais non lles dá para cubrir a luz

Nesta entrega baixabamos ao sur máis sur de Lugo para coñecer como se estaba a vivir este peche domiciliario e empresarial. Falamos cun policía municipal de Quiroga e con xente da comarca que transmite preocupación, basicamente polo que esta crise está tendo de prexudicial para os seus negocios.

Publicado o

POR
X.M.F.
- Advertisement -

Diario de corentena do 18 de marzo do 2020:

Neste cuarto día de crónica sobre a corentena tócame a min, e a decisión é baixar –virtualmente- á Comarca de Quiroga para sondar os ánimos e coñecer como están a vivir esta situación insólita os veciños e veciñas do lugar.

Para empezar, chamo a un dos policías municipais de Quiroga entendendo que terá unha perspectiva ampla do día a día por estar traballando para manter o orde, pero nesta ocasión cun ‘plus de autoridade’ por iso de ter que facer cumprir o Decreto de Alarma Social. Chamo a “Tito”, co que teño máis confianza, e cólleme o teléfono algo sufocado. Pregúntolle que lle pasa e dime que acaba de botar unha carreira detrás dunha vaca que andaba solta pola Ribeira, un barrio de Quiroga. Cousas do oficio, sendo municipal en concellos rurais poden xurdir situacións como estas.

Pregúntolle que xa que non lle queda outra que traballar, como leva o choio. No de compartir vehículo non ten problema pois son dous empregados e o único coche que teñen emprégano de forma individual un en cada quenda. En canto ás roldas para facer cumprir o ‘confinamento’ di que en xeral a xente estase comportando e que tamén lles toca ir polas aldeas para advertir aos veciños e veciñas que deben permanecer nas súas casas. Neste punto refíreme que nas aldeas nota bastante despreocupación, “parece que para algúns isto non vai con eles”, comenta. “Tiven que desfacer grupiños de xente nos pueblos”, dime tamén con seriedade.

“TIVEN QUE DESFACER GRUPIÑOS DE XENTE NOS PUEBLOS”

Cando lle pregunto polas casas baleiras que fan de segundas residencias dime que se está notando moito que agora están ocupadas, “veu moita xente de fóra, tamén aos pueblos”. “E a algúns parécelles mal que lles digas que teñen que estar confinados/as”, engade.

Continúo a quenda de chamadas e falo con Juan Luís, un rapaz que rexenta a Libraría Celia no núcleo urbano de Quiroga. Segundo comprobou coa súa xestoría pode abrir pero só o está facendo puntualmente e con horario reducido. “Chega de sobra, polo ambiente que hai podía estar pechado perfectamente”, dime. Estes días está vendendo revistas, algún libro -pouca cousa e algúns para colorear- e material de papelería como ceras, pinturas, folios… material que se emprega agora nas casas para traballos e manualidades cos pequenos e pequenas. Ao falar do negocio e de números di claramente que estes días “non dá nin para cubrir a luz” e para venda online e a domicilio non hai movemento.

Concello de Quiroga / XdL

AO FALAR DO NEGOCIO E DE NÚMEROS XA NOS DI CLARAMENTE QUE ESTES DÍAS “NON DÁ NIN PARA CUBRIR A LUZ”

Cruzo o Sil -virtualmente- e paso ao Concello de Ribas de Sil. Neste concello está máis activo que nunca un grupo de whatsapp que se chama “Actividades Culturais 2019”.  E preguntaredes por que, non? O grupo, cun gran número de integrantes, creouse para a difusión de actividades de interese cultural que se realizan no concello durante o ano, pero sobre todo nos veráns. Ao estar agora en época baixa de actividades de ocio e culturais, a crise do coronavirus activouno co envío de recomendacións, novas, consellos, ofrecementos de axuda, etc. E claro, xa houbo tamén quen suxeriu que habería que actualizar o ano… e incluso o nome diría eu -je,je,jeje-

Neste punto lémbrome de Elena Losada, a rapaza que rexenta o Bar Central. Este establecemento, unha marca xa en San Clodio, pasou ás súas mans e estaba funcionando como un tiro, con moi boa sona na repostería, na cociña e no trato persoal. Chámoa e pregúntolle como leva a corentena. Dime que mal, que co negocio pechado e non sabendo cando volveremos a unha certa normalidade a situación pinta mal. Pregúntolle se lle funciona a alternativa do servizo a domicilio e dime que non, “para a xente que me chamou estes días non me dá nin para quentar o forno”. E claro, segundo me conta, con total lóxica, a xente nesta situación pode ir ao súper e merca todo o que necesita, e ao estar na casa tamén teñen todo o día para cociñar. “A realidade véxoa cruda, non sei se durarei os 15 días aberta”, engade.

Bar Central en San Clodio, Concello de Ribas de Sil. Foto cedida.

“PARA A XENTE QUE ME CHAMOU ESTOS DÍAS NON ME DÁ NIN PARA QUENTAR O FORNO”

O panorama é crítico aínda contando con que o dono do local díxolle que non se preocupara polo alugueiro durante estes días, que non lle cobraría. “Non pagarei alugueiro, pero hai máis gastos como a luz, o autónomo… sempre fun de tirar para adiante e desta sairemos porque sempre fun optimista e vivimos no rural onde temos de todo… pero o negocio non sei” coméntanos en confianza.  Rematando a conversa, e sacando o tema do segundo paquete de medidas económicas do goberno, aproveita para dar a súa opinión dicindo que lle pareceron fatais para os autónomos e as autónomas.

“…SEMPRE FUN DE TIRAR PARA ADIANTE E DESTA SAIREMOS PORQUE SEMPRE FUN OPTIMISTA E VIVIMOS NO RURAL ONDE TEMOS DE TODO…”

Volvo a Quiroga e falo con Amparo Montenegro, de Enoturismo Galicia. Na liña dos anteriores emprendedores láiase das cancelacións de reservas que tiña para este mes, Semana Santa e maio. “Algúns grupos de Semana Santa aínda non me cancelaron, pero visto o panorama cancelarán”, vaticina. “Unha ruína”, dinos con resignación. Pregúntolle pola outra liña de negocio, a venda online de produtos de Galicia, e dime que está potenciando esta opción pero que tampouco está entrando demanda.

Remato esta crónica xornalística vía whatsapp. Contacto primeiro con Lucía Seoane, unha artesá de Santa Eufemia -Folgoso do Courel- que nos di que está tranquila e traballando pero que tamén se freou a demanda, en parte por ela mesma ao non poder facer envío nin entrega de pedidos. Di que lle gusta, sempre que pode, entregar en man os traballos e claro, agora non o pode facer. E acto seguido, tamén por este medio, contacto cun amigo moi ligado a esas montañas. Pregúntolle que tal por eses lares e dime que moita xente escapou para alí e hai que ter sentidiño, que hai moita xente maior e poucos servizos médicos… E tamén polo “ruxe-ruxe” de que non se suspendeu o traballo nas canteiras e que os traballadores non teñen medidas de protección -van xuntos no bus camiño do traballo, vestiarios, etc-. Respecto desta cuestión dime que seica si, e que estes días fará un pronunciamento a Patronal. A ver como queda a cousa…

ÚLTIMAS

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...

Prohibidas desde este luns as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

A partir deste luns, 15 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas...

2 meses para as obras de mellora da contorna da Pinguela que se veñen de adxudicar

Este proxecto suporá a mellora do entorno que rodea as instalacións deportivas e os...