InicioOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Con respecto, pero sen medo

Así viviamos hai un ano a pandemia: Con respecto, pero sen medo

Viaxo telefonicamente a Sarria para sondar o día a día deste estado de alarma e confinamento que nos ten a todos e todas desconcertados/as. Un encerro que, hoxe mesmo, acabamos de saber continuará ata o vindeiro 11 de abril.

Publicado o

POR
X.M.F.
- Advertisement -

Diario de corentena do 22 de marzo do 2020:

Falo con Félix Seijas, concelleiro de Deportes e Seguridade no Concello de Sarria. Primeiro de todo pregúntolle como leva o traballo e como fai para cumprir coas súas obrigas municipais nun momento tan difícil como o que estamos a vivir.

“Estou practicamente as 24 horas pendente da Comisión de Seguimento”, dinos. Esta comisión está formada polo Alcalde, os concelleiros e concelleiras e colaborando no asesoramento están tamén a Garda Civil, a Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. Seguen directrices da FEGAMP -Federación Galega de Municipios e Provincias- avalían a información que lles chega e a partir de aquí deseñan estratexias e xorden ideas.

Entre as decisións tomadas estes días están o reforzo dos corpos de seguridade locais para evitar paseos e facer cumprir o confinamento, a desinfección das principais vías públicas, ambulatorios, supermercados, farmacias… e tamén se conseguiron equipos de protección para a Policía Local e Garda Civil.

Pregúntolle por anécdotas ou detalles a destacar neste labor de velar pola seguridade e a orde pública e cóntame que houbo algunha que outra denuncia por incumprimentos do confinamento e que a xente está en xeral axudando moito. “Un caso digno de comentar foi a colaboración desinteresada dunha empresa de limpeza con ozono de Sarria que se ofreceu a limpar e desinfectar os vehículos da Garda Civil e da Policía Local, ou doazóns de veciñas e veciños que nos traen guantes e máscaras”, relata Félix.

Trofeo Vila de Sarria de fútbol veterán. Claudio Garrido e Félix Seijas

Tamén sabemos por el que Benxamín Escontrela, concelleiro da Área de Benestar Social, está moi pendente e asumiu responsabilidades e medidas moi rapidamente nas residencias de anciáns, ao tempo que activou tamén un programa de atencións básicas para facilitar o acceso a alimentos e medicación ás veciñas e veciños máis vulnerables.

Rematando a conversa cóntame que a estancia na casa lévaa ben, considérase optimista por natureza e confesa que ten moita fé na sanidade pública pola súa propia experiencia e por ver como se están entregando estes días tan difíciles. “Fóra das obrigas da comisión de seguimento, estou lendo un par de libros e fago algo de bicicleta estática”, engade.

CONFESA QUE TEN MOITA FÉ NA SANIDADE PÚBLICA POLA SÚA PROPIA EXPERIENCIA E POR VER COMO SE ESTÁN ENTREGANDO ESTES DÍAS TAN DIFÍCILES

Antes de despedirme pídeme que comente unha cousa, que como responsable da Policía Local de Sarria quere agradecerlles ás veciñas e veciños as mostras de agarimo que tiveron estes días coa Garda Civil e a Policía Local. “Foi moi emocionante ver como aplaudían estes días ao seu paso”.

Tamén me lembro de Iván Quiñoá, a quen entrevistei nunha ocasión en Xornal de Lemos para falar da súa experiencia persoal tras superar un cancro no 1995 cando daban o seu caso por perdido.

“O confinamento lévoo moi ben, como teño a experiencia de estar meses ingresado sen saír da habitación dun hospital isto non me parece nada”. Así contesta Iván á miña primeira pregunta. O que máis destaca da nosa conversa é que insiste en que el non ten medo e a nivel social ve que hai moito, que a falta e/ou o exceso de información fai que a xente se mobilice cara o medo.

“É CURIOSO, SON GRUPO DE RISCO POR SER UN PACIENTE INMUNODEPRIMIDO, E TEÑO MENOS MEDO QUE O RESTO DOS MORTAIS”

Iván superou un cancro moi maligno cando o daban por desafiuzado no 1995 e hai dous anos tamén superou un transplante de ril, pero todo isto cóntao con total naturalidade. A situación actual para el, malia ser un inconveniente e un momento crítico, non lle fai perder os nervios nin lle fai preocuparse máis do normal. Tal é así que nos di, “é curioso, son grupo de risco por ser un paciente inmunodeprimido, e teño menos medo que o resto dos mortais”.

Das moitas cousas que comentamos quedo cunha reflexión curiosa que sae cando falamos de como encher os días e as horas para pasar este confinamento e non pensar de máis no Coronavirus. “Temos que estar entretidos para non pensar no medo pero penso que é un erro, o medo non hai que eliminalo, hai que afrontalo e crear estímulos internos”, confesa Quiñoá. Segundo aconsella el hai que dedicarse tempo a un mesmo, visualizar cousas positivas, poñerse a escribir un libro, facer unha lista de desexos para cumprir cando xa non esteamos pechados, interactuar máis coa xente da casa… “Eu estiven pechado e illado moito tempo e visualizaba a miña vida fóra, con cousas positivas, abrazado á miña familia, voando coa imaxinación…”.

Respecto á situación actual Iván dinos que o leva con respecto pero sen medo, di que loitará co que veña. Só sae da casa para ir ver os seus tres cabalos, a poucos quilómetros de Sarria, e pasa un rato con eles. É a súa vía de escape actualmente porque non se pode expoñer. A mercar vai a súa compañeira e seguen os protocolos de hixiene e precaucións de sempre. De momento están xuntos pero igual teñen que separarse un tempo porque ela traballa de enfermeira no ambulatorio de Pol e non é cuestión tampouco de arriscar.  E como tamén é empresario pregúntolle como leva esa parte da súa vida. Dime que manteñen a actividade pero con medidas de seguridade, o primeiro para el é a xente e se ten que pechar porque hai perigosidade, pechará.

Agora tócalle a quenda a Lourdes, emprendedora sarriana que creou Torta de Sarria. Como nai di que o leva ben, que na casa organizan cada día cun horario para as tarefas da escola, un pouco de exercicio, ensaiar cos instrumentos, pintar e tamén xogar un pouco. Moito orde, como podedes comprobar, e unha apreciación “por agora aínda dá a sensación de que todos os días son domingo, custa facerse á idea de que imos pasar moitos días así”. No que respecta ao traballo recoñece estar preocupada, máis que nada pensando como e cando se vai poder recuperar a normalidade.

Lourdes Pombo no seu obrador. Foto: L.P.

E rematamos esta rolda de testemuñas con José Antonio González, Director da Escola Municipal e da Banda de Música de Sarria . Pillámolo pasadas as 20:00 h. despois de saír como moitas e moitos a facer o agradecemento público ao balcón da súa casa.

José Antonio ten dous pequenos de dous anos, can e muller. Dinos que hai algo de estréss pero que o están levando ben en xeral. Á súa muller déronlle a posibilidade de traballar dende a casa e teñen que organizarse máis que nunca e compartir un ordenador para traballar. Iso tendo en conta tamén que teñen que coidar dos dous pequenos. “Tanto para a miña muller como para min, será novo isto de traballar dende a casa”, confesa.

“TANTO PARA A MIÑA MULLER COMO PARA MIN, SERÁ NOVO ISTO DE TRABALLAR DENDE A CASA”

José Antonio, Director da Escola Municipal e da Banda de Música de Sarria. Foto: J.A.

No seu apartado laboral, dinos que esta semana que entra vai intentar facer un seguimento das clases online. A idea é atender ao alumnado vía Skipe aínda que recoñece que non será doado porque hai alumnos/as que non teñen instrumento propio. A idea é manter contacto virtual cos que poda, pasarlles traballo, escoitalos vía Skipe e avanzar algo nos coñecementos. “Veremos como vai, darei facilidades no horario de atención e buscaremos o momento mellor para as comunicacións”, dinos.

A peza forma parte dun ‘Diario de corentena conxunto que se escribe dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos.

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...