InicioOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: o esgotamento do persoal dos...

Así viviamos hai un ano a pandemia: o esgotamento do persoal dos supermercados

"Un señor arramplou con todos os botes de lixivia dunha marca" e outros "veñen todos os días para comprar calquera cousa". Hai quen actúa con responsabilidade, pero a situación xeral redunda na fatiga dos empregados destes establecementos. Elas e eles seguen na primeira liña durante esta crise do coronavirus. Outras traballamos na casa, (non) facemos deporte e papamos a merenda.

Publicado o

POR
Silvia López
- Advertisement -

Diario de Corentena do 23 de marzo do 2020:

Ás veces entumécenseme as pernas ao pasar moito tempo seguido sentada nunha cadeira. Só preciso un ordenador diante e un móbil ao lado, pero procuro moverme algo pola casa.  Eu nunca fun amiga de practicar deporte. Non é algo do que estea orgullosa, pero évos así. Mentres, abro Instagram e atópoo cheo de stories de xente súper fit que grava as súas rutinas diarias de exercicio a cámara rápida. Eu míroas e admíroas. De verdade. Pero de onde sacan tanta vontade (e tanta variedade de mallas)?PUBLICIDADE

Se todas esas persoas seguen tan a tope co deporte cando acabe a corentena, o Decathlon fórrase. Eu, porén, vou a tope coa merenda para que non lles vaia mal aos supermercados. Non porque sexa unha devecida, claro…

“UN SEÑOR ARRAMPLOU CON TODOS OS BOTES DE LIXIVIA DUNHA MARCA”

O COMPORTAMENTO DOS CLIENTES

O certo é que nas tendas de alimentación están ata arriba de traballo. “Hoxe pola mañá veu o camión dúas veces para descargar mercancía. A xente leva unhas compras grandísimas.Eu non o entendo. Ou antes non comían ou non sei que pasa agora”, comenta unha traballadora dun supermercado da comarca de Lugo.

“Un señor arramplou con todos os botes de lixivia dunha marca”, continúa. Que a ninguén lle estrañe despois ver algúns andeis baleiros… A reposición dos produtos non segue o ritmo dos clientes movidos pola histeria.

Distínguense varias especies entre os compradores. Ademais daqueles que mercan coma se vivisen con outras vinte persoas, tamén están “algúns que veñen todos os días para comprar calquera cousa e dar catro voltas polo supermercado”. “Pero despois dinche que teñen medo de contaxiarse…”, engade.

VAIA FEIRA…

En Friol, onte debera terse celebrado a Feira do Queixo e Pan de OusáO Concello xa anunciara a súa cancelación a mediados de mes e, finalmente, as restricións do Goberno confirmaron a súa suspensión. En tempos de normalidade, os frioleses habíanse sentir  hoxe fatigados por mor de certa resaca festiva.

Porén, este luns os motivos eran outros. As caras denotaban “cansazo e depresión” detrás das mamparas de protección colocadas nas caixas rexistradoras. As dependentas, “afundidísimas”, fártanse de lembrar que cómpre manter a distancia de separación e que non se pode entrar a mercar en parella.

“ALGÚNS CHAMAN POR TELÉFONO E NÓS PREPARÁMOSLLES A COMPRA. ELES SÓ VEÑEN PAGAR”

CORONAVIRUS MONOPOLIZA AS CONVERSAS

Algúns non fan caso, pero outros actúan con responsabilidade e respectan as normas de precaución. “Hai quen chama por teléfono para dicir o que precisa. Nós preparámosllo e despois eles só entran para buscar a bolsa e pagar”. Neses momentos de interacción cos clientes, todas as conversas viran en torno ao mesmo: o coronavirus. “Xa agobia, porque sempre é igual, non o quitas da cabeza”.

Cando escribo isto, pasan algo das oito da tarde. Seguro que os balcóns e as fiestras se encheron de aplausos para agradecer o labor dos sanitarios, dos transportistas, do persoal de limpeza, dos corpos de seguridade… Forza tamén para as traballadoras e traballadores dos supermercados!

Por certo, o asunto xa é moi serio: onte fixen zumba. Nunca tal se viu.


[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ conxunto que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos. ]

ÚLTIMAS

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...