InicioOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Viralidade e pillabáns

Así viviamos hai un ano a pandemia: Viralidade e pillabáns

Acadar ‘gústames’ e escapar do confinamento, dúas actividades moi practicadas estes días.

Publicado o

POR
X.M.F.
- Advertisement -

Diario de Corentena 26 de marzo 2020:

Son tempos de confinamento e tempos nos que nos enganchamos, máis se cabe, ás redes sociais, á televisión e á radio. Neste contexto, os usuarios/as e tamén os medios de comunicación buscan ser os primeiros en chegar á noticia e incluso compiten por ter a ‘máis viral’ para alcanzar récord de ‘gústames’ e ‘compartidas’.

Dáse a casualidade de que en Monforte levamos dous vídeos xa no que vai de confinamento que chegaron a ser virais. Un deles correu polas redes sociais e foi difundido por diferentes medios a semana pasada, refírome ao do paisano que levaba de ramal dúas cabras por unha rúa da cidade, e este 25 de marzo pasou o propio co vídeo de Rafa Aguiar bailando o ‘Chuchuwa’.

Sen entrar en valoracións conceptuais, de se estes vídeos reflicten algo ‘noticiable’ e de interese público, creo que a difusión deles busca o protagonismo e a satisfacción do alcance mediático. A difusión de acontecementos curiosos, exóticos ou frikis vai dar réditos de visibilidade e audiencia, tamén aos medios de comunicación, e por iso se aproveitan para crear pezas xornalísticas.

Como cidadán entendo as intencións, aínda que non as comparta, e menos cando esas chamadas noticias non describen fielmente a realidade. No caso do vídeo do paisano, que moitos interpretaron como escusa ou pillería para saltarse o confinamento, seica non foi tal, que o señor facía ese percorrido cos animais case a diario, como rutina de atención e coidado cara eles. E no caso do vídeo comentado de Rafa Aguiar bailando o Chuchuwa, un xornal escrito de Monforte redacta como noticia “un monfortino que se dedica a poner música con equipo portátil y cantar, con una peculiar puesta en escena, por las calles de la ciudad”.

Rafa Aguiar nos estudios de Radio Principal Cadena Ser / XdL

Co paisano das cabras non puiden contactar pero con Rafa Aguiar si, coñecido en Monforte por traballar en Radio Principal Cadena Ser. Cóntame que empezou a cubrir información -identificado como prensa- das homenaxes aos sanitarios que a xente fai dende os balcóns e que empezaron a pedirlle que fora gravar. E días atrás pensou en levar un equipo pequeno de música para poñer o tema de moda “resistiré” en versión cumbia e que soase para todo o mundo sen ter necesidade de que os veciños e veciñas puxesen cada un o seu a sonar nas casas. A idea funcionou e repite visitas por diferentes barrios monfortinos. En relación a este vídeo no que sae bailando, e que xa corre polas redes, cóntame que foi na rúa Inés de Castro e que “estando alí, recollendo os aplausos da xente un neno pediume dende un balcón que puxese o “Chuchuwá”, e por facelo feliz púxenlle ese tema, tema que acompañei co baile que se ve no vídeo”. E insiste en que nada máis, foi ese día puntual no que xurdiu o baile e que non anda por aí cunha discoteca móbil como pensarán algúns.

Velaquí a realidade dos feitos e non o que se escribe ‘a medias’ ou con redaccións interesadas para buscar viralidade e audiencia. Xulguen vostedes mesmos/as.

Deixando estas estratexias dos medios de comunicación aparte, aproveito para comentarvos algunhas falcatruadas que seica emprega a xente para escapar do gravoso confinamento.

Seica se está vendo a xente que aproveita para pasear cunha barra de pan debaixo do brazo, e non importa a hora do día co cal canta moito que se veña da panadería. Tamén contan farmacias que a xente é pouco de reciclar medicinas e xusto agora, mirade que casualidade, está indo xente con medicinas caducadas, e para facer máis paseos non as levan todas xuntas, van aos poucos. Estas mesmas farmacias din que déronse casos de xente que mete medicamentos nunha bolsa e sae a pasear, se os paran, “veño da farmacia”. Pero ollo, xa advirten que levemos o tique por se nos piden acreditar esa compra. E as múltiples visitas ao estanco ou aos supermercados tamén son un recurso destes días, hai caixeiras/os que xa coñecen a eses ou esas que van 3 ou 4 veces ao día mercar, “podendo levar todo dunha vez”, din. A escusa de pasear o can non é tal escusa, porque está permitido, o que chama a atención é que, segundo me consta dalgún policía municipal, haxa xente que pasee o can ata 2 ou 3 quilómetros máis alá da casa. E xa non comento o caso do tipo de Coruña que alugaba os cans, que puxo un anuncio e que xa o pillaron como reincidente.

Comento estas falcatruadas coa Policía Local de Monforte e dinme que algunhas hai pero que aconsellan, agora máis que nunca, que moito ollo con incumprir o confinamento. Din que teñen orde da Policía Nacional de ser “tajantes e moi estritos”. Agora van pasar na maioría de casos de informar a denunciar, “se as explicacións das persoas non nos convencen denunciamos”. Comentan tamén que hai xente que chama para desafogarse e contan situacións de incumprimento pero non denuncian, “a denuncia facémola nós cando se dean as circunstancias para facela e despois cando lles chegue a sanción aos infractores xa alegarán o que queiran”.

Conclusión, pillería sempre houbo e haberá. O malo é cando se pode prexudicar a terceiros/as e o non confinamento poida poñernos en perigo a todos e todas nun momento tan difícil como este.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....