InicioOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Os conxeladores

Así viviamos hai un ano a pandemia: Os conxeladores

Uns cantos aldeanos saímos fóra a estudar e alguén nos convenceu de que iso de producir alimentos daba moito traballo e de que todo se podía con diñeiro.

Publicado o

POR
Ramón González Rey
- Advertisement -

Diario de corentena 28 de marzo do 2020:

“Este vídeo vai dirixido a estes da cidade que están colapsando os supermercados ‘a lo loco’ e que deixan sen alimentos a outros aos que lles fan falta (…) Vouvos ensinar a onde imos ao súper os da aldea, dos que moitos das capitais vos rides e pensades que vivimos no cu do mundo. Sabedes onde imos? Ao conxelador. Que queremos un pito? Pois collemos un pito. Que queremos un conexo? Pois un conexo. E se queremos cagar usamos felga, helechos. Eu fíxeno e tou aquí, non pasa nada”.

Seguro que vistes o vídeo viral de Andrés de Vilas, de Recaré, con ese “mariñao” (pito, conexo, pícaro) inconfundible, no que explica “aos que viñeron fuxindo” do coronavirus como se abastece a xente do rural ao longo do ano, e tamén en caso de necesidade. Se non o vistes, tédelo aquí.

A de Andrés paréceme unha explicación brillante sobre a (falta de) soberanía alimentaria, pero estes días pensei se a retranca que utiliza non poderá aplicársenos tamén aos que algunha vez fomos aldeanos e hoxe somos urbanitas que vivimos nas aldeas. Queremos casa grande e aira para que xoguen os nenos pero desertamos do arado. Sabemos poñer as patacas, pero non as poñemos (e iso xa pasaba antes da couza guatemalteca). As familias do campo tiñan porcos, vacas, coellos, galiñas, figueiras, pesegueiros, manciñeiras e o ‘tarreo’. Agora temos gatos na casa e paseamos o can.

A LETRA PEQUENA

Ocorreu lento e sen ruído, como todo o que parece non ter importancia. Unha maneira de vivir foi quedando en descrédito. Os controis sanitarios sobre a produción de bebidas e a matanza do porco, a cruzada contra o “feísmo“, as cotas do sector lácteo… Houbo unha época que me indignei (coma todos) porque morreran ducias de vacas esfameadas en varias granxas de Galicia. Andaba eu cabreado polo maltrato animal e tivo que vir alguén recordarme que lese a letra pequena: gandeiros con depresión, que apenas saían da cama, endebedados ata as orellas.

Estes días fixeime moito no arado, chantado na aira cheo de teas de araña. E escoitei moito unha canción dun grupo con xente da Mariña Lucense e que recomendo, Oh Ayatollah: “van facer cen libros / sobre a vida antes / pa que chore túa avoa / e logo ti os gardes”.

E non sei se a canción fala exactamente do que falo, pero tanto dá.

Uns cantos aldeanos, milleiros, tivemos a sorte de saír por aí fóra a estudar e alguén, nalgún momento, nalgún sitio, convenceunos de que iso de producir alimentos daba moito traballo e que todo se podía con diñeiro (despois, moitos papamos a precariedade e a temporalidade, eses eufemismos para nomear a pobreza). Agora somos dependentes. Temos os conxeladores baleiros e esperamos -estes días á cola para entrar, saudando aos veciños da aldea- que os supermercados estean cheos.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....