Boas intencións e mercados financieiros

A industria trasladouse masivamente a China por algo tan prosaico como reducir o custo de man de obra. Dá igual multiplicar a contaminación e o gasto en combustible se podemos aforrar a cuota da seguridade social ou evitamos ter que pagar unha baixa laboral. Perdemos emprego na industria e non o gañamos na agricultura.

Imaxe da vendima. Foto: Prensa D.O. Ribeira Sacra

O informe de Eurostat –a oficina de estatística da Comisión Europea- relativo a 2020 sinala que o pasado ano só 8,5 millóns de cidadáns da UE, dun total de 447 millóns, constituiron a man de obra na agricultura e a gandaría comunitarias. Esto supón un 2,8% menos que o ano anterior e confirma a tendencia dunha baixada anual dende 2005 da contorna do 2,5%. Ademais, deses 8,5 millóns tan só 2,3 millóns teñen contratos fixos fronte a 6,2 millóns que traballan de xeito esporádico e sobre todo durante as campañas de recollida, sementeira ou crecementos puntuais da produción. É decir, cada ano que pasa hai menos xente traballando no campo e non se trata dun fenómeno localizado na consabida España Vaciada senón que abrangue a toda a UE.

Cando eu era pequeno, nos últimos anos de EGB, no libro azul daquela asignatura que se chamaba Sociedad dicíase que os países avanzados tiñan moita industria e menos dun 5% da xente traballando no sector primario, pesca incluida. Pero diso hai 35 anos e o mundo cambiou radicalmente. Sobre todo en Europa. A industria trasladouse masivamente a China por algo tan prosaico como reducir o custo de man de obra. Dá igual multiplicar a contaminación e o gasto en combustible se podemos aforrar a cuota da seguridade social ou evitamos ter que pagar unha baixa laboral. Perdemos emprego na industria e non o gañamos na agricultura.

As administracións públicas e a aposta polo rural

Neste contexto nace, hai tres anos, a tendencia das administracións públicas a “apostar polo rural”. Congresos, simposios, cátedras e seminarios de todo tipo explican case a diario que o campo pode ser unha boa saída laboral e que hai que dotar de servizos as zonas agrogandeiras para convertelas nun recurso. Nos medios de comunicación vemos con frecuencia a experiencia de persoas que deixan unha vida na cidade para irse ao cú do mundo a criar ovellas ou sementar cebolas. Pero rara vez vemos un seguemento a eses proxectos…que cada quen xulgue.

Durante a pandemia medrou un 7,2% o consumo mundial de leite e produtos derivados. E, máis preto, Ternera Gallega aumentou vendas nun 6%. A gran distribución -supermercados e centros comerciais- incrementou en 2020 un 7% as súas vendas só de produtos alimentarios grazas en boa medida ao trasvase dende a canle HORECA, segundo explica un informe da consultora Nielsen.

Vacas

Como era de esperar, estes incrementos da demanda non se traduciron en subas de prezo dos produtos agrogandeiros en orixe. Ao contrario e por poñer só dous exemplos, os gandeiros están cobrando o leite igual ou menos que hai un ano e a carne de vacún galego depreciouse en ata 60€/canal dende marzo de 2020. Son datos de Unións Agrarias elaborados a partir de informes do Ministerio de Agricultura e da propia UE.

Os produtos do campo están moi mal pagados

En resumo. Os produtos do campo están moi mal pagados e resulta imposible contratar persoal na meirande parte das explotacións. Ao comezo da pandemia falábase moito de manter a soberanía alimentaria e de reindustrializar o país. Nin arre nin xó. Xa cando se dixo ninguén o creu…

Agora oímos que a PAC e os propios consumidores van premiar que agricultura e gandaría incorporen as prácticas máis acaidas para manter a biodiversidade, reducir a contaminación e elaborar produtos biosaudables. A vontade parece que existe. Os resultados xa é máis difícil de crer que cheguen.

No fondo todos imos caendo na certeza de que o modelo europeo de explotacións familiares é anticapitalista. Por moito que se diga que fixan poboación e crean emprego…o que importa é fixar subidas nos balances dos bancos e crear entornos favorables a empresas enerxéticas e forestais, que teñen uns accionistas a quen rendir contas…e que se reflexan neses balances.

Parque eólico Paradela. Fonte: Xan Valcárcel

“Total, si no lo hacemos nosotros lo van a hacer otros.”

A globalización non é só a nova superliga europea de fútbol, o facebook, viaxar polo mundo ou que os chineses compren baixos comerciais. Hai algo menos visible pero moito máis importante: os fondos de inversión con licencia para operar por todo o planeta. Que sentido ten que 300 familias vivan de 600 hectáreas de viñedo cultivando de xeito sustentable (e por tanto máis caro e arriscado) para sacar uvas e viños de alta calidade? A lóxica actual di que é mellor que sexa un fondo de inversión quen xestione ese terreo. Con apenas 10 operarios que cobrarían o salario mínimo interprofesional e nunca terían a posibilidade de caer nalgo tan antinatural como os contratos fixos, con tres ou catro drons e cunha utilización permisiva de fitosanitarios poderían multiplicar a colleita reducindo o custo de produción do litro a 0,20 céntimos. O mesmo pasa coas granxas de leite. Para que aturar a 7.000 familias galegas con candanseu contrato se temos toda a auga do Miño e a terra dende Barreiros ata Forcarei para meter 50.000 vacas nunha nave e que o litro saia en 0,09 euros? “Total, si no lo hacemos nosotros lo van a hacer otros. Y en China ya hay fondos de inversión que lo están haciendo”. Pois iso.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here