InicioOpiniónOPINIÓN: A rivalidade Seoane contra Folgoso

OPINIÓN: A rivalidade Seoane contra Folgoso

“A primeira vez que estiven en Seoane pouco tardei en oír como poñían verdes ós de Folgoso dicindo pouco máis que eran sacos de pulgas andantes pero se paras en Folgoso a cousa vai en dirección contraria”.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Unha das cousas máis sorprendentes que se atopa unha persoa que se achega por primeira vez á nosa terra é o que eu, e moitos outros máis, definimos como “micronacionalismos”.  Un fenómeno que vindo moi de atrás e a pesares de que xa estamos no século XXI non é que non se perda, senón que é fomentado e cultivado por parte de moita xente, e non falo só dos vellos, senón que hai novos que parece que o levan xa nos xenes.

“A primeira vez que estiven en Seoane pouco tardei en oír como poñían verdes ós de Folgoso…”

Pero para que cheguedes a entender o que quero dicir nada mellor que acudir a botar un exemplo que realmente sorprende ós visitantes da Serra do Courel, falamos da rivalidade Seoane contra Folgoso. A primeira vez que estiven en Seoane pouco tardei en oír como poñían verdes ós de Folgoso dicindo pouco máis que eran sacos de pulgas andantes pero se paras en Folgoso a cousa vai en dirección contraria. Iso si, cando se trata de loitar contra do inimigo común, Quiroga, mostran algo máis de unión. Tamén mostran unanimidade no uso do “a” para nomear ó concello agás uns poucos que ben mérito teñen, logo os que non queren mollarse para non ferir sentimentos que son os que usan  “@”.

Pero o que realmente sorprende no ano 2021 é que hai xente que cultiva e fomenta esa rivalidade insana raiando o odio entre veciños. Sempre foi moi doado buscar as culpas dos males dun nos lombos doutros. Recoñecer os erros propios nunca é doado e se temos a quen botarlle a culpa pois quedamos moi tranquilos. Iso si, tamén os hai máis espelidos que son os que buscan rédito político pero non se decatan que dividindo ós veciños en vez de solucionar están creando un gran problema.

“Pero o que realmente sorprende no ano 2021 é que hai xente que cultiva e fomenta esa rivalidade insana raiando o odio entre veciños”

Unha amplísima maioría de visitantes do Courel quedan abraiados por este comportamento e comentan o asunto cun bo grao de ironía e cachondeo. Non entenden que a estas alturas da vida o anuncio de “VIllarriba e Villabajo” se personifique en dúas pequenas vilas do Courel. Logo está o tema da rivalidade coa vila de Quiroga á que acusan de practicamente todos os males  pasados e vindeiros nos próximos cincocentos millóns de anos. 

Para que unha zona progrese e medre hai que fuxir destas caralladas porque ó final está a casa por varrer, hai que deixarse de escusas e de lamentos e saber buscar as cousas non sitios que as dan.

Pero esta rivalidade non a imos deixar só nas terras do Courel, en Galicia temos moitos exemplos que incluso levaron a pelexas e navalladas nas festas de moitas aldeas cando os rapaces veciños ían sacar a bailar as rapazas no baile. Temos unha vella rivalidade provincial, hoxe xa en desuso, que era a de Monforte/Lugo e temos a típica e cultivada de Galicia que é a da Coruña contra Vigo –que tamén levou a algunha que outra traxedia–. Eu creo que son cousas xenéticas de contido innato que só poden ser combatidas mediante a educación, algo así como o sentido de pertenza a unha tribu ou a un clan de primates no medio da selva.

“Pero esta rivalidade non a imos deixar só nas terras do Courel, en Galicia temos moitos exemplos […] Monforte/Lugo, A Coruña/Vigo”

Hai un libro que vos vou recomendar para ler que fala diso, é dun biólogo evolutivo –eu son un gran fan da xenética evolutiva– que se chama Richard Dawkins e o libro en cuestión titúlase “O XEN EGOÍSTA”. Este libro fala diso, da influencia dos nosos xenes no comportamento e na nosa forma de actuar a diario. Pois ben, nun dos capítulos fala destes sentimentos tribais e de pertenza a  un grupo e sempre pensei que este señor tivo que estar si ou si no Courel porque parece talmente que foi redactado pensando neles.

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...