InicioOpiniónEncoro de Belesar e patrimonio cultural: unha incompatibilidade silenciada

Encoro de Belesar e patrimonio cultural: unha incompatibilidade silenciada

Para ilustrar a situación simplemente citar dous casos significativos, que mesmo deberan ser obxecto de especial protección: o Castro Candaz, como monumento; e os caneiros de Portomarín, como sitio histórico e lugar de valor etnolóxico, que ademais, para maior atractivo, son visibles desde o trazado do Camiño francés a Santiago cando atravesa o río Miño.

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

Hai 58 anos o ditador, Francisco Franco, en compañía de Pedro Barrié de la Maza, inauguraba o encoro de Belesar, despois de seis anos de traballos. O acto tivo lugar o 10 de setembro de 1963.

Dende aquela, en tempada de seca, a cantidade de auga encorada mingua ata descubrir muras, adegas e o Castro Candaz. Algunha ocasión tamén se poden ver as caneiras e caneiros do vello Portomarín. O novo Portomarín foi construído nun lugar próximo. Este cambio foi descrito por un redactor do xornal El Progreso (11 de setembro de 1963, páx. 4) da seguinte forma: “[…] El nuevo Portomarín es una de las causas más directas de este esfuerzo industrial llevado a cabo por FENOSA. Un viejo poblado, de interés monumental, ha desaparecido bajo las aguas de la cola del enorme salto, para brotar, como por arte de magia, en la cima del Monte Cristo. Nada se ha perdido, más que viejos años de recuerdos y añoranzas, pues FENOSA ha creado con verdadera maestría, un pueblo orgullo para sus habitantes y para nuestra provincia […]”.

Sen embargo, non quedou rexistro do relato que tiñan os veciños reinstalados sobre o abandono forzoso das súas casas. O silencio imposto polas ditaduras para quen pensa diferente -ou cuestiona a orde social dos poderosos- oculta o sufrimento humano, que desaparece da historia oficial.

Pola contra, Chantada débelle moito ao encoro de Belesar. Os centos de traballadores da obra contribuíron ao desenvolvemento económico da comarca nunha época en que “todo era unha miseria”. “Todo era unha miseria naqueles anos”, “gracias ao salto fixemos algo”, aínda se escoita entre os nosos maiores.

Polo pan baila o can

Mais pasou tempo abondo desde entón. E agora existen leis, valores culturais e unha organización social diferente. Estamos en 2021. Así que resulta difícil comprender como se continúan a inundar e des-inundar unha e outra vez múltiples bens patrimoniais sen que ningún actor social ou político dos municipios afectados diga nada. Todos en sintonía: polo pan baila o can. Cómpre coñecer, por tanto, cales son os argumentos de quen consinte esta transitoriedade no acceso a este patrimonio cultural, provocada polo mero capricho e beneficio dunha empresa hidroeléctrica que está mais preocupada, a día de hoxe, polo mercadeo bolsista que polo arraigo coa terra onde se orixina a enerxía.

Presa / A.F.

Para ilustrar a situación simplemente citar dous casos significativos, que mesmo deberan ser obxecto de especial protección: o Castro Candaz, como monumento; e os caneiros de Portomarín, como sitio histórico e lugar de valor etnolóxico, que ademais, para maior atractivo, son visibles desde o trazado do Camiño francés a Santiago cando atravesa o río Miño.

O Castro Candaz merece un estudo en profundidade, a facer por quen domine a arte da investigación histórica e arqueolóxica. Esta idea xa foi escrita polo mestre Manuel Formoso Lamas nese agasallo que nos deixou en formato libro, escrito no 1905 e titulado ‘Apuntes para la Historia de Chantada’: «[…] es muy digno de ser visitado y estudiado por las personas inteligentes en la materia, en la seguridad que la Historia regional nada perdería en ello, si se logra inspeccionarlo interiormente, como era nuestro deseo y á ello se prestaban voluntariamente los vecinos inmediatos» (páx. 63). A propósito deste monumento, Teodosio Vesteiro Torres recolle na súa obra ‘Galería de gallegos ilustres’ (Tomo II, páx. 53), publicada en 1874, un antigo impreso anónimo titulado ‘De la nobleza de la casa de Camba y sus principios y fundación del castillo Castro-Candad’ que comeza coas seguintes palabras: «El Castro-Candad, á una legua de Chantada, es ahora casa sin título, la más principal de Galicia h á más de quinientos años, que emparentaron con los Suárez de De za que llamaron Churrichaos […]».

O número de visitas que recibe nos últimos anos, cando o nivel da auga o consinte, son boa mostra da relevancia que a xente lle outorga ao Castro Candaz. Persoas chegadas de poboacións distantes, de todas as idades, clases e oficios senten atracción por este lugar: «ten algo diferente», «é unha pasada», «é increíble que poidan atoar unha marabilla coma esta».

Caneiros / I.M.

Sobre os caneiros de Portomarín é conveniente unha lectura pausada de dous textos mais recentes: un artigo de Lois Ladra no ‘Cuaderno de Estudios Gallegos’ (Tomo XLV, 1998), onde pon de manifesto a importancia etnográfica, histórica e social dos caneiros de Portomarín, pero advertindo xa naquel entón que «o futuro dos caneiros de Portomarín está ameazado […] polo seu abandono e os periódicos asulagamentos aos que se ven sometidos pola medra do caudal. […] Polo de pronto, o seu inventariado e declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) serían de grande utilidade para lles garantir, cando menos, un estatuto patrimonial lexislado e merecente de protección a todos os niveis»; e, en segundo lugar, un traballo de Yolanda Vázquez titulado ‘Un patrimonio esquecido: caneiros do Miño en Guntín de Pallarés’, gañador do Certame de investigación Condado de Pallarés no 2018, no que afirma con honestidade: «[…] débense tomar medidas que garantan a súa conservación. Mediante a catalogación dos caneiros do rio Miño, pretendo pór o meu gran de area e axudar a evitar a súa perda definitiva».

En conclusión: rescatar o Castro Candaz e os caneiros do río Miño é unha cuestión de dignidade colectiva. Temos a oportunidade de converter as ruínas nun espazo da memoria, totalmente coherente cun futuro mais respectuoso coas persoas.

Porén, quen comeza os trámites para que sexan declarados BIC? Permitiría esta declaración a súa accesibilidade permanente? e recuperar de paso “as mellores ribeiras” para producir máis e mellor viño?

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...