InicioOpiniónHai unha débeda histórica cos labregos que debería ser pagada polo Estado

Hai unha débeda histórica cos labregos que debería ser pagada polo Estado

"O esforzo continuado da xente por mellorar a súa calidade de vida, xunto cunha emigración que permitiu o contacto con outras culturas, ademais de achegar capital, serviu para poñer ao país en posición de superar as penurias do pasado e reducir a fortaleza dunhas estruturas de poder que o afogaban. Por moita propaganda que se utilice non teño dúbidas que existe un maltrato histórico ao pobo que alguén terá que asumir e reparar".

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

Fago públicas de inicio as palabras dun veciño, hai cousa dun ano, despois de encontrarnos nun camiño e conversar de vagar: «temos fonte, unha hortiña, un marrao e unhas pitas, así que o estado non veña agora molestar e moito menos dicirnos o que temos que faguer». Cando un vai a pé de sitio en sitio dase conta que o problema principal non é o despoboamento, senón o desamparo institucional sufrido polos labregos que viviron (e viven) nestes lugares.

Cada vez que as autoridades pronuncian aquelo de “núcleos rurais en estado de abandono”, “imaxina canto futuro hai no rural”, continúan sendo inxustos. Inxustos con quen marchou e moi inxustos con quen decidiu quedar. Poñen o acento no feito do abandono para non recoñecer a causa que o provoca: a pobreza. Porque resulta que na cuestión da pobreza os expertos en territorio, economía, saúde, educación, patrimonio, non queren entrar a facer valoracións. Seica non é a súa área de estudo. A civilización rural, que está practicamente desaparecida, non merece afirmacións tan grotescas por parte dos dirixentes políticos. Merece admiración e moito respecto.

A xente foi expulsada da súa terra

A imaxe idílica que a administración ofrece do rural esquece por completo a realidade do campo: traballar e traballar e traballar, e volver traballar, para gañar tan só «dous reás que non nos sacan desta esclavitú». Se houbera aquí oportunidades e benestar as persoas posuirían a capacidade de decidir libremente se construír un proxecto de vida onde se criaron ou deixar atrás familia e amigos. Maioritariamente non tiveron elección: a xente foi expulsada da súa terra.

Requeixo / Xavier Viana

A neglixencia dos gobernantes require explicacións e desculpas, aínda que o dano producido sexa xa irreparable. Nos últimos vinte anos (2000-2020) parroquias como Nogueira de Miño , A Sariña ou Santa Cruz de Viana perderon case o 60% dos seus habitantes. Outras como Requeixo, San Fiz de Asma ou Mariz máis do 40%. Con todo, os datos da estatística non deben ocultar a verdadeira traxedia: cada persoa que se vai leva consigo un coñecemento sobre técnicas artesanais, medicina tradicional, virtudes da natureza e do cosmos, crenzas, celebracións, músicas, xogos, tradicións, formas de cultivar e cociñar, formas de falar, relacionarse e compartir, que son totalmente imposibles de recuperar. Saberes únicos aos que
nunca poderán acceder os algoritmos dixitais
.

¡Señores da casa grande!, saben de sobra que no ano 1942 había en Nogueira máis de 900 persoas, hoxe son menos de 70; en Vilaúxe eran 626, hoxe quedan menos de 150; en Santa Uxía eran 469, hoxe menos de 100; en Belesar máis de 300, hoxe menos de 20; na Grade eran 325, hoxe menos de 50; e así sucesivamente con todas as parroquias dos municipios de Chantada, Carballedo e Taboada, como en calquera outro da nosa área xeográfica. Primeiro marcharon desde o porto da Coruña e Vigo destino Cuba, Venezuela, Arxentina… nos vapores Magallanes, Alfonso XIII, Patricio de Satrústegui… para enviar roupa e diñeiro que fixeran menos dura a vida da familia. Escribía Manuel, un dos emigrantes que partiu de Chantada dirección América, en carta fechada na Habana un 22 de abril de 1957: «[…] me decís en vuestra carta que si podía te mandase algo para comprarle zapatos y en este mismo momento fui a la casa de Antonio que embarca para esa el sábado, ya iba embarcar el 23 pero el vapor vino retrasado, y te lleva para comprarle los zapatos a la niña y algo más para vds. […]».

“Cúlpannos de que os sitios están sen limpar, non deben saber que metade da xente morreu e a outra metade marchou”

¡Señores da casa grande!, porca miseria. Fóronse moitos, calzados ou descalzos, sendo nenos , sendo nenas, para servir nas casas dos señoritos en Samos, Ourense, Coruña, Vigo. Uns anos despois colleron coche ou tren cara Bilbao, Barcelona, Suíza, Alemaña, xuntar cartos e regresar coa posibilidade de ter algo: un terreo, un negocio, unha vivenda onde establecerse. Saíron os últimos para múltiples lugares onde perseguir os seus soños.

rural Chantada / XV

¡Señores da casa grande!, igual pretenden vostedes que lle teñan arranxadas as casas deshabitadas e os eidos ben preparadiños para que as súas amistades veñan os domingos ver o bonito que é todo. Está claro que para os ollos desacostumados a paisaxes e arquitecturas rurais isto adquire aparencia de marabilla. Mais para protexer esa natureza domesticada e o seu e patrimonio cultural fan falta moitos euros a disposición. Quero dicir que da mesma forma que se lles paga aos xardineiros nas zonas urbanas e a milleiros de funcionarios por escribir no ordenador, os veciños das aldeas teñen dereito a cobrar un salario por manter casas, soutos, montes, e conservar airas, hórreos, fornos, chemineas, portas, palleiras, pombais, igrexas, cruceiros, petos, esmoleiros, lavadoiros, fontes, muíños, festas, romarías, ademais de salvagardar aquilo relacionado coa transmisión oral.

Foi contundente unha señora que parou a falar a semana pasada: «aínda nos culpan de que están os sitios sen limpar. Non deben saber que a metade da xente morreu e a outra metade marchou. Dos poucos que quedamos, os novos bastantes traballos teñen e os vellos non podemos». A acompañante engadiu con severidade: «estes do goberno pensan que todo é recibir. O de dar non vai con eles. Deus os retire para montes ermos».

ÚLTIMAS

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...

Prohibidas desde este luns as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

A partir deste luns, 15 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas...

2 meses para as obras de mellora da contorna da Pinguela que se veñen de adxudicar

Este proxecto suporá a mellora do entorno que rodea as instalacións deportivas e os...