InicioOpiniónOPINIÓN: O que debemos saber da “Lei de benestar animal”

OPINIÓN: O que debemos saber da “Lei de benestar animal”

Análise dos aspectos máis importantes do anteproxecto da futura lei de protección animal, pendente de tramitación parlamentaria e con previsión de ser aprobada ao longo do 2022.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

O anteproxecto da ‘Lei de Benestar Animal’

Hai que partir de que o obxecto da futura lei é establecer un marco común en todo o territorio español e, supostamente, acabar coas diferenzas existentes nas distintas regulacións autonómicas; normativas ás que habería que sumar as ordenanzas locais que de maneira dispersa foron introducindo algún artigo relacionado co coidado, a sanidade, o saneamento e a uniformidade de esixencias para os animais domésticos na vía pública (uso de boceira e correa, por exemplo).

Desde este punto de vista, unha regulación homoxénea dá máis seguridade xurídica xa que permite que os cidadáns coñezamos as obrigas que temos en todo o territorio. En todo caso, a pretensión é alcanzar o máximo nivel de protección dos animais (malia que quedan fóra desta Lei, os espectáculos taurinos).

Unha regulación homoxénea dá máis seguridade xurídica xa que permite que os cidadáns coñezamos as obrigas que temos en todo o territorio

O que me parece máis relevante é que este anteproxecto regula unha serie de obrigacións de ineludible cumprimento non só para a cidadanía senón tamén para as Administracións Públicas.

OBRIGAS PARA AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

Corresponde aos concellos ou agrupacións de municipios a recollida de animais abandonados e o seu aloxamento nun centro público de protección animal, así como a recollida e asistencia dos animais con síntomas de necesitar atención veterinaria urxente. As CCAA deberán contar con, polo menos, un Centro de Protección Animal propio e terán unha función subsidiaria; isto é, recollerán e manterán os animais cando os concellos carezan de centros propios. Os Centro de Protección Animal poderán ser concertados e estarán obrigados a dispoñer do servizo de recollida e de atención veterinaria con plena dispoñibilidade horaria, a contar con programas de voluntariado e colaboración con entidades de protección animal, a participar en programas de sensibilización contra os malos tratos animais e a fomentar a adopción responsable.

OBRIGAS PARA AS PERSOAS

As persoas titulares ou as que convivan con animais teñen un deber xenérico de protexelos e unha obrigación de cumprir coa normativa. En particular teñen que: tratar aos animais conforme á súa condición de seres “sintientes”, cunhas condicións de vida dignas acordes ás súas necesidades e que garantan os seus dereitos e desenvolvemento saudable; adoptar as medidas necesarias para evitar que ocasionen molestias, perigos, ameazas ou danos; educalos e manexalos con métodos non agresivos; evitar a súa fuxida; prestarlle os coidados sanitarios e garantir a súa saúde; telo permanentemente localizado e identificado; mantelos integrados no núcleo familiar ou, na súa falta, dispoñer dun aloxamento adecuado, e, no caso de animais gregarios, non poderán manterse illados do ser humano ou outros animais; terán que esterilizalos en dous casos concretos: cando nunha mesma vivenda ou localización haxa animais da mesma especie e de distintos sexos, polo menos todos os membros dun dos sexos deben estar esterilizados (agás no caso de criadores) e cando se manteñan ou teñan acceso ao exterior das vivendas e poidan ter contacto non controlado con outros animais. Colaborar coas autoridades na identificación; comunicar a perda do animal nun prazo máximo de 48 horas desde que se produciu; contratar un seguro de responsabilidade civil nos casos regulamentariamente regulados e superar a formación de tenencia responsable regulamentada (os famosos cursos).

Expresamente di que as persoas responsables dun animal e, subsidiariamente o seu titular, serán tamén responsables dos posibles danos, prexuízos ou molestias. Ou sexa que coidadiño con que o veciño che deixe o canciño uns pouquiños días…

Can protexido polo colectivo ‘Huellas de Sarria’. Foto cedida.

As persoas responsables dun animal e, subsidiariamente o seu titular, serán tamén responsables dos posibles danos, prexuízos ou molestias

Tampouco poderán deixarse os animais dentro de vehículos pechados, expostos a condicións meteorolóxicas que poidan poñer a súa vida en perigo; nin permanecer atados, nin poderán deambular por espazos públicos sen a supervisión presencial por parte de persoa responsable. Deberase evitar que depositen os seus excrementos e ouriñes en lugares de paso habitual doutras persoas, como fachadas, portas ou entradas a establecementos, procedendo en todo caso á retirada ou limpeza daqueles con produtos biodegradables. A cría só poderá ser levada a cabo por criadores autorizados.

FORMACIÓN DOS RESPONSABLES E XUBILACIÓN DOS ANIMAIS

Os aspectos máis chamativos da Lei veñen relacionados coa formación dos responsables dos cans e coa xubilación dos animais que desempeñen algún traballo. En canto ao primeiro, hai que precisar que ademais de que cómpre facer previamente un curso de formación acreditado para a tenencia de cans, todos os cans deberán cumprir os criterios de clasificación por sociabilidade, cumprindo os mecanismos de validación de comportamento e socialización que se determinarán regulamentariamente. Polo que haberá que esperar ao desenvolvemento regulamentario para saber exactamente como se vai a realizar esa clasificación. Resulta curioso que a formación vén referida unicamente para a tenencia de cans e non para outras especies de animais de compañía como poderían ser os gatos ou, nos últimos tempos, os furóns ou porcos vietnamitas. A lóxica indica que de establecerse unha formación obrigatoria que o sexa en relación coa tenencia de calquera animal…

Resulta curioso que a formación vén referida unicamente para a tenencia de cans e non para outras especies de animais de compañía como poderían ser os gatos ou, nos últimos tempos, os furóns ou porcos vietnamitas

Respecto da xubilación, creo que todos pensamos inmediatamente nos cans gandeiros, aínda que hai que ampliar esa visión aos cans policía, de asistencia, de detección de enfermidades, etc. Así como ao resto de animais que veñen utilizando para o traballo –burros, cabalos, a lei non menciona unha especie en concreto–, é interesante indicar que regulamentariamente estableceranse os horarios, lugares e medios de descanso.

TRANSPORTE PÚBLICO E ACCESO A ESTABLECEMENTOS

Destaca a regulación en canto ao transporte tanto público como privado, terase que facilitar a entrada de animais de compañía que non constitúan un risco para as persoas, outros animais e as cousas, sen prexuízo do disposto na normativa sobre saúde pública, nas ordenanzas municipais ou normativa específica. Excepto no servizo público do taxi ou de vehículos de turismo con condutor que poderán aceptar animais de compañía de maneira discrecional, co dereito para percibir o correspondente suplemento.

Convén sinalar que os establecementos públicos e privados, aloxamentos hostaleiros, praias, restaurantes, bares e en xeral calquera outros nos que se consuman bebidas e comidas, que non faciliten a entrada de animais de compañía deberán mostrar un distintivo que o indique, visible desde o exterior do establecemento. Ata o de agora viña sendo ao revés, quen os permitía poñía o distintivo, esta norma cambia as tornas.

Dispón tamén unha medida moi necesaria en relación cos establecementos destinados a atender a persoas en risco de exclusión social (vítimas de violencia de xénero, sen fogar, …) e é que facilitarán, na medida do posible, o acceso dos seus animais de compañía. Se non fose posible, promoveranse acordos con entidades de protección animal ou proxectos de acollida.

Este anteproxecto, lei se se chega a aprobar, será de aplicación supletoria aos cans de asistencia.

A QUE LLE PON FIN A FUTURA LEI?

Ao sacrificio agás nos casos regulados; a mantelos de maneira permanente en balcóns, terrazas, azoteas, rochos, sotos, patios, vehículos ou similares; aos malos tratos e as agresións; ao abandono; ás mutilacións e modificacións corporais; ás pelexas; a utilizalos para exercer a mendicidade; ao traballo inadecuado ou excesivo; ao uso de pinchos, colares que aforquen, aparellos eléctricos,…; a utilizalos como premio, á cría desmedida e á cría non autorizada, entre outras moitas prácticas.

Regula a creación dunha ampla burocracia que se vai montar arredor disto; un réxime sancionador; a inspección e vixilancia; os animais silvestres, o emprego de animais en actividades culturais e festivas; a cría e o comercio, etc.

Estamos diante dun extenso anteproxecto de 89 artigos, 3 disposicións adicionais, 4 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 9 disposicións finais. E está pendente non só a súa aprobación senón tamén o seu desenvolvemento regulamentario.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...