InicioOpiniónOPINIÓN: Cantos fillos ten Putin? Vese que hai bastantes

OPINIÓN: Cantos fillos ten Putin? Vese que hai bastantes

"Agora temos o follón outra vez na porta da casa cun estado agresor que como todos os matóns de barrio somentes son capaces de abusar dos débiles aínda que os asoballados tampouco son unha 'Carapuchiña' inocente e desvalida..."

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Sempre pensamos que aquí na vella Europa as guerras eran cousa do pasado, non hai moito vimos na antiga Iugoslavia que xente que aparentemente era estudada, culta, civilizada, foi capaz de cometer todo tipo de atrocidades posibles xustificadas na raza ou na relixión, vese que os vellos costumes dos cavernícolas están ben asentados nos nosos xenes.

Agora temos o follón outra vez na porta da casa cun estado agresor que como todos os matóns de barrio somentes son capaces de abusar dos débiles aínda que os asoballados tampouco son unha “Carapuchiña” inocente e desvalida. Moito diso aínda é herdanza do camarada Stalin que moveu poboacións enteiras, aniquilou, moveu marcos e no fondo creou a base dos conflitos que hai e virán unha vez que a man dura do estado desapareceu coa caída da Unión Soviética.

“Moito diso aínda é herdanza do camarada Stalin que moveu poboacións enteiras, aniquilou, moveu marcos…”

Aquí neste lado tampouco estamos libres de toda culpa xa que se estivo a incitar e promover o conflito coa intención de desestabilizar a quen non se pode mangonear directamente. Por outro lado temos a un antigo axente da KGB metido a presidente perpetuo igual que aqueles zares ou xefazos do partido comunista; un tipo listo que ten un pobo empobrecido para forrarse el mesmo e os seus amigos pero que se envolve na bandeira da patria (carallo, como me soa iso) para que non se fale dos problemas de verdade.

Para acabar de liala, untan con cartos os que se envolven nas bandeiras aquí e na casa dos nosos veciños (sempre é doado envolverse na bandeira cando tes cartos gañados sen suar sachando na viña) para que nas redes sociais se ataque a nosa sociedade dende dentro. E logo, esta vez si que foi sorpresa, temos aqueles que baballoan contra os USA, contra a OTAN, contra a UE e contra todo sistema que non sexa semellante ao dun tal Kim alá polas Coreas.

Ardo de rabia de ver que xente que se di progresista, antirracista, de esquerdas, falar da invasión de Ucrania botándolle as culpas a Estados Unidos ou á Unión Europea cando o que está a matar xente é o ruso. Non son capaces de entender que se viviran en Rusia estarían presos, envelenados ou apaleados polas rúas e sobre todo cobrando uns soldos de merda que non lles chega para vivir. Non entendo como se pode xustificar a morte de inocentes botándolle a culpa a nós mesmos cando os tanques veñen mandados polo outro. Non entendo como unha persoa que se di de esquerdas pode defender a un tipo que encadea homosexuais, que aniquila a oposición, quizais pode ser porque os extremos acaban por tocarse. Finalmente a intoxicación de que todo o americano é malo, todo modo de vida occidental é malo, que todo o que facemos aquí é totalmente “repunantiño” funciona como unha venda nos ollos que os afasta da realidade de que o único culpable desto é o imperialismo ruso.

“Ardo de rabia de ver que xente que se di progresista, antirracista, de esquerdas, falar da invasión de Ucrania botándolle as culpas a Estados Unidos ou á Unión Europea cando o que está a matar xente é o ruso”

Eu se fose ruso estaría encantado coa cantidade de merda que somos capaces de botarnos entre nós, xa se viu canto funcionou o diálogo (dous non dialogan se un non quere) e as boas palabras, xa se viu que algúns estados agachan a orella porque seguro que pensan que van sacar algo de cartos disto, pois ides fodidos amiguiños, o ruso segue o exemplo de Adolfo, ir collendo pouco a pouco e o resto calado para deixalo tranquilo ata que un día queira collelo todo polas bravas .

Isto so é o comezo da “restauración” do imperio soviético, logo caerán máis rexións e seguramente mirará cara os países bálticos, Polonia… e porá a fronteira rusa onde a el lle saia dos cataplines; mentres aquí seremos tan burros de seguir dicindo que a culpa é do capitalismo. Eu se fose Putin collería o tanque e non pararía ata Fisterra.

“Isto so é o comezo da “restauración” do imperio soviético…”

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...