InicioOpiniónOPINIÓN: Crónica dunha morte anunciada

OPINIÓN: Crónica dunha morte anunciada

Levo anos oíndo iso de que o día que prenda lume non vai haber quen o pare, e cada ano en cada sitio ó chegar o verán a conversa sempre era a mesma, “o día que chegue…”, e chegou e as profecías non fallaron...

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Agora botamos as mans á cabeza diante da traxedia que parece que non a vimos vir pero pola contra había sinais bastante evidentes do que ía acontecer. Os lumes de Portugal, a semana infernal de hai uns anos na Galicia, Serra de Culebra, Extremadura, Andalucía e todo o mundo dicindo o mesmo pero os nosos gobernantes xordos coma unha parede, sen facer nada, desmantelando os servizos de prevención, racaneando medios, desprezando ós bombeiros forestais, unha política forestal orientada a produción intensiva, cero coñecementos de ecoloxía. Un desprezo enfermizo da biodiversidade en aras dunha produción industrial, un negocio onde o valor da madeira xa case era secundario.

“Agora botamos as mans á cabeza diante da traxedia que parece que non a vimos vir pero pola contra había sinais bastante evidentes do que ía acontecer”

Tivo que vir unha treboada de proporcións bíblicas combinada cunha seca histórica e unha onda de calor a baternos nos morros, a natureza non perdoa, a natureza é cruel e non tolera erros e nós non fixemos outra cousa que cometer un detrás de outro. Pero moita da culpa é nosa, nesta ocasión non fixo falla o imbécil de turno poñendo lume pero a cambio deso houbo un terrible encadeamento de despropósitos administrativos e de coordinación, tentar aforrar cartos nos contratos, nos medios e en prevención resultou nun gasto astronómico no dispositivo de extinción, os que mandan vese que iso de investir para evitar males maiores non vai con eles, iso é porque os cartos non saen do seu peto senón do de todos.

Un xigantesco piñeiral reseco de centos ou miles de hectáreas con cortalumes que quedou demostrado non serven para nada (os que os deseñan parece ser que viven en sitios onde nunca fai aire), aldeas salvadas milagrosamente polos seus soutos centenarios, vagoadas de frondosas que resistiron, bosques de ribeira que salvaron o tipo. Puntos de auga escasos, medios escasos con brigadas que en vez dos cinco efectivos tiñan dous en algún caso, descordinación nos mandos, medios que non sabían onde estaban, era como ver un cento de polos decapitados correndo por unha leira. E así nos foi, e se non morreu xente creo que en bastantes casos debeuse a moitísima sorte.

Árbores queimadas. Foto: Guillermo Díaz Aira

Logo está o tema de Vilar, unha aldea emblemática no Courel, un home todo un símbolo da cultura tradicional, un museo que albergaba unha vida e todo perdido porque non recibiu o auxilio que necesitaba, dos veciños sós enfrontándose a un monstro de lume e vento pedindo axuda e recibindo nada. Aldeas que tiveron que ser salvadas polos veciños que tiñan que esconderse das autoridades que os desaloxaban e quedaban sen ninguén que velase polas casas. Un home, coñecido meu, de Río de Bois salvou a súa casa escondéndose no monte e volvendo el só a defendela con dous collóns como as hélices do Titánic. Decenas de historias de heroes anónimos sós contra o lume coa axuda dos reducidos medios, xente que non se falaban entre eles ombro con ombro loitando pola súa terra e que veña un de Santiago a dicir que se actuou ben, se digo o que penso fusílanme nunha cuneta.

“Un home, coñecido meu, de Río de Bois salvou a súa casa escondéndose no monte e volvendo el só a defendela con dous collóns como as hélices do Titánic”

E agora aínda queda o peor, o esquecemento dentro duns días xa que deixará de ser noticia, apicultores sen dar que comer ás súas abellas, pobos negros do fume, castiñeiros centenarios mortos, sobreiras, carballos, millóns de animais, erosión ameazando os ríos, gandeiros sen pastos, hostaleiros atafegados polas anulacións. Si, van vir cartos (porque teñen que vir) para arranxar casas e desfeitas varias, pero a miña pregunta é: canto vale o museo de Xan, canto vale un souto centenario, canto vale o canto dos paxaros, o olor das flores na primavera, canto vale unha paisaxe, unha cultura, canto vale o Courel?

Cantos cartos hai que gastar para tapar os erros que causan traxedias? Servirá isto para cambiar conciencias ambientais nos que mandan? Servirá isto para que non incen de novo os montes de pirófitas? Servirá o sacrificio do Courel para salvar o que queda de Galicia sen queimar?

Pois non, isto nin vai cambiar nada nin vai remover conciencias, será cuestión de meses en que todo sexa unha noticia nun caixón, e a vida seguirá dando avisos da vindeira traxedia e cando esta suceda pois berraremos un pouco e logo non pasa nada. O sacrificio do Courel será en balde…

Vexetación queimada. Foto: Guillermo Díaz Aira

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...