InicioOpiniónO Entroido de Salcedo, a rebeldía dun pobo

O Entroido de Salcedo, a rebeldía dun pobo

Publicado o

POR
Felipe Castro López
- Advertisement -

Non cabe dúbida que o Entroido forma parte, de maneira importante, do noso patrimonio cultural inmaterial, existindo múltiples manifestacións que así o testemuñan por toda a xeografía galega a través de moi diversos ritos e mascaradas. É certo que boa parte destas manifestacións comparten orixes alleas á nosa cultura, situándoas en festas celebradas polos antigos imperios exipcio, grego e romano e doutras culturas europeas da antigüidade que tiñan que ver, en grande medida, coa despedida do inverno ou, debido á influencia do cristianismo, coa antesala da coresma.

Non é menos certo que existen outras manifestacións cuxa orixe difire da que, por dicilo dalgún xeito, se considera como a versión oficialista ou académica e que, ás veces, nos presentan como a única válida. Esta segunda ten que ver máis con cuestións e necesidades locais e propias da nosa cultura.

Entroido de Salcedo / Felipe Castro

Para min, aínda que na actualidade todo está sometido á contaminación e influencia de factores alleos, o entroido de Salcedo ten máis que ver con este último prantexamento. Neste senso, quero defender o carácter popular do noso entroido. Quero destacar tamén o valor de rebeldía e autoprotección que lle confería a unha sociedade rural con grandes carencias de soberanía e liberdade, e revelar por riba doutras connotacións o interese engadido de outorgarlles a posibilidade de sentirse protagonistas e beneficiarios desta actividade.

Derivado do anteriormente dito, é importante transmitir o interese social que exercía sobre esta poboación, ao liberalos de ataduras, complexos e sufrimento acumulado ao longo de todo o ano para, deste xeito, proporcionarlles ledicia, ilusión e esperanza, aínda que só fora por uns poucos días.

Sen dúbida, o entroido de Salcedo está cheo de tradición e de elementos representativos da nosa cultura rural e que, a pesares das diferentes restricións históricas, permaneceu vivo e activo de maneira ininterrompida e dende tempo inmemorial. Isto foi posible grazas a que a colectividade de Salcedo tivo sempre moi asumido o seu papel participativo e a que sinten todos estes elementos como parte de si mesmos.

Madamas e Danzantes Salcedo / Felipe Castro

A variedade de mascaradas e actividades carnavalescas enriquecen notablemente o entroido salcedao, podendo dicir que ningunha é máis importante que calquera das outras, a pesares de que o máis emblemático e ancestral sexa o Oso. Neste entroido, comparten espazo representacións de carácter moi diverso; dende a personaxe ritual do Oso encargado de protexer o pobo e que, coa axuda dos criados, vén recoller o seu tributo a cambio de proporcionarlles, polo ano adiante, cousas necesarias para a súa subsistencia (boas colleitas, fertilidade para as mulleres, saúde, etc); pasando polas Madamas e os Danzantes, responsables de tomar a través da mascarada a identidade do señorío, e poder así ridiculizar a quen os tiña sometidos o resto do ano; ou tamén os Disfraces de Campo, encargados de parodiar a través de pequenas interpretacións mímicas, escenificadas ao aire libre, calquera situación ocorrida no pobo ou representativa da vida no rural; finalmente, e grazas a estes disfraces de campo que foron o seu precursor, incorporouse máis recentemente (concretamente no ano 1957) o Teatro de Salcedo no que, xa nun espazo especialmente configurado para este fin e nun escenario tradicional, se representan obras teatrais de autores maiormente locais, representadas por actores non profesionais, tamén de Salcedo e da contorna, que escenifican de igual maneira e sempre en clave cómica situacións e vivencias ocorridas ou previsibles, coas que nos identificamos.

Teatro de Salcedo / Asociación de Veciños de Salcedo

Quixera rematar dicindo que estes entroidos están sometidos a diversos riscos que, se non atopamos solucións eficaces, poden rematar coa súa existencia. Estes riscos teñen diferente natureza; por unha parte está a influencia doutras manifestacións ou connotacións que poden afastar os caracteres culturais, que son a súa razón de ser; por outra parte está a masificación de xente asistente que, en moitos casos, contribúe a desvirtuar ese carácter; e finalmente está o maior dos males que afectan a estes Entroidos, localizados normalmente en pequenas parroquias ou lugares que por desgraza esmorecen produto do envellecemento da súa poboación e do escaso arraigamento por motivos demográficos e produtivos. Neste senso, Salcedo non é unha excepción e, malia os esforzos dun Oso probablemente cansado e desmotivado para conservar e protexer este lugar, padece os males da globalización e da paulatina desaparición da nosa xente, mulleres e homes responsables dos logros e da existencia das estruturas sociais, territoriais e culturais que conforman esta parroquia.

Non deixemos nunca de rebelarnos.

Entroido de Salcedo / Felipe Castro

ÚLTIMAS

A Libraría Pelayo de Monforte presenta 3 libros este 23 de abril

A Libraría Pelayo de Monforte acolle este martes, 23 de abril, a presentación de...

A escritora quiroguesa Celia Díaz estará na ‘Diada de San Jordi’

Celia Díaz chega a Barcelona para vivir a experiencia de dar a coñecer as...

Completa fin de semana do Quixós en Portugal

O sábado 20 de abril competían en augas portuguesas, na II Copa Promoción Slalom,...

“A nai que me pariu!” campaña do CCU de Sarria polo Día da Nai

¡A nai que me pariu! é o nome da campaña do Centro Comercial Urbano de...