InicioOpiniónO peor consello sempre o dá o medo

O peor consello sempre o dá o medo

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz (Seudónimo)
- Advertisement -

Nacemos para aprender, non para agardar a que alguén nos diga o que debemos facer ou non para desenvolvernos.

Vén isto a conto de que hai un empeño, por parte dos poderes establecidos, en decretar que os nacionalismos periféricos (galego, vasco e catalán) non teñen ningún aspecto positivo e que todos eles conducen á destrución.

Hai quen vai máis alá e trata de establecer unha conexión permanente dos mesmos coa violencia.

Tanto unha idea como a outra carece de proba ningunha, pero difúndense de forma teimosa até convertelas en dogmas oficiais.

O realmente sorprendente é que até o momento, ninguén no nacionalismo español, dos que se proclaman demócratas, atopa cousas boas no resto dos nacionalismos (exceptuando a gastronomía e o folclore).

Un dos trazos máis característicos do réxime franquista foi a aversión aos nacionalismos periféricos do nacionalismo español. Pois o certo é que, na actualidade, os partidos políticos estatais e o pensamento oficial non mudaron (en esencia) ese pensamento. Curioso paradoxo: os máis nacionalistas en contra do nacionalismo. Ver para crer.

Pero a cousa non queda aí. Ademais de denigrar o que son (nacionalistas), non ofrecen ningún proxecto construtivo ou atractivo ou integrador, e limítanse a ofrecer unha enfadada España sen cabida para diferenza ningunha.

O patriotismo español de hoxe limítase a denigrar reiteradamente aos “separatistas das nacionalidades” aglutinando conceptos que lle sexan rendíbeis nas urnas, da forma máis vil, utilizando sentimentos nobres das persoas, para enfrontalas a outras só por teren nacido nun lugar distinto e coa única finalidade de tirar rédito electoral.

De todas as maneiras, non deberiamos esquecer que esa forma de pensar, esa cultura e esa ideoloxía foron os cimentos do franquismo. Debería merecer, polo menos, unha reflexión.

Resulta sorprendente que todos eses patriotas de moita monta non poñan unha soa pega á perda de soberanía por parte de España cando aquela se mete na alforxa do capital inversor estranxeiro. Que en España máis do 50% das grandes empresas sexa de propiedade non española parece non molestarlles aos patriotas.

Parece lóxico que calquera que se defina como patriota español debería criticar esta perda de soberanía económica e máis nun momento en que o paro é a preocupación e problema máis importante. Parece lóxico pero non é así e, ademais, quédanse tan panchos.

Un nacionalismo que reivindica a ignorancia das linguas que se falan no resto do Estado, que sempre está en contra de aprender galego, euskera ou catalán, que sempre manifesta odio e desprezo por un patrimonio colectivo tan importante como unha lingua, mentres acepta, con gusto, que o inglés ocupe cada vez máis espazo. Sempre tan forte co débil e tan débil co forte.

Na vida todo é discutible pero un patriotismo verdadeiro, e non de mal gusto, debería asegurarse de que a soberanía de España non fose unha mentira.

Ante o enfrontamento, se queremos a convivencia pacífica, só queda o equilibrio, só queda a conciencia colectiva que poña por diante os principios de unión voluntaria. Para iso é necesario comezar por desterrar a disputa permanente contra as nacionalidades, como se fosen as responsables de todos os males.

Escoitando as mensaxes dos líderes dos partidos estatais e dos medios de comunicación, aínda sen querelo, case se nos obriga a chegar á conclusión de que todos os males son responsabilidade dos independentistas cataláns. Semella que no resto dos territorios do Reino non hai paro, nin desigualdade, nin listas de agarda sanitarias, nin falta de profesorado nas escolas, nin machismo; por iso hai que falar a todas horas da cuestión catalá. Non se sabe de que falarían e que medo buscarían para seguir dándonos consellos, se lles faltaran.

ÚLTIMAS

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...