InicioOpiniónRecunchos do Courel, “O Pozo da Grada”

Recunchos do Courel, “O Pozo da Grada”

Dámoslle a benvida a un novo colaborador, Guillermo Díaz Aira, un amante da natureza e gran divulgador do Courel e da Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Boas a todos e todas, son Guillermo Díaz Aira, ‘Guille’ para todos vós, e quería comezar as miñas colaboracións con Xornal de Lemos falando de como me fun “courelizando”; pasando das terras chas do Val de Lemos ós cumios dunha serra que agocha e conserva a beleza da natureza, a xente auténtica e unha cultura que por desgraza seremos os últimos en coñecer.

Hai moito tempo que levo visitando o Courel e en todos eses anos a miña forma de ver a Serra e a súa xente foi cambiando, deixou de ser un lugar de ir nos anacos de tempo libre e converteuse nun xeito de vida, de feito xa é a miña vida laboral. Todo  isto comezou  da man de  amigos que me foron  levando ós sitios que coñecían e ensinando as súas cousas, logo fun explorando pola miña  conta e chegou  un momento no que puiden camiñar só. Por riba diso tiven a sorte de  que unha desas persoas fose Orlando, un courelá de pura cepa que coido que é a persoa que mellor sabe transmitir o amor e a paixón polo Courel; con mestres así e con ganas de aprender cheguei ata onde estou agora.

Teño moitas cousas que contarvos, lendas de mouras, tesouros escondidos, covas misteriosas, roteiros onde camiñar, presentarvos moita xente, paraxes descoñecidos  onde pasar un día, castros, aldeas e sitios onde poder ser libres e felices.

Feitas as presentacións quixera convidarvos a coñecer un recuncho do val do Río Pequeno que se chama O Pozo da Grada, unha pincheira duns 20 metros de altura á que podemos ir camiñando dende Paderne dirección Savane seguindo un tramo da ruta do Río Pequeno. Non hai que camiñar moito pois non chega ó quilómetro e medio pero para aqueles que non están acostumados a patear a volta pode facerse “algo” costa arriba.

Chegar ó Pozo da Grada resulta moi sinxelo agás os derradeiros cincuenta metros que transcorren por un vello lameiro que nunca entenderei como facían as vacas para ir pacer, porque mira que vin sitios empinados, pero neste caso imaxino vacas con arnés e cordas ou ben coas patas telescópicas para non ir a rebolos herba abaixo ata acabar no río. Non vos vou contar como chegar porque con ir a Paderne e preguntar ou seguir as indicacións dos carteis ben abonda, eu quero falarvos dunha lenda que me contaron de algo moi curioso que aconteceu nesta fervenza.

Hai moitísimos anos, segundo me informaron os de Paderne, en Meiraos, en Miraz e incluso en Savane, cando no Courel se traballaban as leiras e andaban as xugadas de bois facendo labores agrícolas, un home andaba arando cunha parella deles unha finca que está por riba da fervenza. Nese momento algo pasou para que os animais se espantaran e saíran correndo con tan mala sorte que foron caer, con arado e todo, pola pincheira da que contan que ten un pozo no fondo tan profundo do que é imposible escapar. O pobre home baixou a toda présa ó pe da pincheira lamentándose e botando pestes pola mala sorte, alí se perderon dous bois, un xugo e un arado que para un labrador daqueles tempos era unha perda case insustituible.

Pero mirade por onde que de alí a un anaco algo empezou a moverse baixo da auga, era a parella de bois, que como se nada pasase saíron da auga ben lixeiros, co xugo posto e o arado enganchado. Manda carallo! que diría o dono aliviado por non perder os animais.  No intre de ir  xunto deles viu algo brillar enganchado á rella do arado, eran unhas campás que engancharon nela, e esas son as campás que agora se poden ver na Eirexa de Meiraos.

Teño baixado moitas veces ó Pozo da Grada e sempre que levo grupos de xente cóntolles esta historia. Porque ir a Courel non consiste en ir camiñar, facer fotos e comer un xabaril con castañas; ir a Courel é escoitar á xente, respectar as tradicións e sentirse por un tempo formar parte dunha terra que morre de vella e abandono. O día que xa non teñamos quen nos conte estes contos e os seus recordos, o día que se perda a fala ese día Courel tamén estará desaparecido.

En cada aldea de Courel temos lendas e historias tan fermosas que sería unha pena que non se conserven. Quero anticiparvos que houbo unha vez en Vilar unha Moura que vivía no castro e unha amiga que tiña que se chamaba Maruxiña e que algo pasou entre elas dúas….

ÚLTIMAS

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...

A Subida a Taboada inaugurará o Campionato Galego de Montaña os días 27 e 28 de abril

O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, reuníuse este martes co...