InicioPolíticaPilar López, portavoz dos non adscritos en Monforte, despídese da política cunha...

Pilar López, portavoz dos non adscritos en Monforte, despídese da política cunha carta de agradecementos e críticas

O Concello de Monforte celebraba este luns 29 de abril o seu último Pleno da lexislatura, e foi neste contexto no que a concelleira pediu ler unha carta de despedida na que fixo balance do seu percorrido na política local.

Publicado o

- Advertisement -

Foi en xuño do 2015 cando 4 dos 5 concelleiros/as que acadara o BNG nas eleccións municipais dese mesmo ano decidiron abandonar o grupo nacionalista tras discrepancias internas co Consello Local por mor dun posicionamento en contra do alcalde. Na acción opositora, que consistiu nunha concentración pública de rexeitamento, decidiran participar conxuntamente co PP e con Esperta Monforte, os outros 2 partidos da oposición no Consistorio monfortino.

Esta desavinza provocou que os catro edís, Pilar López, María Xosé Vega, Alicia Cadarso e Víctor López, acabaran abandonando o BNG e, sen renunciar á acta de concelleiros/as, quedaran no concello integrando o que xa se pasou a coñecer como “grupo dos non adscritos”.

O misterio sobre que farían de cara ás vindeiras eleccións municipais, a celebrar este 26 de maio, tardou en desvelarse; e aínda que os ruxe-ruxe apuntaban a que non se presentarían por ningún partido nin tampouco crearían un novo, houbo que esperar ao 23 de abril para ver que non figuraban en ningunha das candidaturas rexistradas na Xunta Electoral de Monforte e constatar, deste xeito, as sospeitas.

E ata aquí chegou a intriga. O punto e final a esta etapa foi o luns 29 de abril, último Pleno antes das municipais de maio, onde a portavoz Pilar López quixo despedirse coa lectura dunha carta dirixida a todos/as os presentes.

A misiva comeza comunicando que pon fin a unha etapa dedicada á política na que sempre fixo o posible por resolver problemas e mellorar a vida dos monfortinos/as xunto aos seus compañeiros/as.

Agradece en nome propio, e dos seus, a confianza dos monfortinos/as que lles votaron nas eleccións do 2015, o traballo e dedicación do persoal do concello, o compromiso con Monforte de xente coa que coincidiron estes anos e tamén o traballo e dedicación dos medios de comunicación locais -cun recoñecemento especial para Toño Parga, fotógrafo de El Progreso-, agás un deles. Neste punto Pilar critica a postura dunha emisora de radio á que acusa de censura por, segundo ela, vetar a súa presenza nun programa dedicado á oposición tras a súa saída do BNG o 15 de xuño de 2017.

Continúa o relato facendo balance dos oito anos da vida dedicados á política municipal recoñecendo que grazas a ela leva moitos/as compañeiros/as, grandes consellos e aprendizaxes. Agradece especialmente a Severino Rodríguez, anterior alcalde, todo o que aprendeu ao seu carón e as políticas de goberno realizadas, como parte do seu equipo, en favor da veciñanza monfortina desde o 2003: participación cidadá, abrir a cidade ao río, humanizar a cidade, impulsar a Feira Medieval e a Xudería…

Noutro punto da carta, Pilar carga duramente contra o actual alcalde, José Tomé. Láiase de non ter Monforte un alcalde ou alcaldesa “que se preocupe por algo máis que por asfaltar camiños, rúas e avenidas”, engadindo no seu reproche que “gobernar unha cidade é máis do que iso; é diálogo, é xenerosidade, é, en definitiva, procurar o ben común e un futuro para que a xente non teña que emigrar e poda ficar a vivir no lugar máis bonito do mundo, Monforte”. E as críticas ao rexedor continúan referíndose á súa presunta actitude caracterizada por “un ton prepotente, arrogante, falto de respecto cara ás voceiras mulleres desta corporación municipal e, por veces, ditatorial, que sufrimos ao longo destes últimos catro anos” e tamén lembrando que pasará á historia da cidade por ser o alcalde que acumula, en só 4 anos, dúas mocións de confianza, dous plans económico-financieiros e unha reprobación.

Para concluír, a portavoz non adscrita desexa sorte a quen queda na política e mais a quen se vai, e un futuro cheo de vida para todos/as esperando que a cidadanía monfortina saiba atopar solución para problemas presentes e futuros. “Estou convencida de que así será porque esta cidade ten moita potencia e hai talento abondo na cidadanía para conseguir todo o que se propoña”, engade.

O broche final queda para un poema de José Ángel Valente titulado “No inútilmente”:

Contemplo yo a mi vez la diferencia

entre el hombre y su sueño de más vida,

la solidez gremial de la injusticia,

la candidez azul de las palabras.

No hemos llegado lejos, pues con razón me dices

que no son suficientes las palabras

para hacernos más libres.

Te respondo

que todavía no sabemos

hasta cuándo o hasta dónde

puede llegar una palabra,

quién la recogerá ni de qué boca

con suficiente fe

para darle su forma verdadera.

Haber llevado el fuego un solo instante

razón nos da de la esperanza.

Pues más allá de nuestro sueño

las palabras, que no nos pertenecen,

se asocian como nubes

que un día el viento precipita

sobre la tierra

para cambiar, no inútilmente, el mundo.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...