O BNG de Monforte valora os resultados electorais que califican de malos

O Bloque Nacionalista Galego de Monforte de Lemos valora os resultados electorais como malos e lonxe do esperado; tanto en número de votos, como en representación.

Consello Local do BNG Monforte / BNG Lugo-sul

Os nacionalistas consideran que a perda significativa do apoio da veciñanza baséase en factores, tanto internos coma externos, que afectaron á visibilidade do seu traballo diario a prol do concello. O BNG entende que non foron quen de trasladar á cidadanía as súas propostas e non crearon a ilusión necesaria para contar co apoio dos/as veciños/as.

Sinalan desde o BNG que “Presentamos unha candidatura renovada. Con persoas de gran experiencia en cadanseu campo profesional, e co nexo común do interese en traballar por e para os/as monfortinos/as. Con todo, a tardanza en presentármonos ante a sociedade restounos oportunidades para poder falar e interesarnos, de primeira man, polas necesidades de monfortinas e monfortinos. Unha lista que non tivo tempo a percorrer as rúas de Monforte e, nin moito menos, estar presente nos momentos en que era preciso, meses atrás”.

Valórase o traballo do concelleiro e candidato que din foi quen de manter unha actitude neutra e positiva ante tensión, que aseguran, creou o grupo de goberno. “Respectamos sempre o programa que, no seu día, propuxemos para esta cidade, e un xeito de entender a política lonxe do espectáculo. Quizais esta forma de ser transmitiu unha imaxe de comuñón co goberno en troques de transmitir a realidade. O respecto institucional e a convicción de que unicamente con acordos se pode avanzar en democracia. Non paralizar a vida municipal, as necesidades da veciñanza, por mor de disputas persoais.”

Refírese tamén o BNG ao cambio das catro concelleiras do BNG ao grupo mixto hai dous anos. Aseguran que estaba fóra do seu alcance e que despois disto o traballo proxectado para cinco persoas, desenvolveuno un único concelleiro “e non sempre foi doado”. O BNG de Monforte de Lemos agradece a confianza dos 870 votantes, e comprométese a continuar traballando para mellorar o concello e os servizos que a veciñanza monfortina precisa, “coa mesma ilusión e firmeza”.

Candidatura Monforte / BNG Lugosul

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here