InicioPolíticaGaliza Nova reclama unha solución "inmediata" para a Biblioteca de Chantada

Galiza Nova reclama unha solución “inmediata” para a Biblioteca de Chantada

Esta organización reclama unha solución para as graves deficiencias da Biblioteca Municipal en vésperas dunha nova convocatoria de exames para os universitarios.

Publicado o

- Advertisement -

Nas vésperas da segunda convocatoria de exames universitarios, a organización xuvenil Galiza Nova Lugo-Sul vén de denunciar as “condicións lamentables” da Biblioteca Municipal de Chantada. Dende un aforo insuficiente a graves problemas de insonorización, defenden unha relocalización como a única solución para este servizo. Falamos coa responsable comarcal de Galiza Nova Lugo-Sul, Cecilia Diéguez, para coñecer máis a fondo este problema.

Cecilia Diéguez nun mitin do BNG / Galiza Nova Lugo-Sul

Cales son os problemas que, según as súas reclamacións, existen na Biblioteca?

En primeiro lugar, hai un problema de accesibilidade. A Biblioteca Municipal está no último andar da Casa da Cultura, e para chegar a ela hai que subir tres series de escaleiras. As últimas, de metal, son extremadamente estreitas e perigosas. Doutra banda está o tema do ruído. Este é un edificio no que se fan actividades infantiles e, evidentemente as crianzas arman un gran balbordo, incompatible con estudar e concentrarse. Pero non só o aillamento acústico é deficiente, tamén o térmico: ou fai moito frío ou moito calor.

A luz natural, que entra por un “ventanuco” no teito, é escasa; pero a luz artificial non é mellor. As bombillas son escasas e algunhas incluso parpadean. En definitiva, e cunhas condicións tan lamentables, se estudas con portátil tes que madrugar para coller un sitio con enchufe e se estudas con papel precisas unha boa vista.

Nunha vila de máis de 8.000 habitantes, que a Biblioteca teña capacidade para unhas 25 persoas é absolutamente irrisorio. Por último, os horarios deste servizo non deberían estar suxeitos ao horario das funcionarias. Que abra de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 durante o inverno e de 17:00 é claramente insuficiente para que o estudantado prepare os seus temarios axeitadamente.

Cales son os usuarios principalmente afectados por estes problemas na Biblioteca Municipal?

Evidentemente, os estudantes e as persoas que preparan unha oposición. E dentro do estudantado, creo que os máis afectados son os universitarios; porque os problemas cos horarios intensifícanse en Nadal e a partir da segunda quincena de xuño, que é cando eles preparan os exames. Que xa non teñan aulas non significa que non teñan que estudar máis ca nunca.

Cales son as propostas de Galiza Nova para arranxar estas deficiencias?

Tal e como están agora mesmo as instalacións, a úncia solución sería unha relocalización. Aínda que se arranxen os problemas de luz, enchufes e horario, a accesibilidade vai seguir sendo a mesma, xa que non hai espazo físico para instalar un ascensor. Así, a cantidade de luz natural seguirá sendo insuficiente e cristaleira frontal da biblioteca seguirá deixando entrar o ruído das actividades infantís. En definitiva, estes remendos serían máis custosos e menos efectivos ca unha relocalización.

Cal foi a resposta do Concello de Chantada ata o momento?

Se imos á páxina web do Concello, podemos ler que a ubicación non é definitiva debido ás barreiras arquitectónicas, así que polo menos danse conta de cal é a situación. Tamén se recolle que van presentar unha nova localización na Praza de Galicia. Con todo, a incertidume e a inactividade vénse mantendo durante varios anos, xa que non hai máis información ca esta.

Cales son as accións de protesta que teñen pensado realizar dende Galiza Nova a este respecto?

As nosas accións teñen como obxectivos darlle visibilidación á falta de funcionalidade da Biblioteca e esixir unhas propostas alternativas e inmediatas, sobre todo inmediatas. O estudantado non pode seguir traballando nestas condicións.

De cara aos próximos meses, que outras accións ten Galiza Nova na súa axenda?

Para o mes que vén, o 24 de xullo, celebraremos a xa tradicional homenaxe a Rosalía e Castelao en Santiago de Compostela. Eses mesmos días tamén teremos o Festigal. A nivel comarcal nós imos organizar a III Semana da Patria, na que faremos unha serie de actividades culturais e lúdicas para animar á xente a que conmemore o Día da Patria.

Como valora o nivel de interese e compromiso político da mocidade do sur de Lugo?

Sinceramente, creo que na mocidade hai moito individualismo. Considero que isto é un erro, porque aínda que teñas intereses políticos, culturais e outras inquedanzas, se caes no individualismo dificultas que exista un compromiso político real e efectivo. O certo é que tamén temos que ser conscientes de que estamos a falar do sur de Lugo, a demografía non xoga ao noso favor: poderiamso falar dunha diáspora cara ás cidades. Cada vez hai menos mocidade vivindo nesta zona e a pouca que hai en canto se vai á universidade desvincúlase dos movementos sociais que poida haber na súa vila natal. É un territorio complicado a ese nivel.

Que mensaxe lle lanzaría á mocidade do sur de Lugo para que se implique máis na realidade social e política do seu entorno?

Creo que a política inflúe en todos os ámbitos da nosa vida, así que non se debería estar apartado dela. Organizarse politicamente é a chave para loitar polos nosos dereitos e intereses como persoas, pero tamén como nación. Basicamente eu animo á xente de Lugo Sul a que se achegue a Galiza Nova e ao do BNG, porque realmente é o único proxecto político viable para loitar pola soberanía e contra os ataque que estamos recibindo constantemente dende o sector españolista.

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...