Os concellos do sur de Lugo manexarán máis de 200.000 euros para promover a igualdade

Recibirán 202.042,16 euros, dos preto de 700.000 que destina a Xunta ao conxunto de concellos da provincia de Lugo para empregar en catro liñas de actuación.

Secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e delegado territorial, José Manuel Balseiro, dando conta da resolución da convocatoria de axudas. Fonte: Prensa Xunta de Galicia

Días atrás, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, deron conta da resolución da convocatoria de axudas a entidades locais para implementar accións de promoción da igualdade, loitar contra a lacra da violencia de xénero e fomentar a conciliación.

As axudas da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, beneficiarán a 44 municipios da provincia de Lugo, 16 deles da zona sur: Sarria, Láncara, O Páramo, Paradela, Samos, Monforte, Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, Sober, O Saviñao, Chantada, Carballedo, Taboada, Quiroga e Ribas de Sil.

Os concellos beneficiados, xa sexa para proxectos individualizados de cada municipio como de xestión compartida con outros da contorna, empregarán as achegas que están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo para financiar iniciativas que se enmarcan en catro liñas de actuación.

O importe principal é o que se destina ao funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM), cuxa contía ascende nesta área a 168.930,55 euros. Desta partida, para o centro de Sarria –agrupado cos concellos de Láncara, O Páramo, Paradela e Samos- van 56.000 euros, para o de Monforte de Lemos -agrupado cos concellos de Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober- destinaranse 47.855,58 euros, para o de Chantada -agrupado con Carballedo e Taboada- van 41.310,51 euros e para o de Quiroga -agrupado con Ribas de Sil- 23.764,46.

Estas achegas diríxense a financiar os custos do persoal que traballa nos CIM, en concreto os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Outra das liñas de actuación, incorporada como novidade este ano, é o programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres financiado con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste apartado, os concellos beneficiados son o Concello de Chantada cunha subvención de 8.000 euros, o Concello de Monforte que contará con 7.733,6, e o Concello de Quiroga con 3.362.

No terceiro apartado de actuación, programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero, o único concello beneficiado será Monforte de Lemos cunha partida de 2.016 euros. Ao abeiro desta liña fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as persoas dependentes delas, e tamén actuacións para loitar contra a explotación sexual e a prostitución.

E xa na última liña de actuación para promover a igualdade nos concellos do sur de Lugo, relativa ao fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, o Concello de Sober recibirá unha achega de 12.000 euros.

Con estas subvencións, en definitiva, a Xunta pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación e difusión, así como tamén apoiar a Rede de Centros de Información ás Mulleres existentes en Galicia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here