O PSOE do Saviñao denuncia o elevado gasto en soldos do Goberno Municipal

O Concello do Saviñao adicaralle uns 100.000 euros ao ano ás retribucións dos membros da Corporación de Goberno.

Concello O Saviñao / Wikipedia

Despois da celebración do Pleno Extraordinario de organización no Concello do Saviñao o pasado 1 de xullo, o Grupo Socialista deste concello denunciou os elevados salarios que perciben o alcalde e os concelleiros con dedicación exclusiva.

“Os Socialistas avisamos de que o 26 de maio para o Partido Popular eran máis unhas oposicións, para seguir vivindo dos saviñánigos, que unhas eleccións”. Así definiron a situación dende o PSOE do Saviñao. Isto débese a que o alcalde, Carlos Armesto, suporalle aos veciños un custo de 3.000 euros ao mes, entre soldo e cotización á Seguridade Social. As dúas dedicacións exclusivas da Concelleira de Cultura e o Concelleiro de Deportes foron calificadas de “excesivas”, tendo en conta que en concellos limítrofes como Chantada, Taboada e Pantón só dispoñen dunha.

Doutra banda, a creación dunha nova Comisión de Coordinación do Goberno e a retribución percibida polas Xuntas de Goberno fan que os concelleiros populares sen dedicación cheguen a cobrar uns 500 euros mensuais. Deste xeito, o gasto anual en salarios do equipo de Goberno no Saviñao superará os 100.000 euros.

Ademais, coma xa aconteceu en Chantada, os plenos ordinarios celebraranse ás 9 da mañá, un horario que, segundo os voceiros socialistas, dificulta a conciliación laboral dos concelleiros da oposición e “consiguen que vaia menos xente aos plenos”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here