O PSOE chantadino súmase ás queixas polo elevado soldo de Lorenzo Varela

A voceira dos socialistas de Chantada, Raquel López, resaltou a "intensa falta de respeto" contidas nas intervencións do rexedor popular.

Candidatura socialista de Chantada / PSdeG_Chantada

Hoxe martes día 2 tivo lugar en Chantada o Pleno Organizativo, no que foron aprobadas todas as propostas do equipo de goberno local. O Grupo Socialista do concello resaltou que a sesión estivo “marcada por unha intensa falta de respeto nas intervencións do alcalde“.

Segundo parece, o punto “máis candente” da sesión veu cando se trataron as adicacións exclusivas e as asignacións económicas. Raquel López, líder do PSOE de Chantada, cuestionou a compatibilidade da adicación exclusiva no Senado de Lorenzo Varela co cobro de asistencias aos órganos de decisión do Concello, ao que o alcalde contestou que “que por suposto que as ía cobrar e que cos seus cartos faría o que quixera“. Deste xeito, Varela recibirá un mínimo de 76.700 euros anuais entre ambos organismos.

Como xa fixera Por Chantada, Raquel López tamén cuestionou o soldo do concelleiro Diego Otero, que terá unha asignación de 26.600 euros anuais a pesares de non ter unhas funcións fixadas. Ante isto, o alcalde respondeu que “se quixera podería poñer tres adicacións exclusivas”.

Para o PSdeG-PSOE de Chantada, este primeiro pleno é “un ataque desaforado por parte do senador, que sabe que non conta co respaldo dos chantadinos e que é alcalde grazas á lei electoral”. Para os socialistas, “Manuel Varela escolleu a bronca e o rodillo fronte a humildade de quen se sabe en minoría”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here