O PP de Láncara desminte o seu apoio á subida de soldo do alcalde socialista

O socialista Darío Piñeiro percibirá pola súa dedicación exclusiva uns 32.000 euros, o que supón un aumento do 36% con respecto á lexislatura anterior.

Casa Consitorial Láncara / wikipedia

O voceiro do PP de Láncara, Santiago Cubillas, negou nun comunicado ter apoiado a subida de soldo do alcalde socialista, Darío Piñeiro. O rexedor terá unha dedicación exclusiva cun salario de 32.000 euros, o que supón un aumento do 36% con respecto á lexislatura anterior.

Se ben o PP e o BNG se opuxeron no Pleno de Organización a este cambio, o alcalde explicou que o seu novo salario fora consensuado co portavoz do PP. Este, pola súa banda, asegura que o socialista minte e considera que “a desfachatez de Darío Piñeiro non ten límites”.

O voceiro popular tamén denuncia que o rexedor utiliza un vehículo do Concello “para fins persoais”, e conclúe que “non se pode ser máis aproveitado”. Así, o PP pediulle ao alcalde que se o quere seguir usando “o mínimo é que o inclúa como retribución en especie“.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here