Tomé presenta a composición do Goberno Provincial

O alcalde de Monforte asumirá a área de Xestión Territorial, como xa viña facendo en Monforte.

Presentación da estrutura da Deputación de Lugo / Deputación de Lugo

O pasado venres día 26 foi presentada na Deputación de Lugo a formación de deputadas e deputados que compoñerán este organismo os próximos catro anos. Desta equipa, o presidente José Tomé afirmou que está deseñada “para ser o máis útil posible á provincia, a través dos Concellos e do tecido asociativo”.

Como presidente, José Tomé encargarase da dirección do Goberno e a Administración, e da representación da Deputación, entre outras. Ademais, asume a área de Xestión Territorial, que inclúe as materias de Vías e Obras, Parque Móbil e Unidade de Proxectos. Tomé afirmou que esta decisión responde á vontade de “implicarme directamente na xestión para impulsar e garantir o reequilibrio social e territorial”. Con todo, en Monforte, concello do que é alcalde, xa se viña encargando destas cuestións“e parece que deu bo resultado”.

PSOE e BNG, partidos que compoñen a presidencia da Deputación, repartiron o resto de áreas de Goberno. Os socialistas encargaranse das áreas de réxime interior, promoción do territorio e turismo, de promoción económica e social, de economía, recadación e facenda, de participación cidadá, de muller e igualdade, de cooperación e asistencia aos concellos, de formación e ensino, de medio ambiente e de recursos sostibles. Os nacionalistas, pola súa parte, contarán con competencias en Deportes, Artesanía e Deseño, Memoria Histórica, Medio Rural, Mar, Mocidade, Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here