Reproches na Deputación sobre o CEIP Frei Luís: “Vostede levaría os seus fillos a un colexio apuntalado?”

O pleno provincial celebrado este martes tocou o asunto das obras acometidas no colexio de Sarria, que "poñen en xogo a seguridade do alumnado", segundo o BNG e o PSdeG. Pola contra, o PP defende a actuación da Xunta e acusa o goberno de "querer repartir carnés de bos e malos pais" entre a comunidade educativa.

O colexio Frei Luís de Granada, en Sarria, permanece parcialmente apuntalado | XdL

A busca de solucións para o CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), apuntalado por obras, fixo que se endurecera o ton empregado no pleno provincial deste martes. Por un lado, o BNG e o PSdeG criticaron a “insensibilidade” da Xunta ao recomendar nun primeiro momento a continuidade das clases no colexio e poñer, así, “en risco” a seguridade do alumnado. Á súa vez, o PP afeoulle ao goberno provincial que “queira repartir carnés de bos e malos pais” entre a comunidade educativa deste centro sarrián.

Esta cuestión foi trasladada á sesión plenaria da man do grupo provincial do BNG, que presentou unha moción para demandar unha solución realista para o CEIP Frei Luís de Granada. O deputado nacionalista Efrén Castro anunciou a “seriedade” coa que desenvolvería a súa intervención, ao tratarse dun caso “no que se xogou coa seguridade dos nenos e nenas”.

Neste sentido, agradeceu a “decisión heroica” do profesorado que, pese ás “presións recibidas”, determinou que non se daban as circunstancias axeitadas para continuar coa actividade lectiva. Pola contra, “a Xunta mostrou unha grande insensibilidade”, afirmou Castro. Referiuse ás declaracións do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que apelaba á “tranquilidade” mentres “o informe técnico aseguraba que podían caer cascallos”, entre outros. “O grave é que este problema de deficiencias nas estruturas foi detectado no 2011″, engadiu, “e a Xunta non fixo nada durante este tempo”.

Pola súa parte, o deputado do PP e concelleiro de Sarria José Antonio García defendeu a actuación da Xunta neste aspecto e lembrou que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, se achegou ao colexio para propoñer unha solución alternativa. “Conseguiu o consenso do 85% dos pais”, dixo, en referencia á suxestión de trasladar o alumnado temporalmente a outra zona do centro que estaba en desuso. Así mesmo, indicou que xa se estaban acometendo melloras para acondicionar ese espazo co fin de poder desenvolver con normalidade a actividade lectiva.

“Os pais e nais aceptaron iso porque non había outra solución“, retrucou o deputado nacionalista. “Pero seguirán vixiantes de se se cumpren unhas condicións de seguridade mínimas”, ademais de seguir esixindo unha zona de recreo, ximnasia ou comedor sen perigo para o alumnado.

“VOSTEDE LEVARÍA OS SEUS FILLOS A ESTE COLEXIO?”

A estas críticas tamén se sumou a bancada socialista. O deputado Pablo Rivera sinalou “certa neglixencia” durante a xestión do acontecido neste colexio. “Non sei se ten fillos. Pero, se os ten, vostede levaríaos a este colexio nestas condicións?”, preguntoulle directamente ao deputado do PP, algo ao que García respondeu axiña: “Eu fiaríame do que din os técnicos”.

“Son vostedes uns oportunistas”, censurou o popular. “Parece que queren repartir carnés de bos e malos pais” en función de se decidiron levar os seus fillos á escola ou non.

CONTROL “EXHAUSTIVO” DO CONCELLO”

Sesión plenaria á parte, esta mañá tamén se manifestou sobre este asunto o alcalde do Concello de Sarria. O independente Claudio Garrio prometeu un “control exhaustivo” sobre o colexio que permanece en obras. O rexedor tamén reprochou á Xunta o feito de non ter actuado antes: “o problema é o mesmo ca no 2011 e xa había un informe técnico que indicaba que decisións había que tomar”.

Con todo, o Concello colabora coa Consellería de Educación para acondicionar a Escola Fogar, onde se moverán parte dos 367 alumnos escolarizados. Segundo o delegado territorial da Xunta en Lugo, as clases poderían retomarse con “normalidade” o vindeiro día 3 de febreiro.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here