Test para todo o persoal sanitario, asistencial e de servizos, demanda do BNG no sur de Lugo

O BNG esixe á Xunta de Galicia probas a todo o persoal, sanitario, asistencial e de servizos. Dende o BNG sinalan que non ten sentido recrutar persoal substituto para cubrir as baixas por infección de COVID19 e non realizar test de control previos.

Recollida de mostras para análise do COVID19 dende o coche no Hospital Meixueiro de Vigo © Miguel Nuñez

O BNG considera que non se pode tolerar “a discriminación absurda do persoal para realizar os test PCR que se realizan só a persoal sanitario, e non á súa totalidade.” Pregúntanse que acontece co Persoal de Servizos Xerais, Limpeza, atención ao público e outros; “non son contaxiables esas persoas?”, din. “É inasumible para nós esta desprotección e inseguridade laboral, por iso solicitamos á Xunta un cambio inmediato na aplicación destes protocolos, xa que o test é preceptivo para todo o persoal, segundo indica a OMS nas pautas para evitar o espallamento,” insisten os nacionalistas.

Dentro do material imprescindible, os EPI teñen que ser de uso obrigado en todos os ámbitos e instalacións do sistema sanitario e asistencial galego polo que a Xunta, titular das competencias, debe garantir a súa entrega. E tamén se deberían, considera o BNG, prover do mesmo a todas as traballadoras e traballadores de todos os servizos considerados esenciais para a sociedade, e que posúen risco por contacto con outras persoas: nos establecementos de alimentación, persoal de limpeza, correos, transporte e distribución, telecomunicacións, investigación, persoal de coidados, servizos de atención ao fogar (SAF), gasolineiras, etc.

O BNG felicita ao persoal das residencias da contorna pola ‘escasa’ incidencia de contaxios e pide ao goberno galego un Plan de choque para residencias, de aplicación urxente e obrigada. “Hai que lembrarlle á Xunta que non se negocia coas vidas das persoas e que no desmantelamento privatizador do sistema socio sanitario público está a clave para entender gran parte das dificultades que estamos tendo para enfrontar a pandemia do COVID19”, afirma Rosana Prieto, responsable comarcal BNG Lugo Sul.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here