“En Ribas de Sil fuximos do autobombo e de accións propagandísticas”, Rosi Quiñones

A concelleira de Servizos Sociais deste concello fala do traballo que se ten realizado ata o momento para loitar contra a pandemia da Covid-19, un traballo que, a diferenza doutros concellos do sur de Lugo, non se anuncia nin se detalla cara a prensa.

Rosa Quiñones repartindo máscaras. Foto: R.Q.

Nestes meses de estado de alarma os concellos tiveron, e teñen, moito traballo no seu labor de coidar da poboación. Primeiro, asegurando a saúde pública para impedir contaxios, e despois minimizando no posible os efectos da crise económica sobre a veciñanza. Ribas de Sil foi un dos concellos que poden presumir de non ter ningún caso recoñecido de COVID19, froito do bo traballo de contención e do factor sorte que tamén axuda.

Ribas de Sil foi un dos concellos que poden presumir de non ter ningún caso recoñecido de COVID19

Rosi Quiñones, concelleira de Servizos Sociais en Ribas de Sil, cóntanos que a primeira decisión importante que tomaron foi “redeseñar o servizo de axuda a domicilio con horarios continuos e ofrecendo dende o primeiro momento material de protección a todas as traballadoras”. Tamén se preocupou de que non faltaran máscaras, mercaron unhas 2.000 cirúrxicas, unhas 1.000 ffp2 e unha partida para os máis pequenos, facendo o reparto das mesmas a domicilio e chegando a toda a veciñanza. Como detalle lembra cunha das auxiliares de axuda a domicilio, costureira, elaborou tamén algunhas. Despois xa chegaron máis máscaras a través da Xunta e da Deputación.

Máscaras e pantallas protectoras que se repartiron en Ribas de Sil

Abondando no material de protección chegaron pantallas protectoras a través de doazóns, unhas a través dun rapaz da Rúa e outras confeccionadas por Marino, un veciño de Ribas de Sil. Entregáronse unhas 80-90 pantallas a todos os establecementos do concello, bares, farmacias, talleres, supermercados, librería…

Quiñones, ademais de concelleira é tamén a Vicepresidenta de Protección Civil, colectivo que está a ter tamén unha gran relevancia ofrecendo asistencia á veciñanza. Dinos que a colaboración co concello está sendo magnífica, e o persoal deste corpo encargouse de facer reparto de medicamentos, de compras  de máscaras para entrega a domicilio aos grupos de riscos e veciñas/os con algún tipo de limitación.

Persoal de Protección Civil entregando máscaras. Foto: R. Q.

Como en concellos veciños, o goberno municipal ofreceu tamén axuda aos escolares colaborando co Colexio de San Clodio. Imprimíronse tarefas e repartíronse a domicilio nas casas dos pequenos e pequenas. O envío dos deberes aos profesores xa foi por conta das familias dende as súas casas.

No labor de desinfección, segundo a concelleira, fixéronse limpezas dúas veces por semana en puntos de maior tránsito de San Clodio -centro de saúde, supermercados, farmacias, etc- e cada pouco tamén en todos os núcleos de poboación do concello. “Buscando a eficacia práctica deixamos tamén os colectores coa tapadeira levantada para evitar que a xente non os tivese que tocar á hora de tirar o lixo”, sinala Rosi Quiñones.

Un concello que fixo tamén os deberes, como lle corresponde, pero que non visibilizou o seu traballo con cada acción nos medios de comunicación

No plano económico e social dende o concello fixéronse algunhas compras de “emerxencia social”, pero de momento nada extraordinario, e tamén se está a traballar nun plan de axuda económica. Pretenden liberar fondos do orzamento municipal destinados a eventos e festas que non se farán, como por exemplo a Festa da Cereixa, e tamén fondos do Plan Único para confeccionar unhas bases para esa axuda económica á poboación. “Unha axuda que dará cobertura a toda a poboación, tanto a particulares como a empresas e autónomos”, matiza Quiñones.

Un concello que fixo tamén os deberes, como lle corresponde, pero que non visibilizou o seu traballo con cada acción nos medios de comunicación. “Por decisión política decidimos facer todo o preciso, pero fuximos do autobombo e de acción propagandísticas”, conclúe Rosi Quiñones.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here