A lucense Monsa Urbanismo S.L. gaña o concurso de ideas para a ponte de Monforte

Este pasado xoves 25 de xuño tivo lugar en Lugo unha nova reunión do Xurado para coñecer a empresa adxudicataria do proxecto da futura Ponte Nova de Ferro que cruzará o Cabe na zona do Malecón.

Momento no que se deu a coñecer a empresa gañadora do concurso de ideas. Fonte: Prensa Concello de Monforte

Nesta segunda xuntanza, o Xurado do Concurso de Ideas procedeu a apertura do sobre nº 1 que contiña o nome de cada unha das 7 empresas ou persoas que presentaron as ofertas técnicas deste concurso baixo un nome ficticio, así como a documentación administrativa requirida para o mesmo.

A continuación, o Alcalde José Tomé Roca anunciou que o proxecto baixo o lema “Mercedes” -o de maior puntuación tras a valoración do Xurado das 7 ofertas técnicas presentadas e dado a coñecer tras a reunión celebrada o pasado luns día 22 de xuño- correspondía á empresa lucense Monsa Urbanismo S.L.

O Xurado, tras comprobar que a documentación presentada neste sobre nº 1 era a correcta dacordo coas bases do concurso, procedeu a emitir a correspondente acta que resolve o devandito concurso e que deixa constancia da proposta gañadora.

O Xurado estivo presidido, ao igual que na xuntanza do pasado luns, polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e formaron parte do mesmo o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle Cillero, dous enxeñeiros designados pola Universidade da Coruña, dous enxeñeiros designados polo Colexio de Camiños, Canles e Portos de Galicia, e dous enxeñeiros pertencentes á Deputación Provincial de Lugo.

A través dun decreto de Alcaldía procederase a establecer como gañador deste concurso de ideas a Monsa Urbanismo S.L. e darase orde do inicio do expediente de adxudicación, por procedemento negociado sen publicidade, do contrato para a redacción do proxecto e da dirección de obra.

O premio para a proposta gañadora é a redacción do proxecto construtivo da Ponte Nova e a dirección de obra durante a súa construción. Adxudicado o contrato de servizo, a empresa terá un prazo de 4 meses para a redacción do proxecto e baixo a supervisión dos servizos técnicos do concello.

Nos vindeiros días, as 7 propostas presentadas a este concurso daranse a coñecer mediante exposición pública para que podan ser coñecidas por todos os veciños e veciñas de Monforte.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here