InicioPolíticaAna Pontón reivindica o rural desde a súa casa natal en Chorente,...

Ana Pontón reivindica o rural desde a súa casa natal en Chorente, Sarria

"Antes loitabamos por manternos, agora coñezo mellor o que pasa no país e sei que estamos preparados para facer historia e non seguir coas rutinas de sempre. Sempre fun optimista, pero agora vexo posibilidades reais de que se produza un cambio," asegura a candidata do BNG desde a súa casa natal en Chorente, na compaña de seus pais.

Publicado o

- Advertisement -

A candidata á Presidencia polo BNG, Ana Pontón, inicia a súa axenda de campaña cun acto na súa casa natal na aldea de Chorente, no concello de Sarria, onde mantivo un encontro cos medios. Ata alí chegou acompañada polos seus pais, Aurita e Luis, que a apoiaron durante todo o encontro no que non faltaron “cousas da casa” e produtos locais para petiscar.

Ana Belén Pontón que así se chama porque á sua nai lle gustaban eses dous nomes, non pola cantante; ía camiñando ao colexio de Oural, a un quilómetro da súa casa e seu pai tamén traballaba alí, na cementeira. “Foi unha nena moi boa e moi traste. Gustáballe moito estudar, era moi intelixente, pechábase no cuarto e estudaba”, lembraba a súa nai, “sabía que ía chegar lonxe porque lle gustaba moito ler e cando estudaba concentrábase moito, sacaba moi boas notas”. 

A candidata do BNG lembraba que lle gustaban as ciencias, matemáticas o que máis, e que de nena pensara en ser xornalista pola visión idílica que tiña da profesión, co tempo apareceu a opción de dereito e rematou matriculándose en políticas, “pero non pensaba en ter un cargo público, dábame medo falar en público, a primeira vez tremábanme as pernas.”

Pero inquedanzas xa había no instituto, gañas de cambiar as cousas, segundo dixo, e entra en Galiza Nova “porque vía que había unha discriminación a Galicia e á lingua”, formaba parte dunha asociación cultural e dunha revista “Espellos”, onde un compañeiro seu publicou un relato erótico sobre homosexualidade, que desde a dirección do instituto querían botar atrás, pero publicouse e non pasou nada, lembra Pontón.

“Vivín a cultura do esforzo e da atención á natureza nesta casa na que non se tiraba nada”

Ana Pontón recoñecía o papel que xogou a súa avoa, unha avoa lectora e feminista coa que compartía habitación, unha muller avanzada ao seu tempo, segundo dixo, “Ela sempre me dicía que non podiamos aceptar a discriminación das mulleres. Nunca o permitas, dicíame. Sempre me animaron a que fora independente. Ensináronme o valor do traballo, a loitar polo que se cre. Agradezo a confianza que me deron, a educación para ter un futuro. Vivín a cultura do esforzo e da atención á natureza nesta casa na que non se tiraba nada.”

Ana Pontón campaña en Chorente / XdL

Co fondo sonoro das pitas e das vacas, na compaña de seus pais, Ana Pontón lembra esa infancia e adolescencia na que a sociedadade parecía dicir: non podes facer isto porque eres de aldea, non podes facer isto outro porque eres muller. “Estou orgullosa de ser de onde son. A todos nos marca vir de onde vimos. Ser do rural dache ver un potencial que non podemos perder.”

“estamos preparados para facer historia”

Agora asegura que nunca pensara ser candidata á presidencia da Xunta e amósase ilusionada pola emoción que dí está sentindo nas rúas, “estamos transmitindo que o país ten potencialidades para saír adiante. Temos que confiar en nós como país e non aceptar o non. Podemos construír e avanzar. Este país necesita máis que nunca un cambio e o nacionalismo preséntase como unha oportundidade,” sinala Pontón.

A candidata nacionalista asegura que lle gustan as campañas porque dan cercanía coa xente e son as persoas as que a inspiran “inspíranme as caixeiras do supermercado, como a miña irmá, que atenden aos demais e ao comezo da pandemia non tiñan máscaras ou os sanitarios.”

Recoñecía Ana Pontón que estar na oposición fora unha boa escola para poder gobernar e aseguraba que era a mesma persoa que nas anteriores autonómicas, pero que tiña un maior coñecemento do que acontece, “antes loitabamos por manternos, agora coñezo mellor o que pasa no país e sei que estamos preparados para facer historia e non seguir coas rutinas de sempre. Sempre fun optimista, pero agora vexo posibilidades reais de que se produza un cambio. É o que sinto na rúa. Somos o resultado dun traballo colectivo; temos claros os principios e temos ideas. Estamos xerando unha onda de simpatía.”

Ana Pontón campaña en Chorente / XdL

Lembraba Pontón que Feijoó prometera unha lexislatura do rural e que o rural estaba peor ca nunca porque “non houbo confianza no noso país, estamos nunha crise permanente que non está causada pola Covid. Hai que revitalizar o rural, crear emprego, diversificar a actividade e o resto vai vir porque o problema é o despoboamento. Todos os países avanzados teñen un medio rural moi potente e aquí non, temos que darlle medios e recursos”.

Ana Pontón campaña en Chorente / XdL

ÚLTIMAS

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...