Elena Candia (PP): “É o momento dun importante investimento no hospital de Monforte e seguiremos loitando por ter máis prazas nel”

Elena Candia lidera a lista do PP na provincia de Lugo. Natural de Mondoñedo, foi alcaldesa do seu concello e tamén presidenta da Deputación de Lugo. En marzo renunciaba como alcaldesa e como deputada para concentrarse na campaña. Nacida no 78 asegura que daquela a agora a situación do rural galego evolucionou en positivo.

Elena Candia

A pandemia da Covid19 fai que a campaña electoral sexa atípica. Como se está vivindo desde o PP na provincia?

A situación é diferente e temos que tentar saír reforzados desta pandemia. A nosa campaña vén marcada por encontros e actividades onde a prioridade é a protección da saúde das persoas que asisten. Nesta provincia o mitin tradicional gustaba, achegabas a documentación, preguntábanche cando era o mitin,… Era identitario da nosa campaña e tivemos que cambiar e adaptarnos. Agora estamos centrados en traballasr cos tecidos asociativos, cos veciños. Máis ca nunca as nosas mensaxes están na liña do que realmente se necesita e estamos máis apartados do debate ideolóxico e desa mensaxe máis política. Agora centrámonos en demostrar que a nosa prioridade é a xente e renunciamos a outro tipo de debates.

Do discurso do partido a interactuar máis coa xente, que vos trasladan nesta cercanía?

O primeiro que percibo é unha boa imaxe do Presidente e do traballo na xestión da crise. Hai épocas en que as capacidades de xestión teñen que visualizarse dun modo responsable, é difícil saír reforzado dunha crise porque son circunstancias que non depende dun, que non se poden controlar e vexo que o cidadán recoñece e identifica a un Presidente que dixo a verdade neste momento tan complicado, que se anticipou na toma de decisións moi duras como a declaración da emerxencia sanitaria ou o peche dos colexios. Iso a xente percíbeo e valórao. Procuramos ser humildes e receptivos para ter a opinión da xente. Na nosa provincia hai 28 persoas que xa non están con nós, son como as cifras do paro ou dos ertes, non son números; detrás hai familias e temos que esforzarnos en canalizar todo cunha sensibiilidade moi especial. Na xente vemos tamén unha grande preocupación por como encarar a realidade económica despois da covid.

Síntome ben con este modelo de campaña porque nesta provincia coñecémonos todos e os políticos debemos adaptarnos a esta nova realidade. A veces indentifícase ao político como un ser alonxado da realidade e que está no seu debate que non é moitas veces o debate da sociedade; se traballamos desta maneira será máis fácil para todos equivocarnos menos.

A sanidade quedou moi ao descuberto con esta crise e a Covid19 parece que chegou para quedarse. Que medidas se van tomar para adaptarse á nova situación, despois das críticas recibidas á xestión sanitaria da Xunta?

É difícil dicir que se está preparado para unha pandemia porque a situación é imprevisible e incalculable. As decisións, canto máis se apoien en cuestións técnico-sanitarias e non políticas, máis probabilidades terán de ser acertadas. É indudable que se necesitarán recursos e planificacións de protocolos que sempre van parellos a partidas orzamentarias. O investimento en infraestrutura e capital humano, que é o valor engadido da nosa sanidade en Galicia, ten que ser unha prioridade. Ese ten que ser o compromiso máis fiable como partido: os protocolos para coordinarnos, compromiso de previsión e de dotación orzamentaria. Reivindico iso na nosa provincia. Que eu poña en valor unha xestión de anos non quere dicir que non estea co maior empeño de reivindicar máis. Agora é o momento dun importante investimento no hospital de Monforte e seguiremos loitando por ter máis prazas nel.

En medios, no peor momento da crise, Galicia non precisou do hospital de campaña e non faltaron respiradores, cousas que demostraban que había unha infraestrutura.

Co rebrote da Mariña cal é o protocolo da Xunta na nova normalidade en casos coma este?

Estase facendo un gran seguimento de todos os contactos que puidera haber cunha persoa contaxiada, é imprescindible que as persoas cumpran co confinamento e a partir de aí extremar as medidas de seguridade.

Nas visitas ás empresas vexo moita preocupación por un novo confinamento, cando non hai contacto coa enfermidade unha das principais preocupacións é o tema económico. A distancia social é unha das principais medicinas, é imprescindible que as instrucións se cumpran, se respetamos as medidas de seguridade, as posibilidades de contaxio son moi baixas. Por agora a única vacuna é a distancia social. Estamos cambiando os nosos hábitos, temos que tentar non relaxarnos nos encontros familiares e con amigos, no momento que hai agrupación de xente o risco está aí. Agora a protección é accesible e asequible, non coma ao principio. Se cumprimos as medidas de seguridade seremos capaces entre todos de convivir co virus.

No caso de Alcoa cal é a proposta do PP, apoiará unha intervención pública para tutelar unha venda?

Desde o comezo falouse de apoio e colaboración activa da xunta na solución que propoña o goberno para salvar a produción de aluminio primario na Mariña. Hai partidos e persoas que pretenden confundir, non se trata de aliñarnos coa empresa se non de salvar os postos de traballo. A problemática do prezo da enerxía eléctrica en España non é de agora. Si que se agora se chegou a unha falta de compromico por parte de quen ten a competencia enerxética. A política enerxética é competencia estatal e quérense confundir competencias con desenvolvemento industrial.

Gobernos do PP e do PSOE teñen dado solucións. A Xunta comprometeu diñeiro, en reunións co comité de empresa púxose o desenvolvemento dun plan industrial paralelo, liderando desde o primeiro momento propostas de consenso para facer cambiar ao Estado, pero detrás hai un debate ideolóxico de política enerxética. Apoiar unha intervención provisional? Si, pero hai que ter un marco estable do prezo da enerxía, aprobar o estatuto coas alegacións e resolver isto se non o problema vai seguir estando aí.

Na nova lexislatura vai a seguir habendo polémicas coas infraestruras da cidade de Lugo?

Nos últimos tempos aplaudo que baixara un pouco esa presión. Pasa como con Alcoa, hai persoas máis preocupadas de “abatir” a Feijóo que de solucionar o problema e aquí pasa o mesmo, danar a imaxe e facer política co tema en lugar de poñer no centro de atención o que é bo para os cidadáns de lugo. A Xunta demostrou nesta últma lexislatura que cumpre e que ten proxectos moi imporantes e ilusionantes para Lugo como a rehabilitación do barrio da residencia; o investimento do auditorio que agora hai que enchelo cunha importante programación cultural,…

O Porto Seco de Monforte foi un proxecto do PP que inauguraba Aznar hai 20 anos, pero segue sen estar operativo. Que acontece con esta ansiada infraestrutura?

A Xunta leva 2 anos traballando no deseño da conexión directa do Porto Seco de Monforte coa estrada nacional e atopuse con todo tipo de dificultades. Primeiro por parte do Ministerio de Fomento, polo modo de enlace coa estrada nacional que se prevé converter en autovía, e despois coa reclamación da eliminación dun paso a nivel de Adif totalmente alleo ao trazado previsto pola Xunta.

Agora a Confederación Hidrográfica Miño-Sil denega a autorización para realizar a conexión coa N-120 e esixe a modificación do proxecto. A execución desta obra debe de ser facilitada e non freada,  como está a pasar. Desde a Xunta traballamos pola dinamización económica do Sur da provincia de Lugo como proban os máis de 20 millóns de euros investidos no Porto Seco de Monforte, e pedimos ao Ministerio que se adopten solucións construtivas para que o Porto Seco de Monforte non remate por converterse nun polígono de luxo infrautilizado.

En vinculación directa co Porto Seco estaría o ferrocarril, un tema que para Monforte é especialmente sensible, pero a perda de servizos continúa.

Tamén o é para a Mariña co ferrocarril de vía estreita e a importancia da conectividade coa alta velocidade. O PP participa da plataforma Lugo non perdas o tren, cando gobernaba o PP en Madrid quixemos facer un frente común con asociacións e todos os partidos tiñan o mesmo obxectivo, daquela póxose enriba da mesa un calendario e unha planificación e o compromiso de todos era vixiar que se cumprira. Ese compromiso vai máis lento do que nos gustaría.

Creo que neste momento o goberno do estado está aletargando todos eses compromisos. Pido a coherencia de que se se aposta polo rural o rural necesita servizos, como a alta velocidade e nos últimos tempos asistimos a un desmantelamento. Os socialistas teñen un discurso teórico cando están na oposición, pero a aplicación práctica dos seus principios queda na porta dos despachos ao entrar cando teñen responsabilidades de goberno. Hai pouco estivemos en Monforte denunciando este demantelamento. O PSOE pasa da crítica despiadada ao goberno de Feijóo e aliñarse co goberno central, non reivindicarlle nada e aplaudirlle todo, incluso os erros ou os castigos á nosa provincia.

Remátase a lexislatura do rural como a denominara Fejóo ao comezo, a oposición asegura que non houbo nada diso. Desmantelamento como co ferrocarril?

Como veciña do rural a visión catastrofista que ás veces se dá do rural non me gusta. Non hai que caer en ningún triunfalismo, pero tampouco nese derrotismo. Hai uns días tivemos un encontro de diferentes colectivos para vencer ese reto demogáfico; e representantes de ámbito nacional como a Asociación de loita contra o despoboamento dicía que quería exportar a outros lugares de España proxectos como as casas niño ou as casas do maior. As rebaixas fiscais nas permutas de fincas, algo moi importante para o sector primario; o investimento do plan en camiños, todo o apoio que se dá desde os grupos de desenvolmento rural, iniciativas agrogandeiras e turísticas no noso rural;…

Hai moito talento no rural, puxéronse instrumentos de apoio para o asentamento de poboación. Hai iniciativas que valorizan produtos do rural como o viño, a horta, que se identifican como de unha extraordinaria calidade. Tamén se están profesionalizando os traballadores nunha provincia na que as axudas para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria alcanzaron o 45% da convocatoria. Somos a provincia que máis axudas recibe e onde máis proxectos de incorporación ao mundo agrario se subvencionan.

Nacín no 78 e recordo a situación que tiña o noso rural e evolucionouse en positivo. Agora temos que aproveitar esta terrible situación para atraer persoas en busca dun determinado tipo de vivenda que queiran rehabilitar casas, axudas á rehabilitación, axudas a mozos en concellos de menos de 5.000 habitantes para adquirir unha vivenda. Pódense atopar exemplos para facer demagoxia, pero fixéronse cousas que están tendo recoñecementos a nivel nacional, isto desde a miña opinión é indiscutible.

Trala crise sanitaria virá unha crise económica que deixará a moita xente nunha situación de empobrecemento, que alternativas propón o PP?

A parte das prestacións socais como a Risga que temos desde hai uns 20 anos, a posibilidade de que os concellos poidamos solicitar unha subvención en bases aos risgas que teñamos recoñecidos nos concellos e a esas persoas se lles dea a posibilidade de traballar coa incorporación sociolaboral que supón. É un paso moi importante. A prestación debe estar garantida en colaboración con todas as institucións, os servizos sociais, os orzamentos de emerxencia social dos concellos. A prestación social debe de ser provisional e non hai mellor axuda para saír da pobreza que a creación de emprego. 

Eu sempre digo que despois da saúde o que máis necesita unha persoa é a posibilidade de desenvolverse profesionalmente e aí ten que estar o noso proxecto de futuro para as personas máis afectadas por esta terrible pandemia. No plan de reactivación hai que axudar a dixitalizar, a reorientar, aí creo que está a saída. Hai que ter un plan de reactivación que se fundamente nos nosos sectores estratéxicos e aí o noso rural pode ter un papel fundamental, xa demostrou que está mellor preparado para superar todo, incluso as pandemias. Temos que mellorar a conectividade, incentivando ás empresas de telefonía para que dean servizos ao rural. Apostar pola conectividade, as autovías dos séculos que nos veñen van ser dixitais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here